O Palacio de Buckingham, en inglésBuckingham Palace, é a residencia oficial do monarca británico en Londres.[a][2] Situado na municipalidade de City of Westminster, o palacio adoita ser o centro de cerimonias e visitas de Estado. É un punto de encontro para o pobo británico en tempos de crise e de festividade nacional.
Coñecido orixinalmente como a «Casa de Buckingham», en inglés Buckingham House, o edificio que constitúe o núcleo do actual palacio era unha gran casa construída para o duque de Buckingham en 1703, nun terreo que fora de propiedade privada, polo menos, durante 150 anos. O rei Xurxo III adquiriuna en 1761 como residencia privada para a raíña Carlota de Mecklemburgo-Strelitz e pasou a chamarse The Queen's House, «A Casa da Raíña». Durante o século XIX foi ampliado polos arquitectos John Nash e Edward Blore, que construíron tres ás arredor dun patio central. O Palacio de Buckingham converteuse na residencia londiniense do monarca británico coa chegada da raíña Vitoria en 1837.
O palacio, orixinalmente coñecido como Buckingham House, era nun principio un petit hôtel construído para o primeiro duque de Buckingham en 1703 e adquirido polo rei Xurxo III do Reino Unido en 1762 para o converter en residencia privada. Nos seguintes 75 anos sufriu unha serie de ampliacións dirixidas por John Nash e Edward Blore (1850), creándose tres ás formando un patio central aberto. Coa chegada ó trono da raíña Vitoria, o palacio pasou a ser a residencia oficial dos monarcas. Nos séculos XIX e XX fixéronse algunhas reformas no palacio, como a que se levou a cabo en 1913 (a cargo de Aston Webb e que deu a fachada principal a súa imaxe actual, incluíndo o balcón desde o cal saúda a Familia Real).
O interior xeorxiano orixinal compoñíase de brillantes xesos con incrustacións de lapislázuli azul e rosa. Eduardo VII redecorou o palacio incorporándolle unha decoración do tipo Belle époque en tons crema e dourados. O lago artificial foi creado en 1828 e recibe auga do Lago Serpentine, que se atopa en Hyde Park.