Piraña

Piraña

Piraña no Newport Aquarium.
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Actinopterygii
Subclase:Neopterygii
Infraclase:Teleostei
Orde:Characiformes
Familia:Serrasalmidae
Tribo:Piranha
Xénero

Catoprion
Pristobrycon
Pygocentrus
Pygopristis
Serrasalmus
Megapiranha

As pirañas[1] son peixes fluviais caraciformes suramericanos carnívoros ou omnívoros[2] de afiados dentes e poderosas mandíbulas, que pertencen a varios xéneros da subfamilia Serrasalminae da familia dos Characidae [3] (ou para outros á súa familia propia, denominada Serrasalmidae[4]).

Taxonomía e evolución

A clasificación das pirañas foi moi discutida e aínda non está clara. Algunhas autoridades clasifícanas na subfamilia Serrasalminae dentro da familia Characidae, que inclúe a outros peixes omnívoros ou herbívoros relacionados[5] como os pacús, pero outros autores elevan a subfamilia á categoría de familia co nome Sarrasalmidae.[4] Tradicionalmente, só os seguintes catro xéneros: Pristobrycon, Pygocentrus, Pygopristis e Serrasalmus, eran considerados verdadeiras pirañas, debido á especialización dos seus dentes. Porén unha recente análise xenética indicou que se o grupo das pirañas se quere manter como monofilético, debería ou ben restrinxirse só aos xéneros Serrasalmus, Pygocentrus e parte do Pristobrycon, ou ben expandilo para incluír ditos taxons xunto con Pygopristis, Catoprion e a especie Pristobrycon striolatus. Por outra parte, Pygopristis está máis emparentado con Catoprion que cos outros tres xéneros de pirañas.[4]

O número total de especies de pirañas non se coñece e é discutido, e estanse a describir novas especies. As estimacións van desde 30 a máis de 60 especies.[4]

Piraña en Venezuela, onde as pirañas reciben o nome de caribes.

Distribución

As pirañas son nativas das cuncas dos ríos Amazonas, Orinoco, ríos das Güianas, e Paraguai-Paraná e São Francisco.

As pirañas de acuario foron introducidas sen éxito en partes dos Estados Unidos.[6] En moitos casos os informes de capturas de pirañas son unha confusión con pacús (por exemplo, o pacú Piaractus brachypomus é confundido con frecuencia coa piraña Pygocentrus nattereri).[7] Descubríronse pirañas no lago Kaptai do sueste de Bangladesh. Crese que algúns comerciantes de peixes exóticos sen escrúpulos os liberaron no lago. Tamén se descubriron no río Lijiang da China.[8]

Descrición

Mandíbula de Pygocentrus nattereri

Tamaño

As pirañas miden normalmente de 14 a 26 cm de longo, aínda que algúns espécimes chegan a 43 cm.[9]

Morfoloxía

Serrasalmus, Pristobrycon, Pygocentrus e Pygopristis son doadamente recoñecibles pola súa dentición. Todas as pirañas teñen unha soa ringleira de afiados dentes en ambas as mandíbulas; os dentes están estreitamente empaquetados e as puntas encaixan, e úsanas para picar e cortar. Os dentes son triangulares, bicudos e con forma de coitela (de perfil plano). A variación no número de cúspides é menor; na maioría das especies os dentes son tricúspides cunha cúspide central máis grande que fai que cada dente teña unha forma triangular. A excepción é Pygopristis, que ten dentes pentacúspides e a cúspide media só é lixeiramente maior que as outras cúspides.

Capacidade de morder

As pirañas teñen unha das maiores forzas ao morder de todos os peixes óseos. En relación coa súa masa corporal, a piraña negra (Serrasalmus rhombeus) produce unha das trabadas máis fortes medidas en vertebrados. Esta trabada extremadamente poderosa é xerada polos seus grandes músculos mandibulares (adutor da mandíbula) que están inseridos preto da punta da mandíbula, o que lle dá á piraña unha vantaxe mecánica que favorece a produción de forza en lugar da rapidez. As fortes mandíbulas combinadas con dentes finamente serrados fan deles expertos en desgarrar carne.[10]

Ecoloxía

As pirañas teñen a reputación de ser voraces depredadores que cazan as súas presas en bancos. Porén, as investigacións modernas, que "empezaron coa premisa de que se reunían en bancos como un medio de cazar cooperativamente", descubriron que son peixes tímidos que forman bancos para a súa proección dos depredadores, como corvos mariños, caimáns e golfiños de río. As pirañas son "basicamente como peixes ordinarios con grandes dentes".[11]

As investigacións das especies Serrasalmus aff. brandtii e Pygocentrus nattereri no lago Viana, que se forma durante a estación húmida cando o río Pindare (un afluente do río Mearim) se desborda, mostraron que estas especies comen materia vexetal nalgunhas etapas da súa vida; non son, pois, especies estritamente carnívoras.[12]

As pirañas poñen os ovos en pozos escavados durante a época reprodutora e nadan arredor deles para protexelos. As crías ao eclosionaren aliméntanse de zooplancto, e cando medran o suficiente comen peixes pequenos.[13]

Relacións cos humanos

Pescando pirañas no río Ucayali
Piraña á grella servida na Amazonia peruana
Pirañas fritidas servidas no pantanal brasileiro

Os dentes da piraña úsanse a miúdo para facer ferramentas e armas polas poboacións indíxenas. As pirañas son tamén unha comida moi consumida.

As pirañas poden comprarse para mantelas como mascotas nalgúns países, pero é ilegal noutros, como Estados Unidos[14] ou Filipinas.[15]

A piraña de acuario máis común é Pygocentrus nattereri. As pirañas poden comprarse adultas ou novas do tamaño dun polgar. É importante manter as pirañas Pygocentrus soas ou en grupos de catro ou máis, non en pares, xa que a agresión entre elas é común, e non permiten sobrevivir ás débiles. Non é rara que perdan un ollo debido ás agresións.

Ataques

Non é habitual que ataquen ao ser humano, pero informouse de ataques con resultado de morte na cunca do Amazonas. Na cidade de Palmas, Tocantíns, informouse de 190 ataques de pirañas na primeira metade de 2007.[16] En 2011, unha serie de ataques no estado brasileiro de Piauí causou feridas a 100 persoas.[17] No estado de São Paulo, outro ataque no río Tietê causou 15 feridos.[18] En 2011, un mozo bébedo foi atacado e matado en Rosario del Yata, Bolivia.[19] En 2012, unha nena de 5 anos brasileira foi atacada e matada por un banco de P. nattereri.[20] Algúns ríos do Brasil teñen sinais de advertencia sobre a presenza de pirañas letais.[21] En 2013, 70 bañistas foron atacados na Arxentina.[22] E en 2015 unha nena de 6 anos morreu despois de ser atacada por pirañas cando o seu bote envorcou.[23]

Segundo un estudo feito en Suriname, os ataques de pirañas tenden a aumentar na estación seca cando a comida é relativamene escasa e os niveis de auga son máis baixos, facendo que haxa unha maior concentración de peixes na auga. Os ataques mortais son raros e a maioría dos ataques son pequenas mordedelas illadas nas extremidades, principalmente pés e mans. As salpicaduras aumentan a probabilidade de que as pirañas ataquen e os nenos son ás veces atacados por esa razón.

Reputación lendaria

Hai moitas historias sobre pirañas, como que poden lacerar un corpo humano ou dunha vaca en segundos. Estas lendas refírese especificamente á piraña de barriga vermella Pygocentrus nattereri.[24] Unha falsidade común é que son atraídas polo sangue e son exclusivamente carnívoras.[25] Unha lenda brasileira di que as pirañas varren os ríos a alta velocidade e cando un rabaño de vacas cruza o río atacan á primeira vaca que entra na auga, o que permite que o resto do rabaño atravese indemne o río.[26] Estas lendas foron rexeitadas polas investigacións de Hélder Queiroz e Anne Magurran e publicadas en Biology Letters.[27] Non obstante, un estudo feito en Suriname atopou que as pirañas poden ocasionalmente atacar os humanos, especialmente cando os niveis da auga son baixos.[28]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas