Putrescina

composto químico

A putrescina (ou butano-1,4-diamina) é unha substancia orgánica fedorenta [1] do grupo das poliaminas coa fórmula NH2CH2)4NH2. Esta relacionada coa cadaverina, xa que ambas as dúas se orixinan pola degradación dos aminoácidos nos organismos vivos e nos cadáveres, e ambas son tóxicas a doses altas.[2][3] Estas dúas poliaminas son as responsables en grande medida do cheiro da carne en putrefacción, pero tamén contribúen ao cheiro do mal alento e da vaxinose bacteriana. Tamén se atopan no seme e nalgunhas microalgas, acompañando a moléculas relacionadas como a espermina e espermidina.

Estrutura química da putrescina.

Historia

A putrescina [4] e cadaverina [5] foron descritas por primeira vez en 1885 polo médico alamán Ludwig Brieger (1849–1919).[6] O seu descubridor dixo: "Chameille a este [composto] "putrescina" da palabra latina putresco, que significa podre, decaído".

Produción

A putrescina prodúcese a escala industrial por hidroxenación do succinonitrilo, o cal se obtén por adición de cianuro de hidróxeno ao acrilonitrilo.[7] A putrescina faise reaccionar co ácido adípico rendendo a poliamida Nailon-4,6, que se comercializa como Stanyl.[8]

A produción biotecnolóxica de putrescina a partir de materia prima renovable é unha alternativa prometedora que se está a ensaiar para a síntese química. Recentemente anunciouse a obtención dunha estirpe de bacterias Escherichia coli alteradas por enxeñaría xenética, que produce putrescina con bo rendemento en medios salinos minerais de glicosa.[9]


Bioquímica

A putrescina ataca á S-adenosil metionina descarboxilada e convértese en espermidina. A reacción está catalizada polo encima espermidina sintase.

A putrescina sintetízase en pequenas cantidades nas células en bo estado a partir da arxinina. Unha posibilidade é que a arxinina se converta en ornitina, e esta en putrescina pola acción da ornitina descarboxilase. Outra vía de síntese alternativa é: a arxinina convértese en agmatina, nunha reacción catalizada polo encima arxinina descarboxilase (ADC); despois agmatina transfórmase en carbamilputrescina pola agmatina imino hidroxilase (AIH), e, finalmente, a carbamilputrescina convértese en putrescina.

As poliaminas, entre as cales a putrescina é unha das máis simples, son factores de crecemento necesarios para a división celular.

Toxicidade

A putrescina é tóxica a doses altas. Nas ratas ten unha toxicidade oral aguda de 2000 mg/kg de peso corporal.[10]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos