Zelandia (continente)

continente

O continente de Zelandia, tamén chamado continente de Nova Zelandia, é un continente case mergullado, que se afundiu despois de separarse de Australia hai 60-85 millóns de anos e da Antártida hai 130-185 millóns de anos.[1][2] Acabouse de mergullar hai aproximadamente 23 millóns de anos e a maior parte está afundida (ao redor do 93 %) baixo o océano Pacífico.[3][4]

Topografía de Zelandia. As liñas que se marcan ao norte, ao nordés e ao suroeste lonxe de Nova Zelandia non son consideradas parte do continente. Tampouco Australia, Fidxi nin Vanuatu.

Ten unha área de 4 900 000 km², é máis grande ca Groenlandia ou a India e máis da metade do tamaño de Australia.[5] É excepcionalmente longo e estreito, desde Nova Caledonia ao norte até máis aló das illas subantárticas de Nova Zelandia polo sur. Nova Zelandia é o anaco máis grande do continente sobre o nivel do mar, seguido de Nova Caledonia.

Este descubrimento foi posible grazas á análise de miles de datos xuntados ao longo de décadas por diferentes expedicións científicas. Os investigadores tamén explicaron que Zelandia é un fragmento do supercontinente de Gondwana, que se separou hai máis de 100 millóns de anos.[6]

O descubrimento de Zelandia ten importantes implicacións tanto para a xeoloxía como para a bioloxía mariña, xa que podería axudar a explicar como se formaron os continentes, e aclarar como se distribúen as diferentes especies animais e vexetais. A pesar de que Zelandia é o máis novo dos continentes, foi unha das últimas partes da Terra en ser descubertas e recoñecidas como tal.[6]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos