Patria potestade compartida
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Patria potestade compartida é o nome da institución xurídica que recoñece a igualdade de homes e mulleres no réxime de patria potestade, naqueles países occidentais que adoptaron ese réxime para regular as relacións entre pais e fillos. Tradicionalmente en Occidente, o poder de tomar decisións sobre os fillos menores foi un atributo do pai, constituíndo un dos alicerces do patriarcado. Desde o século XIX, o movemento feminista incluíu nos seus principais reclamos a derrogación das leis que impuñan a supremacía do home sobre a muller, na toma de decisións sobre os fillos.[1] Nos países que estabeleceron réximes de patria potestade, ese reclamo feminista foi coñecido como "patria potestade compartida" ou "patria potestade conxunta".
Desde fins do século XX, existe unha tendencia a abandonar o réxime de patria potestade, para estabelecer réximes de "responsabilidade parental" igualitaria (denominados en inglés coa expresión "shared parenting"), suxeitos ao principio de interese superior do neno ou nena e ao seu dereito de manter relacións estreitas coa súa nai e o seu pai.[2]
Ademais dos réximes de patria potestade compartida ou corresponsabilidade parental, nos que o home e a muller son iguais ante a lei, existen outros sistemas de involucramento subordinado da muller, a saber:
A patria potestade xurdiu no Dereito romano como un poder omnímodo que pater familiae sobre os fillos, que mesmo lle atribuía orixinalmente o dereito de matalos ou vendelos como escravos, aínda que logo foron limitados. Semellante potestade integrábase cun poder similar sobre a esposa e os escravos da súa propiedade.
En Hispanoamérica a patria potestade foi imposta polo Imperio Español nas súas colonias. A Revolución francesa suprimiu a patria potestade por lei do 28 de agosto de 1792, estabelecendo a autoridade igualitaria do pai e a nai sobre os fillos.[3] O Código Civil de Napoleón de 1804 restabelecería a patria potestade (puissance paternelle) en Francia, onde recentemente sería eliminada en 1970.[3]
No século XIX o movemento feminista comezou a reclamar a igualdade entre homes e mulleres, sendo as relacións cos fillos un dos principais campos do reclamo de igualdade.[4]
Na década de 1910, México, embarcado no proceso revolucionario de 1917, aprobou a Lei de Relacións Domésticas de 1917, estabelecendo a patria potestade compartida.[5]
Na década de 1940 estabeleceuse a patria potestade compartida en Venezuela, como consecuencia da presión do movemento feminista. Uruguai estabeleceuna en 1946, pola Lei n° 10.783.[6] Tres anos despois foi estabelecida na Arxentina, mediante a reforma constitucional de 1949, aínda que foi logo abolida polo golpe de estado de 1955.
Na década de 1970 derrogouse a puissance paternalle en Francia en 1970, para ser substituída por un réxime igualitario denominado autorité parentale.[3] En 1972 O Salvador estabeleceu a patria potestade compartida (art. 252, Código Civil). En 1974 estabeleceuse a patria potestade compartida en Colombia, por Decreto nº Decreto 2820. En Australia a Lei Familiar de 1975 (Family Law Act 1975) estabeleceu a presunción de "responsabilidade parental igualitariamente compartida" (equal shared parental responsibility).[7][8]
Na década de 1980 as loitas feministas obtiveron a conquista da patria potestade compartida en España, tres anos despois de conquistada a democracia, por lei nº 11 do 13 de maio de 1981.[9][10] Arxentina tamén reimplantou a patria potestade compartida coa recuperación da democracia, mediante a Lei nº 23.264 de 1985.[11]
Desde inicios do século XXI, varios países latinoamericanos, como Arxentina, Brasil e Bolivia, comezaron a eliminar o réxime de patria potestade, para substituílo por réximes de responsabilidade parental, fundados na igualdade de homes e mulleres, a condición de suxeitos dos nenos e nenas e a función parental rexida polo principio do interese superior do neno e a nena.