Quelícero

Os quelíceros son pezas bucais (apéndices modificados) do prosoma dos quelicerados, un subfilo de artrópodos que inclúe os arácnidos, os merostomados,[1] e talvez dos picnogónidos (propiamente neste grupo adoitan denominarse quelíforos).[1]

Quelíceros da araña Cheiracanthium punctorium.
Quelíceros en tesoura dun arácnido da orde dos solífugos.

Son apéndices acabados en punta que se usan para agarrar o alimento. Ademais, nas arañas están asociados a unha glándula velenosa e utilízanse para inocular veleno á presa ou como mecanismo defensivo.[1]

Ocupan unha posición anatómica preoral (inmediatamente antes da boca) polo que non son homólogos das mandíbulas dos mandibulados (crustáceos, miriápodos e insectos).

Embrioloxicamente son apéndices postorais, pero ao longo do desenvolvemento embrionario migran até situárense a ambos os lados da boca, ou mesmo en posición prebucal, no adulto.[1]

Tipos de quelíceros

A: quelíceros en navalla;
B: quelíceros en tesoura;
C: quelíceros triarticulados en pinza.
Atrax robustus en actitude intimidatoria. Prensenta os seus potentes quelíceros (Ch), ben adaptados para o ataque, pero tamén para a tracción.

Poden distinguirse tres tipos de quelíceros: quelíceros en navalla, quelíceros en tesoura e quelíceros de tres artellos en pinza ou quela.[2]

Quelíceros en navalla

Este tipo de quelíceros aseméllanse a unha navalla pregábel e poden considerarse como subquelados (case de pinzas). Están compostos por dous artellos e son exclusivos dos Tetrapulmonata. Consisten nun artello basal que se articula co prosoma e outro artello apical en forma de dente cairo que se articula co basal.

Presentan dúas formas diferentes: ortognatos e labidognatos.

  • Os quelíceros ortognatos articúlanse de tal maneria que lles permiten movementos paralelos ao eixe do corpo. Este tipo de quelíceros dase en arañas (Liphistiomorphae e Mygalomorphae, e nas ordes próximas dos Amblypygi, Schizomida e Uropygi (Thelyphonida).[3]
  • Os quelíceros labidognatos móvense en ángulo recto respecto ao eixe do corpo; son característicos das arañas araneomorfas (Araneomorphae).[3]

Quelíceros en tesoura

Os quelíceros en tesoura teñen forma de quela e están compostos por dous artellos. Danse nas ordes dos pseudoscorpións e dos solífugos.

Quelíceros de tres artellos en pinza

Esta é a condición primitiva e dase en palpígrados, escorpións e opilións. Encóntranse tamén noutros quelicerados non arácnidos, como os xifosuros e os euriptéridos.

Talvez os quelíforos dos picnogónidos sexan homólogos deste tipo de quelíceros e deberán considerarse aquí.

Quelíceros das arañas

A práctica totalidade dos araneidos posúen glándulas velenosas asociadas aos quelíceros. As glándulas do veleno sitúanse no interior dos quelíceros e case sempre se estenden noi interior do prosoma; pode esperemerse pola araña voluntariamente. O cairo ou ferrete, que funciona como unha agulla hipodérmica, é o que penetra na pel ou no exoesqueleto da presa; inoculan o veleno a través duns orificios no ápice dos ferretes ao picaren ás súas presas.[2]

Cando unha araña ameaza picar, os dous quelíceros sepáranse do prosoma e os ferretes ábrense como unha navalla pregábel. Nos migalomorfos, os ferretes non se abren moito, pero nas demais arañas sepáranse moito o un do outro, ao tempo que se elevan. Algunhas picaduras de araña poden penetrar as uñas dos pés dunha persoa ou atravesar calzado de coiro brando.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Brusca, R. C. e G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos