Trono Ludovisi

O Trono Ludovisi, malia o seu nome, non é un trono senón un bloque de mármore branco, oco na parte posterior e esculpido en baixorrelevo nos seu tres lados. A súa autenticidade é debatida; quen a aceptan, sitúana na Grecia Occidental, en Magna Grecia, datándoa no período próximo a 460 a. C. (baseados no "estilo severo" que manifesta, o cal pertence á transición entre a Época Arcaica e os comezos da Clásica. O Trono Ludovisi consérvase no Museo Nazionale Romano, Roma, dende que foi mercada polo goberno italiano en 1894.

Nacemento de Afrodita, relevo principal do Trono Ludovisi (Palacio Altemps, Roma)

Descrición

O relevo central adoita interpretarse como Afrodita saíndo do mar, un motivo coñecido como Venus Anadiómena. A deusa está a se vestir cunha roupaxe diáfana coa asistencia de dúas Horas que se preparan para cubrila cun lenzo que sosteñen ambas as dúas, o cal a oculta de cintura para abaixo. Os dous relevos dos lados dan as costas discretamente ao misterio do tema central. Un amosa unha muller cun veo agachada, pendurando o incenso dun thymiaterion que sostén coa súa man esquerda dentro dun queimador de incenso que se atopa sobre unha tarima. No outro atópase unha moza espida, sentada cun xeonllo sobre o outro,[1] mentres toca a frauta dobre o aulos; unha tea que suxeita o seu cabelo.

Descubrimento e controversia

O Trono foi atopado en 1887, no que anteriormente era o inmenso terreo da Vila Ludovisi en Roma, onde estiveran situados os xardíns de Salustio, sendo trasladado dentro da Vila Ludovisi,[2] de onde recibe o seu nome.[3] Os Ludovisi eran unha familia papal que foran mecenas e coleccionistas dende comezos do século XVII. As dificultades financeiras obrigaron á venda da colección Ludovisi ao Estado italiano en 1894. Os terreos da Vila Ludovisi foron fraccionados, trazáronse rúas e o distrito medrou, mudando totalmente.[4] Existe un debate respecto ao propósito orixinario do obxecto, o significado dos seus relevos e o lugar onde foi fabricado, pero en 1982 puido vencellalo sen dúbida cun templo en Marasa, preto de Locri,[5] un templo xónico de Afrodita cuxo interior foi reconstruído en 480 a. C. Mediante unha reconstrución do Trono, puido demostrarse que este axustábase exactamente entre os bloques que quedaban da base do templo; ademais, suxeriuse que os candeleiros de terracota, ou pinakes, de cultos de Locri Epizefiri, son o único paralelo artístico ao Trono.[6]

As únicas outras representacións dunha muller espida pertencente a este período (c. 460 a. C.) poden atoparse na olaría de Ática. As críticas respecto das anomalías anatómicas e os detalles e dúbidas sobre a autenticidade do Trono Ludovisi, foron resumidas por Jerome Eisenberg nun artigo de 1996 en Minerva; alí aseveraba, en parte, que a flautista hetera era unha versión derivada dun psykter de finais do século VI a. C., realizado por Eufronios, cotizado en 1857 no Ermitage da colección Campana. Eisenberg notou que a representación romana de Penélope gardando loito por Odiseo, aínda que moi posterior, é a única iconografía na escultura clásica que amosa unha muller coas súas pernas cruzadas: a Penélope está completamente vestida.

A iconografía respecto da temática do Trono Ludovisi non ten paralelo na antigüidade, polo que adoita pola en dúbida. Debido a que as asistentes se atopan paradas sobre unha superficie pedregosa, ofrecéronse algunhas interpretacións alternativas. Unha é que a figura erguéndose coincide coa vestimenta ritual dunha deusa ctónica, probablemente Perséfone, xurdindo por unha fenda na terra;[7] cabe destacar que Pandora aparece de xeito semellante nas pinturas de varios vasos de Ática. Outra interpretación suxire que a figura sexa Hera emerxendo renacida das augas do Canato, preto de Tirinto, como Hera Parthenos.[8]

O Trono de Boston

O Trono Ludovisi ten un xemelgo menos logrado: o Trono de Boston que se atopa no Museo de Belas Artes de Boston. Este apareceu en 1894, pouco despois da poxa da colección Ludovisi, e foi mercado polo crítico Edward Perry Warren, quen doouno á cidade de Boston. Moitos negan a autenticidade do Trono de Boston. Unha conferencia no Palazzo Grassi, Venecia, en 1996, comparou a ambos os obxectos. Na actualidade, o Trono de Boston non é exhibido. No caso de non ser unha falsificación producida ao redor de 1894, podería tratarse dunha escultura romana deseñada para ser colocada xunto coa grega nalgún lugar dos xardíns de Salustio.

Notas

Notas

  • Melissa M. Terras, 1997. "Os Tronos Ludovisi e de Boston: Comparación" Sitio web dedicado completamente ao Trono Ludovisi e ao Trono de Boston. (en inglés)
  • Kim J. Hartswick (2004). The Gardens of Sallust. A Changing Landscape, Austin, TX: University of Texas Press. Unha exploración dos xardíns e o edificio da Vila Ludovisi.
  • H. H. Powers, 1923. "The 'Ludovisi Throne' and the Boston Relief", The Art Bulletin, 5.4 (xuño de 1923), pp 102–108.
  • Bernard Ashmole e William J. Young (1968). "The Boston Relief and the Ludovisi Throne", Bulletin of the Museum of Fine Arts, 66, Nº 346, pp 124–66.

Ligazóns externas