Naceu en Foxrock (preto de Dublín) o 13 de abril de 1906, fillo de William Frank Beckett (1871-1933), un aparellador e descendente dos hugonotes, e Maria Jones Roe, unha enfermeira, cando ámbolos dous tiñan 35 anos.[2] Logo de asistir a unha escola protestante de clase media no norte de Irlanda, ingresou no Trinity College de Dublín, onde obtivo a licenciatura en linguas romances en 1927 e o doutoramento catro anos máis tarde. Ó mesmo tempo, continuou estudando o filósofo francés René Descartes e escribiu o ensaio crítico Proust (1931), que sentaría as bases da súa filosofía e obra. Foi entón cando coñeceu ao novelista e poeta irlandés James Joyce, do que foi amigo e colaborador. Entre 1932 e 1937 traballou e viaxou sen descanso e desempeñou diversos traballos para incrementar os ingresos da pensión anual que lle ofrecía seu pai, supoñéndolle un duro golpe a súa morte en 1933. En 1937 estableceuse definitivamente en París, pero en 1942 tivo que trasladarse ó sur de Francia, libre da ocupación nazi, fuxindo da Gestapo, pois Beckett sumárase á Resistencia. Ao final da segunda guerra mundial regresou a París, onde escribiu catro grandes obras: a súa obra dramática Á espera de Godot (1952) (a súa obra mestra en opinión da maioría dos críticos), e a súa triloxía Molloy (1951), Malone morre (1951) e O indomable (1953), que Beckett considera o seu maior logro, e na que os seus personaxes, misteriosamente enfermos e sumidos nun desesperado monólogo, esperan a súa disolución final e someten a linguaxe a un proceso de aniquilamento que constitúe unha das constantes de toda a súa produción literaria. En 1961 outórganlle o premio Internacional de Literatura, que compartiu con Jorge Luis Borges e, en 1969, foi galardoado co premio Nobel de literatura. Morreu en París o 22 de decembro de 1989.[3]
A obra de Beckett é fundamentalmente sombría e tendente ao minimalismo e, de acordo con certas interpretacións, profundamente pesimista (até nihilista[4]) sobre a condición humana. En consonancia con isto, co tempo os seus libros fixéronse paseniñamente máis crípticos e breves. O pesimismo de Beckett vén con todo temperado por un senlleiro sentido do humor, entre negro e sórdido (véxase Comentarios sobre o autor).
Samuel Beckett foi galardoado co Premio Nobel de Literatura en 1969 «pola súa escritura, que, renovando as formas da novela e o drama, adquire a súa grandeza a partir da indixencia moral do home moderno».[1] En 1961 recibiu así mesmo o "Premio Formentor" outorgado polo Congreso Internacional de Editores, xunto Jorge Luis Borges.
Nas súas obras, Beckett centrou a súa atención na angustia indisociable da condición humana, que na última instancia reduciu ao eu solitario ou ao nada. Tamén experimentou coa linguaxe ata deixar tan só un esqueleto, o que orixinou unha prosa austera e disciplinada pero chea de humor. A súa influencia en dramaturgos posteriores, sobre todos naqueles que seguiron os seus pasos na tradición do absurdo, foi tan notable como o impacto da súa prosa.
Tumba de Samuel Beckett no Cemiterio de Montparnasse, París
Escritor bilingüe, a partir de 1953 escribiu en francés e, ás veces, en inglés; xeralmente traducía a obra ó outro idioma, adaptándoa. Escribiu novelas, pezas e textos varios para radio, televisión e cinema.
Pavesas publicada por Tusquets en 1987, é unha recompilación de tódalas obras radiofónicas, televisivas e teatrais que pola súa curta extensión non puideron publicarse en libro.