Pantano

Un pantano é unha zona húmida plana e pouco profunda co fondo xeralmente cuberto de lodo, onde vive vexetación herbácea adaptada, arbustiva e arbórea, que pode ter augas permanentes ou non, doces, salobres ou salgadas.[1] Moitos pantanos orixínanse ao longo dos ríos, en vales e zonas baixas, e zonas abandonadas polos ríos como meandros e leitos fluviais abandonados,[2] pero tamén en zonas costeiras e ribeiras de lagos.[3] As augas dos pantanos flúen lentamente ou están encoradas, polo que neles se acumula materia orgánica e poden crecer bacterias que orixinan o "gas dos pantanos" (metano). En primitivos pantanos orixináronse depósitos que darían lugar á turba e ao carbón. Como o nivel das augas é con fecuencia flutuante, a vexetación ten que estar adaptada a períodos de inundación.[4] As especies dominantes varían segundo o tipo de pantano e a zona do mundo, pero nos pantanos europeos abundan as plantas poáceas, tifáceas, xuncáceas, e ciperáceas, e outras plantas acuáticas. Algunhas das zonas pantanosas máis extensas do mundo atópanse ao longo dos maiores ríos, como o Amazonas, Mississippi, e Congo.[5] Adoitan ter un gran valor ecolóxico.

Pantano de Lütt-Wirr, Alemaña.
Pantano de auga doce en Florida.
Belarús.

As zonas similares situadas nas costas inundadas periodicamente pola marea nas que crecen mangleiros e outros seres vivos halófilos, denomínanse mangleirais. Outros pantanos costeiros con influencia das mareas son as marismas.

Valor e produtividade

Tradicionalmente, os pantanos e outras zonas húmidas eran considerados de escaso valor, improdutivos e mesmo insáns e eran utilizados principalmente como zona de caza e pesca, polo que o máis habitual era que se procurase desecalos para utilizar as terras para a agricultura ou expansión urbana, ou para evitar enfermidades transmitidas por insectos.[6] Algúns pantanos costeiros drenáronse construíndo canais e gavias de drenaxe, que ao final deixaron entrar a auga do mar e acabaron convertendo os pantanos en marismas ou mesmo desapareceron sendo ocupados polo mar, como ocorreu en zonas de Luisiana, EUA.[1][7] En Europa probablemente se perderon case a metade das zonas húmidas debido á súa drenaxe.[6] En Nova Zelandia perdeuse o 90 % en só 150 anos.[8]

Actualmente recoñécese o seu importante valor ecolóxico como hábitat dunha gran biodiversidade de seres vivos, e por proporcionar auga e oxíxeno, e o control de inundacións,[9] polo que adoitan contar con protección legal para a súa conservación. Algúns pantanos de zonas inundables son moi importantes para a reprodución dos peixes.[10] En Europa estanse a facer grandes esforzos na restauración de moitas zonas pantanosas,[2] igual que noutras partes do mundo.[2][11][12]

Ecosistema dos pantanos

Pantano en Slidell, Luisiana.

A auga dun pantano pode ser doce ou máis ou menos salgada. As condicións adoitan ser redutoras con escaseza de oxíxeno polas inundacións causadas pola subida do nivel das augas; os elementos do solo e a materia orgánica en descomposición están presentes en formas reducidas moi solubles e, por tanto, moi móbiles. Estas condicións anóxicas son propicias para a formación de metano por degradación dos glícidos, e de sulfuro de hidróxeno, cheirento e tóxico, por redución do xofre.

A auga que vén das profundidades do solo pode estar cargada de metais, e cando chega á superficie certos microorganismos viven da súa oxidación. A auga pode ter neses casos reflexos metálicos, o que indica que se formaron biofilmes viscosos -flotantes ou no fondo- de microorganismos, que interveñen na reciclaxe dos elementos e a descontaminación da auga. Os de cor avermellada indica que están formados por microorganismos que oxidan ferro, os azulados oxidan cobre, os verdes violetas, xofre, e os brancos, aluminio, calcio ou xofre. Non indican forzosamente unha alta concentración de metais na auga, simplemente que é unha auga encorada e que hai unha certa acidez no solo.

Os pantanos albergan unha importante vida silvestre. Moitos peixes e anfibios reprodúcense neles e nútrense de millóns de insectos que emerxen das augas pouco profundidas, os cales tamén son o alimento de aves, algunhas das cales voan ata alí desde moitos quilómetros á redonda. Albergan tamén numerosas especies raras, para as cales ás veces os pantanos son o seu único hábitat.

En certas rexións os pantanos poden ser insalubres a causa da malaria, enfermidade parasitaria transmitida por mosquitos Anopheles, cuxa larva vive nas augas estancadas.[13]

As plantas palustres viven tanto sobre as augas como fóra delas e teñen adaptacións que lles permiten modificar rapidamente o seu metabolismo en caso de inmersión, e tamén as súas sementes e esporas [14]. Certas árbores presentan tamén adaptacións ao asolagamento ou longas raíces ou gromos ou sementes especializados.[15][16]

Exemplos notables

Un pequeno pantano en Padstow, Nova Gales do Sur, Australia.
O pantanal (no Brasil, Bolivia e Paraguai) é unha chaira aluvial inundable de enorme extensión.

Atópanse pantanos en todos os continentes menos na Antártida.[17]

Suramérica

A maior zona pantanosa do mundo é o bosque inundable do Amazonas, que é importante especialmente pola gran variedade de peixes e árbores que viven nela.[18][19][20]

Outras zonas pantanosas famosas suramericanas son: o pantanal (Brasil), Lahuen Ñadi (Chile), delta do Paraná (Arxentina) e os Esteiros do Iberá (Arxentina).

África

As áreas pantanosas máis coñecidas de África son o Sudd (no Nilo Branco no Sudán do Sur) e o delta do Okavango (endorreico), en Botswana. Outras zonas pantanosas famosas son os pantanos do lago Bangweulu (Zambia), os do delta do Níxer (Nixeria) e o de Mare aux Songes (illa Mauricio).

Asia

No sur de Iraq os ríos Tigris e Éufrates forman unha extensa zona pantanosa con vexetación de xuncos.

En Asia tropical hai pantanos turbosos no leste e sueste asiático. No sueste asiático os pantanos encóntranse a baixa altitude en áreas costeiras e subcosteiras e esténdense no interior ao longo dos vales dos ríos máis de 100 km. Abundan en Sumatra, Borneo, Nova Guinea, península malaia, sueste de Tailandia, e Filipinas. Outras áreas pantanosas asiáticas son os mangleirais de Karachi (Paquistán), os pantanos Myristica (das moantañas Ghats Occidentais, India) e os Sundarbans (India e Bangladesh).

No norte, o pantano de Vasyugan é un extenso pantano do oeste de Siberia, máis grande que toda Suíza.

Europa

Os pantanos de Pripyat en Belarús e Ucraína son extensos e neles escondéranse os partisanos soviéticos e polacos durante a segunda guerra mundial.

Norteamérica

Pantano do sur de Luisiana

O pantano de Atchafalaya no curso baixo do Mississippi é o pantano máis grande dos Estados Unidos,[21] pero foi moi alterado pola corta de árbores, drenaxe e diques.[22] Outros pantanos famosos de Norteamérica son os Everglades de Florida, o pantano de Okefenokee (Xeorxia), o pantano Barley Barber, o pantano Gran Ciprés (de Delaware a Maryland) e o pantano Great Dismal (Virxinia e parte de Carolina do Norte).

No Canadá destacan os pantanos das terras baixas da baía de Hudson (Ontario).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas