Rosario Pi
- Artigo
- Conversa
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xullo de 1899 ![]() Barcelona, España ![]() |
Morte | 22 de marzo de 1967 ![]() Madrid, España ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | directora de cinema , actriz , escritora , guionista , empresaria ![]() |
Pseudónimo literario | Rizpay ![]() |
Lingua | Lingua castelá e lingua catalá ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() |
Rosario Pi Brujas, nada en Barcelona en 1899 e finada en Madrid o 22 de marzo de 1967, foi unha directora, produtora e guionista de cinema catalá.
Con Helena Cortesina, Ana Mariscal e Margarita Alexandre conforma o cuarteto de mulleres fundadoras do cinema de España.[1]
Rosario Pi naceu en Barcelona no seo dunha familia adiñeirada que posuía unha fábrica téxtil en Sabadell. Durante toda a vida sufriu as secuelas dunha parálise infantil (posiblemente poliomielite[2]) que a obrigou a levar un bastón e zapatos ortopédicos. Aínda así foi unha muller activa e intelectualizada.[3]
Abriu unha tenda de moda, ou unha corsetaría, en Barcelona na década de 1920, que non prosperou e acabou pechando en 1929 na procura doutros horizontes. Marchou a Madrid e, a partir de entón, centrou a súa actividade no cinema. Creou a produtora Star Films co mexicano Emilio Gutiérrez Bringas e co español Pedro Ladrón de Guevara, na que figuraba como presidenta.[4] Entre 1931 e 1935 produciu o primeiro filme sonoro de Edgar Neville, así como dos directores Benito Perojo e Fernando Delgado.
En 1933 produciu curtas e longametraxes e comezou a súa carreira cinematográfica detrás da cámara. Dirixiu o seu primeiro filme, El gato montés (1935), que se considerou o primeiro filme sonoro dirixido por unha muller en España ata que en 2020 se descubriu nos arquivos da Filmoteca Española o filme Mallorca, de María Forteza, cunha data que non se puido establecer con precisión.[5] Cómpre salientar que xa en 1921, outra muller, a bailarina e actriz Helena Cortesina (1904-1984) dirixira o filme mudo Flor de España o leyenda de un torero.[3]
Foi amiga de Perico Chicote e Ricardo Urgoiti, que lle deixaron os locais para os seus filmes, xa que non tiña recursos económicos suficientes.[3]
Os filmes de Pi, a pesar de seren folletíns típicos dos anos 30, tiñan trazos surrealistas e vangardistas que Luis Buñuel repetiu en Abismos de pasión (1953).[6] En plena guerra civil, comezou a rodar Molinos de viento (1937) que rematou en París, onde fuxiu coa protagonista, Maria Mercader. O filme, producido por Internacional Films, de Barcelona, estreouse en 1938, mais a súa proxección foi censurada na zona republicana porque Pi foi acusada de filofascista.
Recibiu unha oferta da Fox, mais tras desbotar a posibilidade de traballar en Hollywood,[6] Pi e Mercader marcharon a Roma, aos estudos de Cinecittà, onde coñeceron a Vittorio de Sica, que casou con Maria Mercader. Algúns críticos cren que Pi continuou a traballar no cinema en Roma e que foi a directora se acreditar do filme Forza bruta (1940).[7]
Na posguerra regresou a Madrid, despois de buscar un traballo en Barcelona, onde o réxime franquista —co que simpatizara— non a acolleu por ser unha muller de cinema e vangardista. Resultoulle imposible traballar na súa profesión nun mundo de homes en que só lle daba importancia ás mulleres como actrices. Escribiu algúns artigos co pseudónimo de Rizpay[8] e nos últimos anos da súa vida abriu un restaurante en Madrid, onde morreu en 1967.[3][4]
Título | Ano | Tarefa |
---|---|---|
¡Yo quiero que me lleven a Hollywood! | 1931 | Produción |
El hombre que se reía del amor | 1933 | Produción |
Odio | 1934 | Produción (filme dirixido por Richard Harlan) |
Doce hombres y una mujer | 1934 | Guión, escenografía, deseño de produción (filme dirixido por Fernando Delgado, sobre un libro de Wenceslao Fernández Flórez) |
El gato montés | 1935 | Dirección e guión (sobre a ópera de Manuel Penella) |
Molinos de viento | 1938 | Dirección (filme perdido[9]) |