Pneumocystis jirovecii

Pneumocystis jirovecii é unha especie de fungo do grupo dos lévedos pertencente ao xénero Pneumocystis. É o organismo causante da pneumonía por Pneumocystis ou pneumocitose, e é un importante patóxeno humano, especialmente en persoas inmunocomprometidas. Antes de que se descubrise que era un patóxeno especificamente humano recibía o nome de Pneumocystis carinii, despois o nome cambiou a Pneumocystis jiroveci (cun só i) e a Pneumocystis jirovecii (con dous is), segundo os cambios nas normas de nomenclatura. Anteriormente era considerado un protozoo, mais agora está claro que é un lévedo (fungo).

Ciclo de vida

Non se coñece o ciclo de vida completo de ningunha das especies do xénero Pneumocystis, pero crese que todos son similares. A terminoloxía que describe o seu ciclo de vida utiliza os termos zoolóxicos en vez dos micolóxicos, debido a que antes se consideraba erradamente que este organismo era un protozoo. É un parasito extracelular. Todos os estadios do ciclo vital se producen nos pulmóns, non pode ser cultivado ex-vivo, e a observación directa dos Pneumocystis vivos é difícil. O estadio de trofozoíto crese que é equivalente ao denominado estadio vexetativo doutras especies de lévedos (como Schizosaccharomyces pombe), os cales, igual que Pneumocystis, pertencen á rama Taphrinomycotina do reino dos fungos.[1] O estadio de trofozoíto é unicelular e ameboide (multilobulado) e está moi asociado ás células hóspede. Finalmente, fórmanse quistes globulares cunha grosa parede. Dentro destes quistes tipo asco, fórmanse oito esporas, as cales son liberadas pola rotura da parede do quiste. Os quistes a miúdo colápsanse formando corpos con forma de lúa crecente visibles nos tecidos tinguidos. Non se sabe seguro se a meiose ten lugar dentro dos quistes, ou cal é o status xenético dos distintos tipos celulares.[2]

Importancia médica

Artigo principal: Pneumonía por Pneumocystis.

A pneumonía por Pneumocystis ou pneumocitose é unha importante enfermidade en persoas inmunocomprometidas, especialmente entre os pacientes infectados polo VIH, pero tamén entre os que teñen o seu sistema inmunitario gravemente suprimido por outras razóns; por exemplo, os que se someteron a un transplante de medula ósea e recibiron tratamento. Nas persoas que teñen un sistema inmunitario que funciona con normalidade, é unha infección moi común silenciosa, que non dá síntomas.[3]

Nomenclatura

O nome deste microorganismo foi mudando ao longo do tempo de P. carinii a P. jiroveci e despois a P. jirovecii, e finalmente outra vez a P. jiroveci, polo que na literatura se atopa escrito de varias maneiras. Inicialmente aplicouse o nome Pneumocystis carinii a certos organismos que se encontraban en ratas e humanos, xa que aínda non se sabía que o parasito era específico de hóspede. En 1976 propúxose por primeira vez o nome Pneumocystis jiroveci para distinguir o organismo que se encontraba nos humanos das variantes de Pneumocystis que aparecían noutros animais. O nome púxose en honor do parasitólogo checo Otto Jirovec, que describiu a pneumonía por Pneumocystis en humanos en 1952. Despois, as análises de ADN mostraron diferenzas significativas entre a variante humana e as outras, polo que se reiterou a proposta de renomeamento en 1999 e fíxose de uso común.[4]

O nome foi ortografado inicialmente de acordo co Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica, xa que se cría que era un protozoo. Cando, máis tarde, quedou claro que era un fungo, o nome pasou a denominarse Pneumocystis jirovecii,[5] (esta vez escrito con dous is), seguindo o Código Internacional de Nomenclatura para algas, fungos e plantas (ICNafp), que requiría a terminación ii.[6]Ambas as ortografías vense usadas comunmente, pero segundo o ICNafp P. jirovecii é correcto.[7] Un cambio no ICNafp agora recoñece a validez da publicación de 1976, o que fai a proposta de 1999 redundante, e mesmo cita a Pneumocystis e P. jirovecii como exemplos do cambio no artigo 45 Ex 7 do ICN.[8] O nome P. jirovecii está tipificado (tanto lectotipificado coma epitipificado) por mostras tomadas de autopsias humanas desde a década de 1960.[9]

O termo PCP que aparece moitas veces na literatura, refírese á enfermidade producida por este protozoo, foi amplamente utilizado por médicos e pacientes, e mantense por conveniencia actualmente. Orixinalmente eran as siglas de Pneumocystis carinii pneumonia, pero agora significan Pneumocystis pneumonia.

O nome P. carinii actualmente hai que consideralo incorrecto para referirse á variante humana, pero aínda se usa para as especies que se encontran nas ratas, e ese nome está tipificado por unha mostra illada de ratas.[9] Algúns usan a denominación P. carinii f. carinii para o das ratas e P. carinii f. hominis para o dos homes.

Xenoma de Pneumocystis

As especies de Pneumocystis non se poden cultivar. Por tanto, hai unha limitación na dispoñibilidade de P. jirovecii. A investigación do xenoma completo de Pneumocystis está baseada principalmente nas mostras de P. carinii obtidas de ratas de laboratorio que se manteñen infectadas. O material xenético que se puido obter doutras especies, como P. jirovecii pode compararse co xenoma de P. carinii.[10]

O xenoma de P. jirovecii foi secuenciado de mostras de lavados broncoalveolares.[11] O xenoma é pequeno, con baixo contido G+C e carece da maioría dos encimas para a biosíntese de aminoácidos.

Historia

Os primeiros informes sobre este xénero fíxoos o brasileiro Carlos Chagas en 1909[12] que o descubriu en animais experimentais, pero confundiuno cun estadio do ciclo de vida de Trypanosoma cruzi (axente causal da enfermidae de Chagas) e posteriormente chamou a ambos os organismos Schizotrypanum cruzi, unha forma de tripanosoma que infectaba a humanos.[13] O redescubrimento de quistes de Pneumocystis fíxoo Antonio Carini en 1910 tamén no Brasil.[14] O xénero foi de novo descuberto en 1912 por Delanoë e Delanoë no Instituto Pasteur de París, que o atoparon en ratas e propuxeron para el o nome xenérico e específico de Pneumocystis carinii en honor a Antonio Carini.[15]

Pneumocystis foi redescrito como patóxeno humano en 1942 por dous investigadores holandeses, van der Meer e Brug, que o atoparon en tres novos casos humanos: un meniño de 3 meses cunha enfermidade cardíaca conxénita e en dúas autopsias (de entre 104 realizadas) dun neno e un adulto.[16] Como só había unha especie descrita no xénero, consideraroin que o parasito humano era P. carinii. Nove anos despois (1951) o Dr. Josef Vanek na Universidade Charles de Praga demostrou nun estudo de cortes de pulmón de dezaseis nenos que o organismo denominado "P. carinii" era o axente causante da pneumonía que padecían aqueles rapaces.[17] Ao ano seguinte (1952) Jírovec informou que "P. carinii" era a causa da pneumonía intersticial en neonatos.[18][19][20] Despois de que se comprobou que o Pneumocystis de procedencia humana non podía infectar aos animais experimentais como as ratas, e de que a forma de Pneumocystis das ratas difería fisioloxicamente dela e tiña diferentes propiedades antixénicas, Frenkel[21] foi o primeiro en recoñecer que o patóxeno humano era unha especie distinta, á cal nomeou Pneumocystis jiroveci (corrixido a P. jirovecii; ver nomenclatura máis arriba). Houbo unha certa controversia sobre o renomeamento de P. carinii en humanos como P. jirovecii,[9][22] o cal explica que ambos os nomes aparezan aínda en diversas publicacións. Porén, só o nome P. jirovecii se usa exclusivamente para o patóxeno humano, mentres que o nome P. carinii ten unha aplicación máis ampla.[23] Frenkel e os autores anteriores a el crían que os Pneumocystis eran protozoos, pero pouco despois empezaron a acumularse evidencias de que Pneumocystis era en realidade un fungo. Estudos recentes indican que se trata dun xénero pouco común e en varios aspectos primitivo de fungos Ascomycota, relacionado cun grupo de lévedos.[1] Todos os primates que foron examinados, incluíndo os humanos, parecen ter o seu propio tipo de Pneumocystis específico, que é incapaz de infectar a outras especies hóspedes e que coevolucionou con cada especie de mamífero.[24] Actualmente só están nomeadas formalmente cinco especies deste xénero, que son: P. jirovecii dos humanos, P. carinii nomeado orixinalmente das ratas, P. murina dos ratos,[25] P. wakefieldiae[26][27] tamén das ratas, e P. oryctolagi dos coellos.[28]

Os informes históricos e algúns recentes da detección de P. carinii en humanos están baseados en clasificacións vellas (que aínda usan moitos, ou que usan os que discuten o recoñecemento de distintas especies do xénero Pneumocystis), o que non significa que realmente o verdadeiro P. carinii das ratas poida infectar a humanos. Nun sistema de clasificación intermedio, os varios taxons atopados en diferentes mamíferos foron denominados formae speciales ou formas. Por exemplo a "forma" humana foi denominada Pneumocystis carinii f. [ou f. sp.] hominis, mentrres que a forma que orixinalmente infectaba ás ratas foi denominada Pneumocystis carinii f. [ou f. sp.] carinii. Esta terminoloxía aínda a usan algúns investigadores. Ás especies de Pneumocystis vistas orixinalmente por Chagas non se lles deu nome específico aínda.[9] Probablemente existen moitas outras especies non descritas do xénero e as posibles que foron detectadas en moitos mamíferos só se coñecen pola detección de mostras moleculares obtidas de tecidos pulmonares ou fluídos, e non por observación física directa.[29][30] Actualmente, considéranse taxons crípticos.

Notas