Teodoro García Egea
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Noutros proxectos
Teodoro García Egea, nado en Cieza (Murcia) o 27 de xaneiro de 1985, é un político español, deputado por Murcia no Congreso durante as X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas e secretario xeral do Partido Popular dende o 26 de xullo de 2018 ata o 22 de febreiro de 2022.[1][2]
É enxeñeiro de Telecomunicación e doutor enxeñeiro pola Universidade Politécnica de Cartaxena.[3] A súa actividade investigadora céntrase no procesado de sinal cerebral, o control, a automática e as redes inalámbricas. Tamén realizou estudos en mercadotecnia política e xestión de proxectos pola Universidade George Washington así como un programa de liderado de xestión pública en IESE. É profesor asociado do Grao Enxeñería de Telecomunicación na UCAM.[4]
A nivel político, foi concelleiro no Concello de Cieza (2007-2009), onde se proclamou campión do mundo en lanzamento de óso de oliva (2008)[5], director da Axencia de Xestión da Enerxía da Rexión de Murcia, secretario de área de tecnoloxía do PP da Rexión de Murcia e vicesecretario de formación de Novas Xeracións da Rexión de Murcia. En xaneiro de 2012 accedeu ao Congreso en substitución de Jaime García-Legaz e foi reelixido en 2015 e 2016.[6][1]
O 26 de xullo de 2018 Pablo Casado, presidente do Partido Popular, nomeouno secretario xeral do PP.[7] A súa xestión foi criticada por algúns sectores do partido e, finalmente, acabou presentando a súa dimisión o 22 de febreiro de 2022.[8] Nos días previos, varios medios de comunicación sinalaron a unha suposta trama de espionaxe á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, dende a propia dirección do Partido Popular por mor do cobro dunha suposta comisión por parte do seu irmán. Isabel Díaz Ayuso sinalou nunha rolda de prensa a Pablo Casado e Teodoro García Egea o que provocou que este, como secretario xeral anunciase o inicio dun expediente contra Díaz Ayuso.[9] Estes episodios causaron unha forte división dentro do Partido Popular, que sinalou como responsable a Teodoro García Egea.[10] Ante as críticas e o cuestionamento interno, Teodoro García Egea presentou a súa dimisión.[11]