Shigella sonnei

especie de bacteria gramnegativa

Shigella sonnei

Colonias de Shigella sonnei despois do seu cultivo durante 48 horas en ágar entérico Hektoen (HEK).
Clasificación científica
Dominio:Bacteria
Filo:Proteobacteria
Clase:Gammaproteobacteria
Orde:Enterobacteriales
Familia:Enterobacteriaceae
Xénero:Shigella
Especie:Shigella sonnei
(Levine 1920) Weldin 1927 [1]
Sinonimia

Bacterium sonnei Levine 1920

Shigella sonnei é unha especie de bacteria gramnegativa do xénero Shigella.[2] Xunto con Shigella flexneri, é responsable do 90% dos casos de shigelose.[3][4] Shigella sonnei recibe o seu nome en honra do bacteriólogo danés Carl Olaf Sonne.[5][6] É unha bacteria gramnegativa, con forma de bacilo, non móbil, e non formadora de esporas.[7]

Fisiopatoloxía

Esta especie polimeriza a actina da célula hóspede.

Evolución

Esta especie é clonal e está espallada por todo o mundo. Unha análise de 132 cepas mostrou que se orixinaron dun antepasado común en Europa arredor do ano 1500 d.C.[8]

Causas

As bacterias do xénero Shigella do "grupo D" causan shigelose. As persoas que se infectan con estas bacterias libérana nas súas feces, causando así a posibilidade de que se espalle pola auga ou por contacto directo cunha persoa por vía oral. As condicións hixiénico-sanitarias malas ou a comida ou auga contaminada contribúen a contraer esta doenza.[9]

Persoas en risco

Os meniños e nenos, anciáns, viaxeiros e persoas enfermas son susceptibles de sufrir os síntomas máis graves da enfermidade causada por S. sonnei. A shigelose padécena comunmente individuos con síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) e complexos relacionados coa SIDA, así como homes homosexuais sen SIDA. A shigelose pode transmitirse tamén por persoas con SIDA que contraeron previamente unha shigelose grave e prolongada, incluíndo os que teñen a infección espallada polo torrente circulatorio, o cal pode ser mortal.[10][11]

Síntomas

As infeccións oden orixinar febre aguda, dores abdominais agudos, dores rectais, náusea, diarrea acuosa ou feces con sangue, moco ou pus, que poden aparecer nun período de 1 a 7 días despois de estar en contacto coas bacterias.[9] A maioría das infeccións por Shigella adoitan desaparecer sen complicacións, pero se se deixa sen tratar ou se atrasa a diagnose pode orixinar algunhas complicacións graves como deshidración (algunhas poden orixinar un shock e a morte), convulsións, síndrome hemolítico-urémico, megacolon tóxico e artrite reactiva.[12]As persoas con diarrea adoitan recuperarse completamente, aínda que poden pasar varios meses ata que os seus hábitos intestinais sexan totalmente normais. Unha vez que se tivo shigelose, xa non é probable infectarse de novo co mesmo tipo de microbio polo menos durante varios anos. Porén, poden infectarse con outros tipos de Shigella.[13]

Posibles complicacións

  • Deshidración
  • As convulsións aparecen máis a miúdo en nenos, aínda que non se coñece como a Shigella causa estas complicacións.
  • As infeccións no sangue poden orixinarse nas infeccións por Shigella, que dana os intestinos, o que permite que este e outros xermes viaxen polo torrente circulatorio.
  • O prolapso rectal pode darse pola tensión durante os movementos intestinais.
  • O megacolon tóxico paraliza os movementos intestinais ou causa o paso de gas.
  • Artrite reactiva, que é a inflamación das articulacións[14]
  • A síndrome hemolítica-urémica é unha complicación que aparece cando as bacterias entran no sistema dixestivo e produce toxinas para destruír as células sanguíneas que poden causar como síntoma diarrea sanguinolenta.

Prevención

Non se dispón de vacinas contra a Shigella. A mellor prevención contra a shigelose é o lavado de mans coidadoso e frecuente con xabón e auga antes e despois de usar o váter e antes de maniplar alimentos; ademais, é importante aterse estritamente ás precaucións de seguridade estándar coa comida e auga. Evitar ter relacións sexuais con persoas con diarrea ou que se acaban de recuperar dunha diarrea. Tamén é importante evitar beber ou tragar auga de lagoas, lagos ou piscinas non tratadas.[15][16]

Tratamento

Informouse de resistencia a antibióticos nesta bacteria.[17]

Cultivo no laboratorio

Pode cultivarse en ágar MacConkey e TSA, a 37 °C como temperatura óptima, pero tamén pode crecer a 25 °C. É un organismo anaerobio facultativo e quimioorganótrofo e produce ácido cando cataboliza carbohidratos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas