Punta Langosteira

promontorio natural en Suevos, Arteixo

8°29′36″O / 43.3561, -8.49333

Punta Lagosteira, frecuentemente grafado Langosteira[3], é un promontorio localizado no concello de Arteixo, 7 km ao suroeste da cidade da Coruña. A morfoloxía do cabo, caracterizado pola súa costa esgrevia, viuse alterada recentemente pola construción do porto exterior da Coruña, iniciada en 2005.

Porto da Coruña
Localización
PaísGalicia Galicia
CidadeArteixo
Detalles
Dirixido porAutoridade Portuaria da Coruña
PropietarioPortos do Estado
TipoMarítimo
Tamaño250 hectáreas[1]
Embarcadoiros900 metros (22-24 metros de calado)
PresidenteEnrique Losada Rodriguez
Estatísticas
Tonelaxe800 000 toneladas, en 2015[2]
Volume de contedores(Sen carga)
Tráfico de pasaxeiros(Sen servizo)
Principais importaciónsgraneis
Tráfico ferroviario(Sen conexión, en proxecto)
http://www.puertocoruna.com

Na parte occidental do cabo, onde se está a construír o porto, estaba situado o castro costeiro do Cociñadoiro[4], que foi escavado antes da súa destrución. O xacemento funcionara como factoría fortificada especializada na metalurxia do bronce[5]. A Autoridade Portuaria da Coruña comprometeuse a expoñer os achados unha vez acabadas as obras. En xuño de 2012 a Autoridade Portuaria e o Concello de Arteixo escolleron o parque de Monticaño como localización do centro de interpretación do castro de Cociñadoiro, aínda pendente de construír[6].

Historia

A refinería de petróleo de Repsol, no Polígono industrial A Grela - Bens (A Coruña). Vista dende Pastoriza.

En 1964 inaugurouse a refinaría de Repsol entre os vales de Bens e Nostián, e o porto da Coruña, situado na ría, pasou a ser un porto petroleiro. Para a descarga dos buques petroleiros e carga dos produtos refinados construíuse un oleoduto que cruza o sur a cidade. A Coruña é a única cidade de Europa de máis de 50.000 habitantes atravesada por un oleoduto. A situación dunha terminal petroleira na ría da Coruña entraña un risco para a cidade e a navegación na zona.

En 1976 o Urquiola tocaba fondo provocando unha marea negra e en 1992 era o Aegean Sea o que encallaba e ardía preto da Torre de Hércules. En 2002 produciuse o accidente e afundimento do Prestige, que causou unha marea negra que afectou a toda a costa galega. O Prestige sufriu unha avaría que facía necesario un porto refuxio onde transvasar a carga e facer as reparacións que evitasen a perda do buque.

O accidente puxo de relevo a necesidade dun novo porto para afastar o tráfico petroleiro da cidade da Coruña e da canle de entrada ao porto. O lugar elixido foi o litoral entre punta Lagosteira e o encoro do Rexedoiro. O custo de obra sería pagado ao 40% pola Unión Europea, o 30% polo Ministerio de Fomento e o restante 30% pola Autoridade Portuaria da Coruña. A liberación de superficie no porto permitiría a venda de terreos que serían recualificados para un uso urbanístico.

As obras en punta Lagosteira iniciáronse en 2005[7]. O primeiro buque en empregar punta Lagosteira como porto foi o Blue Marlin durante as operacións de carga do HMAS Canberra en 2012. As actividades de estiba portuaria comezaron en setembro de 2012 coa carga do buque Hammonia Korsika con 35.000 toneladas de clínker[8] e outro cargueiro con pezas metálicas fabricadas por Horta Coslada en Sabón[9].

A obra do porto exterior está a ser feita pola UTE (Unión Temporal de Empresas) Langosteira, formada por DRAGADOS, SATO, FPS e COPASA.

Accidentes na construción

Porto Exterior da Coruña visto dende punta Lagosteira.

En novembro de 2010, 200 metros de dique foron danados por ondas de ata 17 metros[10]. En 2011 morreran cinco traballadores nas obras do porto exterior[11]. En 2012 a Fiscalía solicitou dous anos e dez meses de prisión para cada un dos nove procesados como responsables do accidente en que morreu un traballador o 19 de xullo de 2005[12].

Operadores

Dende a súa inauguración o porto exterior foise ocupando dando servizo a diversos operadores e para cargas.

  • Pérez Torres
  • Galigrain[13]
  • Bombeos y Transportes Carral
  • Terminales Marítimos de Galicia (TMGA)[14]
  • Beijing 3E, concesión caducada[15]
  • Pemex (sen actividade)
  • Repsol (en proxecto)
  • Deep Water Oil Transhipment Hub[16] (en trámite)

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía