Raxá

Raxá[1] (do sánscrito राज rājā) é a palabra hindi para designar un monarca ou gobernante principal. A forma feminina é raní, do sánscrito rājñī.

Raxá e raní representados nun yaksagana, teatro de Karnataka.

Etimoloxía

A palabra en sánscrito rājān- é un parente da latina rēx (rei de Roma, xenitivo rēgis), que orixinalmente nomeaba os xefes tribais ou dirixentes de pequenas cidades estado. En última instancia deriva do protoindoeuropeo *h3rẽǵs, formada a partir da raíz *h3reǵ-, que quere dicir "resolver", "ordenar", "gobernar". En sánscrito a raíz n- é secundaria no título masculino, e está aparentemente adaptada da equivalente femenina rājñī, a cal tamén ten un sufixo -n- noutras linguas relacionadas, como é o caso de rígain en antigo irlandés e regina en latín. Hai parentes da palabra raxá noutras linguas indoeuropeas como son reign en inglés e Reich en alemán.

As variantes máis comúns en hindi, utilizadas co mesmo rango de realeza son Rana, Rao, Raol, Rawal e Rawat.

Historia

O título ten unha longa traxectoria na historia da India e do sueste asiático, como se testemuña nos Rigveda (uns antigos himnos sagrados do hinduísmo, onde rājān- é un caudillo tribal, como por exemplo se pode ver en dāśarājñá, a "batalla dos dous reis".

Raxá, así como o título inferior de thakur e moitas outras variantes ou títulos compostos, foron utilizados no sur de Asia e os seus arredores pola maioría dos hindús, musulmáns e algúns budistas e gobernantes sikhs. Aínda que os musulmáns tamén usaban nabab ou soldá, agora utilízanse frecuentemente na India. En Paquistán, raxá hoxe é utilizado por moitos clans musulmáns de rakhputs como un título hereditario. Raxá tamén se utiliza como un nome polos hindús e sikhs.

Raxás do mundo malaio

  • Os gobernantes do estado de Perlis, en Malaisia, reciben o título de raxá de Perlis. A maioría dos gobernantes dos outros estados reciben o título de sultáns. A pesar diso, o raxá ten o mesmo status que os gobernantes dos outros estados e é un dos electores que designan un Yang di-Pertuan Agong ("primeiro ministro") cada 5 anos.
  • James Brooke e a súa dinastía foron chamados os raxás brancos de Sarawak.
Vestimenta do século XIX dunha familia pertencente á Principalía. Museo Villa Escudero, San Pablo, Laguna, Filipinas.
  • En Filipinas, o historiador italiano Antonio Pigafetta relatou, no seu escrito sobre a primeira circunnavegación ao redor do mundo, que cando o explorador portugués Fernão de Magalhães arribou o 28 de marzo de 1521 ao porto de Mazaua, en Mindanao, foi recibido polo Raia Siaiu, rei de Mazaua, e por Raia Calambu, rei de Butuan. Magalhães tomou parte no primeiro pacto de sangue rexistrado (cassi cassi foi a palabra malaia que utilizou Magelhães) co Raia Siaiu. Cando a frota española, liderada por Miguel López de Legazpi, arribou a Manila, foi recibida polo Raxá Sulayman III. Ao sur do país, os príncipes musulmáns de diversas subdivisións aínda hoxe reciben os títulos de raxá ou maraxá.
  • Os principais grupos étnicos de Filipinas, incluíndo os reinos e principados de Luzón, Visayas e a Cordilleira Central de Luzón e algunhas partes de Mindanao (excluíndo o Sultanato de Maguindanao) foron anexados polo Imperio español no século XVI. Pese á cristianización das illas, os raxás dos reinos prehispánicos conservaron o seu dereito a gobernar o territorio grazas a unha lei asinada o 11 de xuño de 1594.[2] O rei de España Filipe II mandou aos funcionarios coloniais das Indias que acordasen coa nobreza e a realeza nativa o mesmo respecto e privilexios que gozaran antes da conversión ao catolicismo, e esta nobreza indíxena máis tarde formou parte da elite gobernante, clase coñecida como a Principalía.
  • Diversos principados tradicionais de Indonesia aínda son gobernados por un raxá, ou fixérono até que os títulos foron abolidos, despois do cal o título quedou vacante, como é o caso de Buleleng, en Balí.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas