Río Cabreira
O río Cabreira (en castelán, Cabrera; en ásturo-leonés cabreirés, Cabreira) é un río da provincia de León, afluente do Sil pola súa beira esquerda.
Río Cabreira | |
---|---|
País | España |
Nacemento | Macizo de Trevinca |
Lonxitude | 69 Km |
Caudal medio | ? m³/s |
Desembocadura | Río Sil |
Descrición
Fontes
Nace no macizo de Trevinca, no lado leonés, ao pé do Picón (2.090 msnm), atravesando o lago glaciar da Baña.
Percorrido
O seu curso inicial é de dirección cara ao leste, mais logo colle unha ampla curva N-NW, que o conduce até o val do Sil, río ao cal se xunta na Ponte de Domingo Flórez, logo de 69 Km de percorrido. Practicamente é un río encaixado, que apenas se abre en pequenas veigas.
O conxunto da súa cunca abrangue unha área de 561 Km².
Afluentes
No cabreira desembocan, pola súa marxe dereita, o rego de Santa Eulalia, o de Noceda e o de Castrillo. Pola marxe esquerda conflúen nel o rego de Castrohinojo, o río de Silván e o de Benuza.
Réxime hídrico
O Cabreira é un río de réxime pluvio-nival.
Étimo
Toma o seu nome da comarca da Cabreira. A documentación medieval revela un nome anterior, pois é citado de dúas formas, Vivey e Ibei, a segunda das cales pode ser un estadio evolutivo da primeira por fonética sintáctica, pero tamén puido suceder ao revés. En todo caso Vivey sería paralelo ao actual Bibei, outro afluente do Sil, este en terras galegas. Ibei ten tamén paralelos na raíz, como o Ibias, en Asturias, ou o Iberus, o actual Ebro, e aínda o vasco ibai, "río".