Quincunx

Para a disposición xeométrica, ver quincunce.

O quincunx foi unha moeda de bronce da antiga Roma, da época da República, divisionaria do ás, co valor de cinco onzas (unciae).[1][2][3]

Quincunx do obradoiro monetario de Teate (ca. 225-200 a. de C.). Peso: 20,68 g. Anverso: cabeza de Atenea con casco corintio; cinco puntos. Reverso: TIATI, bufo sobre capitel xónico; estrela e cinco puntos, como sinal de valor.

Historia

A palabra quincunx ten a súa orixe no numeral latino quinque, que significa "cinco", e a palabra uncia ("onza"), que significa "un doceavo", xa que unha onza equivalía a 1/12 do ás, que nos seus primeiros momentos pesaba unha libra.[4] Xa que logo, o quincunx tiña unha equivalencia de 5/12 do ás.[5][6]

Tendo en conta que non se adapta ao padrón do resto dos divisores do ás (baseado no sistema doudecimal: sextans, quadrans, triens...), considérase que o quincunx non formaba parte do sistema monetario Romano.[7]

A súa emisión foi conxuntural e limitouse á segunda guerra Púnica (218 a 204 a. de C.), en obradoiros monetarios establecidos en Luceria (nos Apeninos do norte), Teate (a actual Chieti), Larinum (na costa sur do Adriático) e no norte de Apulia.

Quincunx da rexión de Apulia (posterior a 220 a. de C.), do sistema do aes grave (peso: 40,84 g), cos puntos indicativos do valor na característica disposición de quincunce

Da mesma maneira que ocorría co resto dos divisores do ás, é frecuente que o quincunx amose entre os seus motivos a súa equivalencia en onzas, mediante cinco puntos grosos.[8] A característica composición deses cinco puntos, á maneira en que aparecen nun dado, deu lugar a que esta composición se coñeza tamén como quincunx ou quincunce.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas