Posíbel Área de distribución orixinal de Prionailurus planiceps. As zonas amarelas indican unha alta probabilidade; as zonas azuis, unha baixa probabilidade. Os triángulos representan avistamentos históricos.[3][4]
Posíbel Área de distribución orixinal de Prionailurus planiceps. As zonas amarelas indican unha alta probabilidade; as zonas azuis, unha baixa probabilidade. Os triángulos representan avistamentos históricos.[3][4]
Inicialmente a especie foi situada, por Vigors e Horsfield, dentro do xénero Felis, como Felis planiceps.[5]
En 1951, John Ellerman e Terence Morrison-Scott agruparon Felis planiceps con Felis viverrina (o gato pescador), distribuído no baixo Siam, os Estados malaios, Sumatra e Borneo, e rexistrado tamén na rexión de Patani (sur de Tailandia e norte de Malaisia).[7]
En 1961, a especie foi incluída no xénero Prionailurus polo biólogoalemán Weigel, que comparou o patrón da pel dos felinos salvaxes e domésticos.[8]
Finalmente, en 1997, investigadores do National Cancer Institute confirmaron esta clasificación taxonómica despois do seu estudo filoxenético.[9]
O epíteto específico, planiceps, está formado pola unión dos elementos do latín científicoplani-, tirado do adxectivo do latín clásicoplanus, -a, -um, 'plano', e -ceps, derivado deste elemento do latín antigo, da mesma raíz que caput, -is, 'cabeza'. Literalmente: 'de cabeza plana'.
A característica máis salientábel é a súa cabeza plana, que se distingue de inmediato pola depresión extrema do cranio. A cabeza é máis alongada e cilíndrica que a do gato doméstico. A forma cilíndrica, e a contracción lateral da cabeza, contrastan cunha lonxitude infrecuente dos dentes; os dentes caninos son case tan longos como nun carnívoro dúas veces máis grande. A distancia entre os ollos e as orellas é comparativamente grande. O seu corpo é delgado, e as extremidades son delicadas e alongadas.[3]
Plionailurus planiceps, na Tangkulap Forest Reserve, Malaisia.
A pelaxe, grosa, é de cor parda avermellada na parte superior da cabeza, parda mís escura no tronco, e branca con pencas escuras nas partes inferioes. A cara é máis clara que o tronco, e o fociño e o mento son brancos. Dúas franxas abrancazadas, prominentes, discorren a ambos os lados do nariz, entre os ollos. As orellas son arredondadas. Os ollos están infrecuentemente moi adiantados e moi xuntos, en comparación con outros gatos, o que favorece a visión estereoscópica deste felino. Os dentes están adaptados para agarrar presas esvaradizas, e as mandíbulas son relativamente poderosas. Estas características axudan ao gato de cabeza plana a atrapar e reter presas acuáticas, estando tan ben adaptado para isto como o gato pescador. As patas son bastante curtas. As garras son retráctiles, pero as fundas de cobertura teñen un tamaño tan reducido que dous terzos das garras quedan sobresaíntes.[11]
Os premolares anteriores son máis grandes e máis afiados que os doutros gatos. As membranas interdixitais dos seus pés axudan a este gato a ter unha mellor tracción en ambientes lamacentos e con auga, e son incluso máis pronunciadas que as do gato pescador.[12]
A lonxitude de cabeza e tronco oscila entre os 41 e os 50 cm, aos que hai que engadir unha curta cola de 13 a 15 cm.[11] O seu peso varía entre 1,5 e 2,5 kg.[13]
Gatos de cabeza plana foron rexistrados na Pasoh Forest Reserve (Reserva Forestal de Pasoh) da península Malaia en 2013.[16] Como a Reserva Forestal de Pasoh non contén grandes ríos ou lagos e xeralmente está cuberta por bosques de dipterocarpáceas, esta detección subministra unha nova evidencia do alcance potencial de hábitats da especie. A reserva clasificouse como de baixa probabilidade de ocorrencia nun modo de distribución da especie previamente publicado.[14] A paisaxe circundante de Pasoh está dominada por plantacións de palmeiras produtoras de aceite de palma que se estableceron desde a década de 1970. A detección, que se produciu a 1,5 km das plantacións, suxire que o gato de cabeza plana é máis tolerante ante os cambios no seu contorno que o que se asumía anteriormente.[16]
Os gatos de cabeza plana son presuntamente solitarios e probabelmente manteñen o seu territorio defendido por marcas de olor. En catividade, as femias e os machos esparexen a urina camiñando cara a adiante nunha posición agachada, deixando unha pista no chan.[17] Relacións históricas anecdóticas informan que son nocturnos, pero unha femia cativa adulta observouse que era crepuscular, e máis activa entre as 8 da mañá e as 11 e media da noite, e entre as 6 da tarde e as 10 da noite.[11]
O contido estomacal dun espécime adulto capturado na marxe dun río malasio era só de peixes. Observáronse lavando a comida, estilo mapache. Os peixes vivos son cazados facilmente, somerxendo o gato totalmente a cabeza na auga, e os peixes normalmente son transportados polo menos a 2 m de distancia, o que suxire unha estratexia de alimentación para evitar que as presas acuáticas fuxan de novo á auga. Os espécímes cativos mostran un maior interese nas posíbeis presas na auga que na terra seca, o que suxire unha forte preferencia pola caza fluvial no seu hábitat natural.[18] As súas especializacións morfolóxicas suxiren que a súa dieta está composta principalmente de peixes, pero rexistráronse casos de capturas de sapos, e crese que comen tamén crustáceos.[11] Tamén capturan ratas e polos.[12]
As vocalizacións dunha cría de gato de cabeza plana semellaban as dun gatiño doméstico. O repertorio vocal dos adultos non foi analizado por completo, pero rosman (ou, mellor, ronronean, como propón o Servizo de Normalización Lingüística da USC)[19] e emiten outras vocalizacións de curto alcance.[20]
O seu período de xestación dura uns 56 días. Das tres camadas rexistradas en cativerio, unha estaba formada por dous gatiños, as outras dúas eran uníparas. Dous individuos en catividade viviron 14 anos.[11][12]
A prinbcipal ameaza do gato de cabeza plana é a destrución e degradación das zonas húmidas e os bosques.[12] As causas desta destrución inclúen os asentamentos humanos, a transformación forestal en plantacións, a drenaxe para a agricultura e a excesiva caza, a corta de madeira e pesca. Ademais, o desprazamento dos mangleirais litorais durante a última década foi rápido na Asia tropical. O esgotamento das poboacións de pesca, debidas á pesca excesiva, é frecuente en moitos ámbitos húmidos asiáticos e é probábel que sexa unha ameaza significativa. A expansión das plantacións de aceite de palma actualmente vese como a ameaza máis urxente.[2]
Tamén está ameazado polas trampas e os velenos.[11] Os gatos de cabeza plana son capturados con trampas instaladas para protexer as aves domésticas.[12]
Aínda que os gatos de cabeza plana non son presas para os cazadores furtivos no sueste asiático, a caza furtiva de especies colaterais en pequenas trampas pode supoñer unha ameaza adicional para a especie. En paisaxes fragmentadas, os atropelos por vehículos a motor e a competencia directa cos gatos domésticos poden representar ameazas máis graves.[16]
Prionailurus planiceps está inclúído no Apéndice I de CITES. A especie está totalmente protexida pola lexislación nacional en toda a súa área de dispersión, e a súa caza e o seu comercio prohibidos en Indonesia, Malaisia e Tailandia.[2]
Jackson, Peter & Adrienne Farrell Jackson (1996): Les félins, toutes les espèces du monde: París / Lausanne: Delachaux et Niestlé. La bibliothèque du naturaliste. ISBN 2-603-01019-0.
Marion, Rémy; Catherine Marion, Géraldine Véron, Julie Delfour, Cécile Callou & Andy Jennings (2005): Larousse des Félins. París: Larousse. ISBN 2-03-560453-2.