Solón (en grego Σόλων), nado en Atenas cara ao 640 a. C. e finado na mesma cidade cara ao 560 a. C., foi un lexislador, estadista e poeta da Grecia arcaica. Considerado un dos Sete sabios de Grecia, é recoñecido habitualmente como o iniciador da Democracia ateniense.
A súa figura coñécese grazas a fontes como os seus propios poemas, que lle reportaron sona antes das responsabilidades públicas, e mediante comentarios e alusións nas obras doutros autores como Aristóteles e Plutarco.
Nado no seo dunha familia aristocrática vida a menos,[1] autores clásicos coma Plutarco colócano coma parente de Pisístrato. A propia tradición ateniense recollida polo autor sitúano como artífice da reconquista da illa de Salamina polos atenienses, tras o conflito mantido con Megara (c. 612 a. C.). A campaña de Salamina é obxecto dunha elexía composta por el. Como poeta cultivou tamén a lírica iámbica e política.
Os éxitos déranlle prestixio entre os seus paisanos, o que lle valeu para ser escollido arconte con poderes extraordinarios arredor do 594 a. C. Por espazo de catro anos levou a cabo unha serie de reformas lexislativas de grande importancia, procurando o que chamou a Eunomía, ou boa orde e goberno.
Abandonou Atenas en 590 a. C. e dedicouse a viaxar por varios países, coma Chipre, Lidia e Exipto.[2] Na poesía dese tempo, insiste en que non tirara proveito do seu cargo para lucrarse ou manterse no poder.[3] Volveu á polis natal cando estaba gobernada polo tirano Pisístrato, quen se amosou respectuoso co vello lexislador, finando na propia cidade á idade aproximada de 80 anos.
A admiración posterior pola súa tarefa política fíxoo ser considerado como un dos sete sabios de Grecia. O renome acadado fixo que lle foran atribuídas leis promulgadas noutros períodos.[4] Tamén foi empregado como personaxe en diálogos en obras de Heródoto e de Platón.[5]
Substituíu o código de Dracón por un conxunto de leis escritas que ampliaron as competencias da xustiza a eidos como o matrimonio, a sucesión, a herdanza, os sacrificios e os funerais. Entre estas disposicións lexislativas destacan a retirada do dereito que asistía aos pais de decidiren sobre a vida e a morte dos seus fillos, a concesión do dereito á herdanza e sucesión aos fillos naturais, a prohibición da venda dos fillos por parte dos seus pais e diversas medidas encamiñadas a eliminar os gastos suntuarios dos aristócratas.
Outro ámbito característico desta xeira reformadora foi que permitiu a un maior número de habitantes participaren na vida pública ateniense, aínda que mantendo o patrimonio como o elemento determinante da xerarquía social e o criterio para determinar a participación nos cargos públicos e militares. Para tal efecto, permitiu que os thetes, xornaleiros que carecían ata o momento de dereitos políticos, accedesen á Ekklesía, podendo participar na elección dos maxistrados. Tamén creou unha nova institución, a Bulé, consello de 400 membros elixidos por sorteo cada ano encargado de preparar as reunións da Ekklesía, vixiar a execución das leis e a orde cidadá. A Heleia, tribunal popular formado por 6.000 membros, contribuíu a achegar a xustiza ao pobo. Ademais, Solón concedeu a facultade a todos os cidadáns de emprenderen unha acción xudicial, así como de apelaren a un tribunal popular a decisión dun maxistrado. Deste xeito, a aristocracia tradicional, os eupátridas, perderon o monopolio do poder e o demos, a maior parte da poboación, foi recoñecido como parte integrante da cidadanía.
A gran mudanza no ámbito social foi a disposición da Seisactía, consistente na abolición total da débedas dos campesiños, sen ningunha indemnización para os nobres acredores. Esta medida permitiu abolir a escravitude de quen se vendera por mor das débedas e, por ende, aliviar en grande medida a situación do campesiñado da Ática. Ademais, considérase que liberou a escravos vendidos a fóra de Atenas por este motivo.
As clases sociais ficaron divididas en catro categorías definidas en función do produto da súa terra medido en peso de cereal e de líquido, a saber:
- Pentacosiomedimnos.
- Hippeis.
- Zeugitas.
- Thetes.
Só as dúas primeiras clases tiñan dereito a elixiren e a seren elixidos nas maxistraturas do Estado. Por outra banda, cada categoría social desempeñaba un papel diferente no exército, tendo en conta que eran os propios cidadáns mobilizados para o exército os que debían custear o seu propio material militar. Por exemplo, os hippeis eran cabaleiros que podían pagarse un cabalo, os zeuxitas realizaban funcións de infantaría pesada e os thetes formaban a infantaría lixeira e actuaban de remeiros na mariña de guerra. Con esta reforma, a posición social e o cargo na Administración e no exército viñan determinados pola fortuna e non polo nacemento.
As medidas en materia económica tomadas por Solón xiraron basicamente en torno a tres eixos fundamentais: a fixación do sistema de medidas e moedas, as modificacións na agricultura e o impulso na artesanía e no comercio. Así, consolidou as medidas en medimno para os sólidos e en metreto para os líquidos e acuñou moeda, coñecida como euboico. Propiciou o cultivo da vide e da oliveira en detrimento da agricultura cerealística e impulsou a cerámica e o comercio en xeral.
- Fernández Uriel, P. (2011). Historia Antigua Universal II. El mundo griego. Universidad Nacional de Educación a Distancia, Madrid.
- Gómez Espelosín, J. (2001). Historia de Grecia Antigua. Akal Textos. Madrid.
- Blok, J. H., André P., e Lardinois, M.H. (2006). Solon of Athens: New historical and philological approaches. Brill, Leiden.
Democracia ateniense |
---|
Nove arcontes | | |
---|
Outros cargos | |
---|
Organismos e procedementos | |
---|
Tribunais e xuíces | |
---|
Períodos non democráticos | |
---|
Reformadores | |
---|
Reformas | Reforma de Solón · Reforma de Clístenes |
---|
Subdivisións administrativas | Tribo · Demos (Demarcos) |
---|
Política exterior | |
---|
Outro | Cidadanía na Grecia antiga |
---|