Reforma monetaria de Augusto

A reforma monetaria de Augusto, levada a cabo por este emperador romano entre o 23 e o 20 a. de C., foi unha das máis importantes reorganizacións do sistema monetario da Antiga Roma, que fixaba as equivalencias entre as unidades de ouro (áureo), de prata (denario) e de oricalco (sestercio), e que permaneceu vixente case sen alteracións durante as dúas centurias seguintes.[1][2][3][4]

O emperador romano Augusto (27 a. de C. - 14 d. de C.)

Contexto histórico

Áureo de Augusto da ceca de Lugdunum

Logo da batalla de Accio, Octaviano logrou en 30 a. de C. a anexión de Exipto, completando así a unificación de toda a conca mediterránea baixo o poder de Roma. Á parte da evidente significación política deste feito, os importantes botíns que a Roma lle reportaba esta nova provincia, xunto coa rica minaría de Hispania, chegaron a provocar un exceso de masa monetaria en circulación.[5][6]

No marco dunha ampla reorganización de todos os sectores da Res publica romana para os acomodar á nova situación socio-económica, caracterizada polo renacemento da economía e do comercio en toda a área mediterránea e en todo o Imperio, cumpría tamén dotarse de novos instrumentos financeiros e monetarios, que se plasmaron nunha reforma monetaria baseada na fixación dunha equivalencia da moeda de ouro, o áureo (1/42 da libra), con 25 denarios de prata e 100 sestercios de oricalco.[7][8][9][10]

Caracterización da reforma

Denario de Augusto da ceca de Roma

Novidades respecto ao sistema anterior

As novidades principais foron as seguintes:

  • Fin das emisións de emerxencia realizadas en cecas móbiles que se ían trasladando en función das campañas militares, como ocorría frecuentemente, particularmente no período da guerra civil.
  • A restauración do peso do denario, que, malia manterse como moeda de referencia, diminuíra seriamente durante as guerras civís.
  • Renacemento das emisións subsidiarias doutras moedas como os cuadrantes, os ases e os dupondios, que practicamente chegaran a desaparecer da circulación durante os anos anteriores.
  • A substitución do antigo sestercio de prata, pouco útil polo seu ínfimo tamaño, por outro de oricalco de gran tamaño (arredor de 27 gramos), moi axeitado ademais para a difusión da propaganda augústea.
Sestercio de Augusto da ceca de Roma
  • División de tarefas entre o Princeps, que controlaba a cuñaxe de moedas de ouro e de prata na segunda ceca imperial, en Lugdunum (actual Lión), e o Senatus, que autorizaba a cuñaxe de moeda de cobre e as súas aliaxes, a través do Senatus consultum, tal e como evidencian as siglas SC que aparecen nestas moedas, cuñadas na ceca de Roma.[11][12][13]
  • Restauración da figura dos triumviri monetali.[14]
  • A normalización da presenza do busto dunha persoa viva no anverso das moedas.

Denominacións e pesos das moedas

Ás de Augusto da ceca de Roma

A reforma "cuadrimetálica" de Augusto garantía unha produción de moeda máis estable e máis aberta ás novas rutas comerciais, grazas en parte ao aumento progresivo da cantidade de moedas feitas en aliaxes de cobre.[5][15]

En ouro cuñouse o áureo e o quinario, este último coa metade de valor e que ata a data fora cuñado só esporadicamente; en prata emitíronse denarios, que se converteron na base do sistema monetario durante toda a duración do Imperio, e tamén quinarios, coa metade do seu valor; os sestercios e os dupondios cuñáronnse en oricalco, unha aliaxe de cobre, estaño e, ás veces, outros metais; e, finalmente, en cobre cuñáronse o ás, o semis e o cuadrante, que anteriormente se fabricaran en bronce.[16][17]

Cuadrante de Augusto da ceca de Roma

Nos áureos e nos denarios o contido de metal nobre era practicamente o 100 %, o que coñecemos tanto polas fontes clásicas como a partir das análises realizadas con metodoloxía moderna. O peso teórico do áureo de época augústea era de 1/42 libra (7,79 gramos) e mesmo se chegaba a pesos superiores en moedas reais (7,86-7,98 gr), en tanto que o do denario era de 1/84 libra (3,892 gr).[15][18]

A reforma de Augusto tamén se caracterizou pola aparición do oricalco, que fixo do sestercio, cun peso dunha onza (en torno aos 27 gr) a moeda máis importante das cuñadas en aliaxes de cobre. Con esa mesma aliaxe cuñáronse tamén os dupondios, cun peso de media onza (13,65 gr).[18][19]

Entre as moedas de cobre, o peso do ás era duns 10,90 gr e o dos cuadrantes de arredor de 3,24 gr.[18][15]

Equivalencia entre valores

As novas referencias ponderais proporcionaron un sistema moi preciso e rigoroso de proporcións entre as diversas denominacións, sobre a base dun áureo de 25 denarios, e un denario de 16 ases ou catro sestercios.[18][20]

Valores da reforma de Octavio Augusto
ÁureoQuinario (AU)DenarioQuinario (AG)SestercioDupondioÁsSemiscuadrante
Áureo1225501002004008001600
Quinario áureo1/2112  1/22550100200400800
Denario1/252/251248163264
Quinario de prata1/501/251/212481632
Sestercio1/1001/501/41/2124816
Dupondio1/2001/1001/81/41/21248
Ás1/4001/2001/161/81/41/2124
Semis1/8001/4001/321/161/81/41/212
Cuadrante1/16001/8001/641/321/161/81/41/21

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Fontes primarias

Fontes historiográficas modernas