Quirón

centauro da mitoloxía grega

Segundo a mitoloxía grega, Quirón[1] (do grego: Χείρων; "man")[2] era o centauro superlativo, considerado como o "máis sabio e xusto de tódolos centauros".[3]

A Educación de Aquiles por Quirón, fresco de Herculano, século I (Museo Archeolóxico Nacional, Nápoles).

Traxectoria

Quirón, Peleo e Aquiles de neno.

Quirón foi notable en toda a mitoloxía grega pola súa natureza de coidador da xuventude. As súas habilidades persoais tenden a coincidir coas do seu pai adoptivo Apolo, quen ensinou ó xove centauro a arte da medicina, as herbas, a música, o tiro con arco, a caza, a ximnasia e a profecía, e fíxoo elevarse por enriba da súa natureza bestial.[4] Quirón era coñecido polos seus coñecementos e a súa habelencia na medicina, e a el atribúeselle o descubrimento da botánica e da farmacia, a ciencia das herbas e a medicina.[5]

Como os sátiros, os centauros eran coñecidos por ser salvaxes, luxuriosos, bebedores, violentos estando intoxicados e polo xeral delincuentes sen cultura. Quirón, pola contra, era intelixente, civilizado e amable, xa que non estaba directamente relacionado cos outros centauros[6] pola súa liñaxe. Era o fillo do titán Cronos e da oceánide Filira,[5][7][8] sendo posiblemente irmán de Dolops[9] e Aphrus, o devanceiro e epónimo dos Aphroi, ou os africanos.[10] Quirón viviu principalmente no monte Pelión; alí casou coa ninfa Cariclo, con quen tivo tres fillas, Hipe (tamén coñecida como Melanipe, que quere dicir "égua negra" ou Euipe, "égua boa"), Endeide e Ociroe, e un fillo, Caristo. Unha fonte diferente sinala a Aristaeo como o seu fillo.[11]

Como os outros centauros, Quirón foi expulsado posteriormente polos lápitas do seu fogar; porén, ofrecéronse sacrificios na súa honra polos magnesios até un período moi tardío, e a familia dos Cheironidae desa zona, que se distinguiron polo seu coñecemento na medicina, foron considerados os seus descendentes.[12]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • William Smith. Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. s.v. Cheiron. Londres (1848)