Tigre de Tasmania

Thylacinus cynocephalus
Lobo marsupial,
tigre de Tasmania,
tilacino

Rango fósil: plioceno - holoceno

T. cynocephalus no zoo de Washington D.C., c. 1906
Estado de conservación

Extinto dende 1936[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Subfilo:Vertebrata
Clase:Mammalia
Subclase:Theria
Infraclase:Marsupialia
Magnorde:Australidelphia
Superorde:Eometatheria
Orde:Dasyuromorphia
Familia:Thylacinidae ()
Xénero:Thylacinus
Especie:T. cynocephalus
Nome binomial
Thylacinus cynocephalus
(Harris, 1808)
Sinonimia

O lobo marsupial,[2] tigre de Tasmania ou tilacino (Thylacinus cynocephalus) foi unha especie de mamífero marsupial australiadelfo da orde dos dasiuromorfos e familia dos tilacínidos,[3] actualmente extinta e orixinada no Holoceno.

Era nativo de Australia e Nova Guinea, e crese que se extinguiu no século XX (oficialmente, o ano 1936).[4] Tratábase do último membro vivente do seu xénero (Thylacinus), cuxos outros membros viviron en tempos prehistóricos a partir de principios do mioceno.[5]

O lobo marsupial extinguiuse no continente australiano uns 4.000 anos antes da chegada dos colonos europeos, pero sobreviviu en Tasmania, xunto con outras especies endémicas, incluíndo o demo de Tasmania. Xeralmente adoita culparse da súa extinción á caza intensiva, incentivada por recompensas, pero poderían ter contribuído outros factores como, por exemplo, as enfermidades, a introdución dos cans (dingos), ou a ocupación do seu hábitat polos humanos.[5]

Aínda que se considera oficialmente extinto, hai quen di telo visto.[6]

Características

Como os tigres e os lobos do hemisferio norte, dos cales herdou varios dos seus nomes comúns, o lobo marsupial era un superdepredador. Sendo un marsupial, non tiña relación con estes mamíferos placentarios, pero debido á converxencia adaptativa, presentaba a mesma forma xeral e as mesmas adaptacións.[7]

O lobo marsupial foi o maior carnívoro marsupial, moi parecido a un cánido, pero un detido exame das súas características morfolóxicas revela un gran número de diferenzas cos verdadeiros lobos placentarios. As orellas eran máis arredondadas e a boca moito máis ampla, chegando case de orella a orella.
Tamén son distintivas as de 13 a 17 raias cebradas da parte porsterior do tronco deste animal,
Pero quizais o aspecto máis distintivo foran os seus cuartos traseiros e a cola: o tronco, no canto de terminar abruptamente, como nos cánidos, facíao paulatinamente, de forma semellante á dos canguros; e a cola, moi potente na súa base, e comprimida lateralmente, era moi ríxida; as patas traseiras tiñan tamén un aspecto diferencial, xa que o tarso era proporcionalmente máis curto que nos cánidos.[7]

Alimentación

o lobo marsupial era exclusivamente carnívoro. O seu estómago posuía unha grosa capa muscular e podería distenderse para permitir a inxesta de grandes cantidades de comida. Probabelmente era unha adaptación para compensar os longos períodos de caza infrutuosa nos que o alimento era escaso.[8]

A análise da estrutura do esqueleto e as observacións do animal en cativerio suxiren que seleccionaba unha presa e despois a perseguía até que estaba exhausta. Algúns estudos conclúen que o animal podería cazar en pequenos grupos familiares; o grupo principal facía fuxir ás presas na dirección dun tilacíno preparado para emboscalas.[9] De feito, os cazadores confirmaron que cazaba mediante a técnica da emboscada.[8]

As súas presas incluían canguros, ualabís, vombátidos, paxaros e pequenos marsupiais como canguros rata e falanxeriformes. A súa presa preferida podería ser o emú de Tasmania, antano abundante. Esta especie de emú era unha grande ave non voadora que compartía o hábitat do lobo marsupial e que acabou extinguíndose a causa do exceso de caza en contra o ano 1850, posibelmente coincidindo co descenso do número de lobos marsupiais.[10] Tanto os dingos como os raposos tamén tiñan ao emú como presa.[11][12] En catividade, os lobos marsupiais eran alimentados cunha gran variedade de alimentos, incluíndo coellos e ualabíes mortos, así como con carne de boi, de cordeiro e de cabalo.[13]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Paddle, R. (2000): The Last Tasmanian Tiger: The History and Extinction of the Thylacine. Cambridge University Press. ISBN 0-521-53154-3.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • "Dasyuromorphia" en Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

Ligazóns externas