Serofobia

discriminación contra persoas que viven con VIH

A serofobia é o prexuízo, medo, rexeitamento e discriminación cara a persoas seropositivas. As persoas que viven con VIH poden enfrontarse a desigualdade de trato tanto social como institucionalmente.[1] A pesar de que aínda o VIH segue sendo un virus que non ten cura, hoxe en día o tratamento permite ás persoas seropositivas non só ter unha esperanza de vida igual á das persoas non infectadas sen chegar nunca a desenvolver SIDA, senón que mantén ó virus indetectable e, por tanto, intransmisible.[2][3][4][5]

A discriminación por VIH/SIDA existe en todo o mundo e inclúe ostracismo, rexeitamento, discriminación e evitación do contacto coa persoa infectada. As consecuencias do estigma cara ás persoas que viven co VIH dá lugar, por unha banda, a unha baixa participación no asesoramento e ás probas do VIH e a falta de interese en saber se se ten o virus en persoas que descoñecen o seu estado serolóxico e, por outro, a illamento social, soidade, baixa autoestima, crise de identidade ou depresión naquelas persoas diagnosticadas con VIH.[6]

A serofobia lastra a loita contra o VIH/SIDA e pode estar interseccionada con outra serie de prexuízos asociados á pobreza, a homosexualidade, a bisexualidade, a transexualidade ou á promiscuidade.[7][8][9] Nalgúns países a discriminación institucional inclúe restricións á liberdade de circulación, ó dereito de propiedade, ó acceso ó traballo, escola, servizos sociais e mesmo vivenda.[10][11][12]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos