Shih-tzu

raza de can

O shih-tzu é unha raza de can moi antiga (os primeiros datos atopados sobre eles datan do século X a.C.) nativa do Tíbet. Non hai unha opinión xeneralizada sobre a súa orixe, pero adoita aceptarse a hipótese que descenden dos cans tibetanos lhasa apso, cos cales teñen similitudes. Como os lhasa apso, os shih-tzu son unha raza vinculadas dalgún xeito coa relixión budista. Os chineses criábanos para que se asemellasen a leóns. Mesmo o nome da raza, "shih-tzu" significa "can-león", que tamén pode ser atribuído ó ladrido destes animais, e á súa tendencia a ladrar ós estraños e rosmar ante a menor provocación, sendo por este motivo moi apreciados como cans gardiáns. Ten unha media de vida de máis de 10 anos.

Shih-tzu.

Etimoloxía

O nome shih-tzu provén da palabra chinesa "can león" xa que este tipo de can foi criado para parecerse ao león,[1] tal e como se representan os leóns gardiáns chineses na arte oriental tradicional.[2] (Hai outra raza, o pequinés, tamén chamada "can león" en chinés). "Shih-tzu" é a romanización dos caracteres chineses 獅子, que significan león. A romanización Wade-Giles estaba en uso cando a raza foi introducida por primeira vez nos Estados Unidos, pero nos tempos modernos utilízase a romanización Pinyin, facéndoo shīzi. En chinés mandarín a pronunciación é aproximadamente SHIRR|dzə.

Tamén é coñecido como o can "Xi Shi" (西施犬) porque Xi Shi foi considerada como unha das mulleres máis fermosas da antiga China.[3] O shih-tzu foi alcumado como can crisantemo en Inglaterra durante a década de 1930.[4] O can tamén podería ser chamado o león Tibetano, aínda que se a raza debe ser referida como "tibetana" ou "chinesa", tal e como afirma, o movemento de independencia tibetana é unha resposta absoluta que "talvez nunca se saiba".[5]

Historia

Shih-tzu.

Durante o século XVII o Dalai Lama obsequiou ao Emperador algúns exemplares desta raza. A finais do século XIX, Ts'eu-hi, emperatriz avoa do último emperador, era unha grande admiradora do shih-tzu polo que tiña máis dun centenar destes animais xunto con cuidadores especializados para os mesmos. Desafortunadamente ao morrer a emperatriz en 1908 a popularidade do shih-tzu viuse drasticamente reducida.

Non foi senón a principios dos anos trinta, cando comezou a introducirse en casas de notables chineses volvéndose un pouco máis común. Foi naquela época cando recibiu algúns nomes do tipo: Lhassa lion dog, tibetano poodle etc. En 1934 fundouse o primeiro club especializado da raza, o Peking Kennel Club. Con todo, a invasión xaponesa na China durante ese mesmo ano ocasionou que a raza se extinguise no seu propio país de orixe.

Afortunamente os europeos afeccionáranse a esta raza e despois da súa aparición no vello continente os Shih-Tzu substituíron os lhasa apso como os cans favoritos de nobres e ricos. Os viaxeiros que durante aquela época visitaban o país oriental trouxeron a moda destes pequenos cans a Europa e, posteriormente, en 1955 esa moda comezou a estenderse polos Estados Unidos, onde causaron unha forte impresión. Na era moderna, a moda dos Shih-Tzu desapareceu gradualmente, e tras a revolución comunista a raza de cans considerouse extinta na China, aínda que xa deixara o seu sinal en Occidente.

Toda a herdanza xenética dos Shih-Tzu provén de sete parellas de cans, un deles pequinés, que grazas ao esforzo de varios historiadores puideron ser identificados.[6]

Características

O shih-tzu é un can pequeno, algo máis largo que alto; non adoita superar os 26–27 cm de altura á cruz, e o peso oscila entre os 4,5 e os 7,3 kg. A súa cabeza é, á súa vez, reducida en relación co resto do corpo, cun fociño curto e ollos moi grandes e escuros. As orellas, grandes e colgantes, teñen tanto pelo que parecen formar un todo co pelo do colo. Está cuberto por un suave manto de dobre capa. A cola, tamén moi poboada, enróscase sobre o dorso. É chamativa a súa forma de camiñar, como con "distintiva arrogancia". Unha característica moi notable é a mordida prognática, que se require no estándar da raza.[7]

Cores

Con respecto á cor do seu pelo, o Shih-tzu pode presentar unha gama que inclúe varios tons de dourado, branco e marrón. Outras cores son o ouro con máscara negra, branco e negro, negro sólido, fígado, fígado e branco, atigrado, branco con gris, branco e canela.[8] Aínda que non é tan común, algúns exemplares, locen tamén azul sólido.

Temperamento

A raza ten un temperamento leal, cariñoso e sociable, e adoita manterse alerta. É un can gardián excelente, aínda que non foron criados especificamente para este fin. A diferenza do lhasa apso, que foi criado para ser un can sentinela e, por ende, desconfiado cos estraños, o shih-tzu prefire estar preto dos seus propietarios e con frecuencia ofrécelles afecto a persoas descoñecidas para el. Debido ao seu carácter amigable, o shih-tzu tende a relacionarse ben con outros cans e cos nenos.

Mortalidade

Unha enquisa do Kennel Club no Reino Unido estabelece a media de vida dun shih-tzu nos 13 anos e 2 meses, se ben a maioría viven entre 10 e 16 anos.[9]

Coidado

Os ollos son sempre enormes, polo cal hai que prestarlles un coidado especial se se queren evitar problemas de saúde nesta zona. O seu pelo é longo e moi denso, pero nunca rizado (permítese un pouco de ondulación). O fouciño é curto e chato, o que ás veces lles produce problemas de respiración; por exemplo, é bastante habitual que ronquen sonoramente.

Manto ou pelo

A tradicional pelaxe longa e sedosa, que lle chega ata o chan, require un cepillado diario para evitar enredos. Debido á súa capa de pelo longo e de rápido crecemento, a preparación regular é necesaria, o que pode ser custoso e débese considerar cando se pensa nesta raza. A miúdo, o pelo recórtase moi curto para simplificar os coidados. Para mostralo nas exposicións de conformación o pelo débese deixar no seu estado natural, aínda que o recorte e a limpeza arredor das patas e o ano se permite.[10]

Alimentación

Hai que ter coidado, tamén, coa alimentación: son cans de estómago moi delicado, normalmente non aceptan ben outra cousa que non sexa alimento seco, mais se lles pode dar comida sólida moi moderadamente.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

  • Mal-shi