Sunrise: A Song of Two Humans (tamén coñecido como Sunrise) é un filme estadounidense de 1927 dirixido polo alemán F. W. Murnau e protagonizado por George O'Brien, Janet Gaynor e Margaret Livingston. A historia foi adaptada por Carl Mayer a partir dunha historia curta, "Die Reise nach Tilsit", de Hermann Sudermann.[1][2] Murnau optou por empregar o daquela novo sistema de son Movietone, facendo de Sunrise: A Song of Two Humans unha das primeiras longametraxes cunha banda sonora e efectos sonoros sincronizados. O filme inclúe a composición de Charles Gounod de 1872 Marche funèbre d'une marionnette.
Obtivo tres Óscar na primeira edición dos premios en 1928.[3] Pertence á era muda do cinema. En 1989, o filme foi considerado «cultural, histórica e esteticamente significativo» pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e escollido para a súa preservación no National Film Registry.[4]
Na enquisa de 2012 realizada por Sight and Sound do British Film Institute, críticos de cinema votárono como o quinto mellor filme.[5]
Unha familia rural, formada por un matrimonio cun neno de pouca idade, ve transformada a súa vida coa chegada á aldea en que viven dunha sofisticada muller de cidade que vai pasar as vacacións. O campesiño namórase dela e obsesiónase tanto que descoida os seus labores e a súa familia, gasta diñeiro, arruína a granxa e a xente comeza a darse de conta. Con todo, o peor vén cando a muller lle pide que se desfaga da súa dona para poder marchar con ela á cidade. O home decide planear todo para cumprir os plans da súa amante, simulando un accidente coa barca no medio do lago no que afogará a súa esposa.
Cando chega o momento do asasinato non é quen de facelo e leva a barca á beira do lago. A súa muller, horrorizada, foxe e el séguea ata a cidade implorando o seu perdón. Entran nunha igrexa en que se está a celebrar unha voda e renovan os seus votos matrimoniais. Ela perdónao e pasan o día na cidade como se acabasen de casar. Pola noite volven á casa atravesando o lago cando se inicia unha terrible tormenta e o home, pensando só na salvación da súa esposa, átalle uns feixes de xuncos á cintura, pensados orixinariamente para salvarse el no seu esquecido plan criminal, antes de que a barca afunda.
- George O'Brien como O home
- Janet Gaynor como A esposa
- Margaret Livingston como A muller da cidade
- Bodil Rosing como A serventa
- J. Farrell MacDonald como O fotógrafo
- Ralph Sipperly como O barbeiro
- Jane Winton como A rapaza da manicura
- Arthur Housman como Cabaleiro arrogante
- Eddie Boland como Cabaleiro amable
- Sally Eilers como Muller no salón de baile (sen acreditar)
- Gino Corrado como Xerente do salón de peiteado (sen acreditar)
- Thomas Jefferson como Vello mariño (sen acreditar)
- Herman Bing como Condutor do tranvía (sen acreditar)
- Gibson Gowland como Condutor furioso (sen acreditar)
Sunrise foi dirixida por F. W. Murnau, director alemán que fora unha das principais figuras do expresionismo alemán, estilo que emprega deseños distorsionados para efectos simbólicos. Murnau foi invitado por William Fox para realizar un filme expresionista en Hollywood. O filme resultante inclúe escenarios estilizados que crean un mundo esaxerado de conto de fadas; só a construción das rúas da cidade custaron máis de 200 000 dólares e foi empregado despois en moitas producións da Fox, como Four Sons, de John Ford (1928).[6] Gran parte da rodaxe de exteriores tivo lugar en Lake Arrowhead, California.
Chea de innovacións cinemáticas, a innovadora fotografía (de Charles Rosher e Karl Struss) foi loada particularmente polos travellings. Os intertítulos aparecen moderadamente, con longas secuencias de acción pura e o groso da historia contada co estilo de Murnau. O extenso uso da perspectiva forzada é sorprendente, especialmente nas escenas da cidade, con xente de estatura media e decorados de tamaño normal en primeiro plano e figuras máis baixas en escenarios máis pequenos no fondo.
As personaxes non teñen nome, proporcionándolles unha universalidade simbólica.[7] Veit Harlan comparouno co remake alemán Die Reise nach Tilsit (1939), indicando que o simbolismo de Sunrise convertíao nun poema, mentres que o realista Die Reise nach Tilsit era un filme.[8]
Sunrise gañou o premio Óscar á Película Singular e Artística na 1ª edición dos Óscar en 1929.[9] Janet Gaynor gañou o primeiro Óscar á mellor actriz pola súa interpretación no filme, ademais das súas actuacións no filme de 1927 7th Heaven e no de 1928 Street Angel).[10] Charles Rosher e Karl Struss gañaron tamén o Óscar á mellor fotografía.