Monochirus hispidus
Monochirus hispidus Soldado | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||
Monochirus hispidus Rafinesque, 1814 |
Monochirus hispidus Rafinesque, 1814 é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] unha das dúas que integran o xénero Monochirus,[2] que vive no Atlántico oriental e no mar Mediterráneo, e que se coñece en galego como soldado.[3]
Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as dúas especies teñen o corpo aplanado, asimétrico, e os dous ollos situados no mesmo lado, na cara pigmentada.
Taxonomía
Descrición
A especie foi descrita en 1814 polo naturalista estadounidense de orixe franco-xermana-italiana Constantine Samuel Rafinesque.[1]
Sinónimos
Ademais de por este nome, que é o que lle asignou orixinalmente Rafinesque, e actualmente válido, coñeceuse tamén poloa sinónimos:[1]
- Monochirus pegusa Risso, 1827
- Pleuronectes trichodactylus Nardo, 1824
- Solea monochir Bonaparte, 1833
Etimoloxía
O nome xenérico, Monochirus, está formado pola raíz do latín científico mono-, tirada da do grego antigo μονο-, drerivada de μόνοσ mónos, "un", "unha", e da forma -chirus, tirada do termo grego antigo χείρ χειρός cheír, cheirós, "man".[4] Literalmente: "unha soa man" (neste caso, aleta).
E o nome específico, hispidus, é a forma masculinba do adxectivo latino hispidus, -a, -um, "ourizado", "encrespado".
Características
- É un pequeno linguado que pode alcanzar os 20 cm de lonxitude,[5] aínda que o tamaño medio dos espécimes capturados rolda os 12 cm.[6]
- A coloración do lado ocular ou pigmentado vai da agrisada á para avermerllada.
- A aleta dorsal está sustentada por de 50 a 58 raios, e a anal, por de 40 a 45.
- A aleta dorsal ten a súa orixe diante do ollo superior.
- A aleta pectoral do lado pigmentado presenta 5 ou 6 raios. No lado cego está ausente (ao que alude o seu nome xenérico).[7]
Hábitat e distribución
É un peixe mariño, demersal, oceanódromo, que vive en fondos de 10 a 250 m, areosos ou lamacentos,[8] con frecuencia cerca de lugares onde medran plantas,[9] en augas subtropicais do océano Atlántico (incluído o Mediterráneo), entre os 44° N e os 4° N, e os 19° W e os 36° E, desde Portugal até Ghana.[7]
Pesca
Monochirus hispidus é obxecto de pesca nas áreas 27, 34 e 37 (nordeste do Atlántico, Atlántico centro-leste e Mediterráneo e mar Negro, respectivamente).[3]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 1037-1049, en: J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Lisboa: JNICT; París: SEI e UNESCO. Vol. 2.
- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. 4ª ed. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-9.
- van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.