S-adenosil metionina

composto químico
(Redirección desde «S-adenosilmetionina»)

A S-adenosil metionina [1][2], abreviada como SAM, SAMe ou SAM-e, que tamén pode aparecer escrita na literatura como S-adenosilmetionina, S-adenosil-L-metionina ou S-adenosil-metionina, é un co-substrato ou coencima común que intervén na transferencia de grupos metilo. A SAM foi descuberta en Italia por G. L. Cantoni en 1952.[3] Orixínase a partir de adenosina trifosfato (ATP) e metionina, que se unen pola acción do encima metionina adenosiltransferase (EC 2.5.1.6), de modo que se perden os fosfatos e a adenosina queda unida á metionina. As rutas metabólicas que utilizan a SAM son as que requiren transmetilación, trans-sulfuración ou aminopropilación. Aínda que estas reaccións anabólicas ocorran en todo o corpo, a maioría da SAM é producida e consumida no fígado.[3]

S-adenosil metionina
Identificadores
Número CAS29908-03-0
PubChem9865604
ChemSpider8041295
MeSHS-Adenosylmethionine
ChEMBLCHEMBL24991
Código ATCA16AA02
Imaxes 3D JmolImage 1
Propiedades
Fórmula molecularC15H22N6O5S
Masa molecular398,44 g/mol

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O grupo metilo (CH3) unido ao átomo de xofre da metionina na SAM é quimicamente reactivo. Isto permite a doazón deste grupo a un aceptor de substrato nas reaccións de transmetilación. Máis de 40 reaccións metabólicas implican a transferencia dun grupo metilo desde a SAM a varios substratos tales como ácidos nucleicos, proteínas e lípidos.

Nas bacterias, a SAM lígase ao riboswitch SAM (un ribointerruptor), que regula os xenes involucrados na biosíntese de metionina ou cisteína.

Bioquímica da S-adenosil metionina

Síntese e funcionamento

A S-adenosil metionina sintetízase cando a metionina reacciona co ATP na seguinte reacción catalizada pola metionina adenosil transferase:

L-Metionina + ATP S-adenosil metionina + PPi + Pi

Deste modo a adenosina queda unida á metionina polo seu átomo de xofre, e o grupo metilo final da metionina queda colgando do xofre. Nesta forma dito grupo metilo é moi reactivo e pode cederse facilmente a outras moléculas nas reaccións encimáticas, segundo reaccións como esta:

S-Adenosil metionina + molécula aceptora do metilo S-adenosil homocisteína + molécula aceptora metilada

Ao perder o seu grupo metilo, a S-adenosil metionina convértese en S-adenosil homocisteína.[4]

O ciclo da SAM

As reaccións que producen, consomen e rexeneran SAM denomínanse ciclo da SAM. Na primeira parte deste ciclo, as metilases dependentes de SAM (EC 2.1.1), utilizan a SAM como substrato e producen S-adenosil homocisteína como produto.[5] O produto desta reacción é hidrolizado a homocisteína e adenosina por medio da S-adenosilhomocisteína hidrolase EC 3.3.1.1 Arquivado 22 de xuño de 2011 en Wayback Machine., e a homocisteína é reciclada de novo a metionina pola transferencia dun grupo metilo desde o 5-metiltetrahidrofolato, por unha das dúas clases de metionina sintases (EC 2.1.1.13 Arquivado 22 de xuño de 2011 en Wayback Machine. o EC 2.1.1.14 Arquivado 22 de xuño de 2011 en Wayback Machine.). Esta metionina pode entón ser convertida de novo a SAM, pechándose así o ciclo.[6]

Biosíntese de poliaminas e outros compostos

Outra importante función da SAM é a biosíntese de poliaminas. Nesta ruta descarboxílase pola acción da adenosilmetionina descarboxilase (EC 4.1.1.50 Arquivado 22 de xuño de 2011 en Wayback Machine.) para formar S-adenosil-5'-3-metilpropilamina. Este composto doa o seu grupo n-propilamina na biosíntese de poliaminas como a espermidina e a espermina a partir da putrescina.[7]

A SAM é necesaria para o crecemento e reparación das células. Tamén colabora na biosíntese de diversas hormonas e neurotransmisores que afectan ao estado de ánimo, como a dopamina e a serotonina. As metiltransferases son tamén responsables da adición de grupos metilo aos hidroxilos 2' do primeiro e segundo nucleótidos próximos ao extremo 5' do ARN mensaxeiro.[8][9]

A SAM intervén na síntese do aminoácido cisteína e na conversión da fosfatidiletanolamina en fosfatidilcolina.[4]

Aplicacións terapéuticas

Nalgúns países, como EEUU a SAM véndese como suplemento nutricional que ten o nome comercial de SAM-e. A SAM tamén se comercializa como fármaco de prescrición médica aprobado en Rusia, Italia e Alemaña cos nomes de Gumbaral, Samyr, Adomet, Heptral e Admethionine. Diversas investigacións e estudos clínicos indican que a inxesta de SAM de forma regular pode axudar a combater a depresión,[10][11][12] as enfermidades do fígado e a dor da artrose.[13] Todas as demais indicacións aínda non están demostradas.

Aínda que algunhas evidencias iniciais indicaban que os niveis anormalmente baixos de SAM endóxena podían desempeñar un papel importante no desenvolvemento da enfermidade de Alzheimer, investigacións posteriores indicaron indican que os efectos observados se debían probablemente ás deficiencias de vitamina B12. Nos pacientes de Alzheimer encóntranse niveis moi baixos de SAM no líquido cefalorraquídeo [14] e en todas as rexións do cerebro.[15] As investigacións preliminares suxiren que a SAM pode ter un potencial terapéutico no tratamento con pacientes de [16] Alzheimer, e un estudo recente con ratos con Alzheimer mostra que os suplementos de SAM impiden o dano oxidativo e a deterioración cognitiva.[17]

Formas orais, uso e efectos adversos

Forma oral

A forma oral de SAM-e atingue concentracións plasmáticas máximas entre 3 e 5 horas despois da inxestión dunha tableta con cuberta entérica (400–1000 mg). A vida media é duns 100 minutos.[18] Pode tardar ata un mes en acadar o efecto máximo no tratamento da artrose.[18] Debido á súa inestabilidade estrutural, a SAM utilízase en forma de sales estables para o uso como medicamento oral. Os sales máis usados son: tosilato, butanodisulfonato, disulfato tosilato, disulfato ditosilato e disulfato monotosilato.[19]

Uso

A SAM-e absórbese mellor co estómago baleiro.[20] Os comprimidos con cuberta entérica aumentan a estabilidade e melloran a absorción. Debe almacenarse nun lugar fresco e seco.[19]

Efectos adversos

O consumo de SAM pode orixinar enfermidades gástricas, diarrea, dispepsia, ansiedade, dor de cabeza, trastornos psíquicos, insomnio, alerxias[18] e erupcións cutáneas. Os efectos a longo prazo son descoñecidos. O SAM-e é un axente de alquilación do ADN feble que pode actuar como un carcinóxeno feble.[21]

Posibles efectos secundarios

Unha vez que a SAM-e cede o seu grupo metilo á colina, na formación de creatina, carnitina, ADN, ARNt, noradrenalina, e outros compostos, transfórmase en S-adenosil homocisteína. En circunstancias normais, a homocisteína, en presenza de vitamina B6, vitamina B12 e ácido fólico (os principais cofactores da SAM-e), ao final convértese de novo en metionina, SAM-e, ou cisteína, glutatión e outras substancias útiles. Porén, se non hai unha cantidade suficiente destas vitaminas, a SAM-e non se metaboliza de xeito correcto. Como consecuencia, non se obteñen todos os beneficios da SAM-e, e a homocisteína pode aumentar a niveis inseguros.[22][23]

Os niveis elevados de homocisteína asociáronse con arteriosclerose (endurecemento e estreitamento das arterias), e un maior risco de ataques cardíacos, accidentes cerebrovasculares, danos no fígado, e posiblemente enfermidade de Alzheimer. Debido a isto, adoitan tomarse xunto coa SAM-e suplementos de vitamina B. Estas vitaminas axudan a metabolizar a homocisteína.[24]

Outro efecto secundario da SAM-e é o insomnio, polo que o suplemento adoita tomarse pola mañá.[20] Outros informes de efectos secundarios inclúen a falta de apetito, estrinximento, náusea, sequidade de boca, suoración, e ansiedade/nerviosismo, pero en estudos controlados por placebo, estes efectos secundarios ocorren aproximadamente coa mesma incidencia que nos grupos placebo. Algúns usuarios informaron un aumento de ansiedade con só 50 mg/día.[25]

O rango das doses terapéuticas xeralmente utilizadas sitúase desde 400mg/día ata 1600 mg/día, aínda que poden usarse doses máis altas nalgúns casos.[18][26] Algúns médicos recomendan doses aínda máis baixas situadas no rango de 50 a 200 mg/día para tratar depresións pouco graves sen desencadear efectos secundarios negativos.[25]

Síndrome serotoninérxico

Existe unha preocupación sobre a síndrome serotoninérxica asociada ao SAMe en combinación con outros medicamentos.[27]

Indución de manía

Hai algúns informes sobre unha posible indución de manía asociada co SAM.[28][29][30]

Interaccións e contraindicacións

A SAM reduce a resistencia á insulina.[31] Isto pode orixinar hipoglicemia cando se usa con fármacos antidiabéticos.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas