Traballos e días
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Traballos e días (en grego antigo Ἔργα καὶ Ἡμέραι, referido ás veces polo nome latino Opera et Dies) é un poema duns 828 versos escrito por Hesíodo en torno ao ano 700 a. C..
A obra está composta a partir de xéneros poéticos preexistentes que a tradición oral grega incorporara do mundo oriental: sobre todo, variantes do "catálogo" (cuxo exemplo homérico é o canto II da Ilíada): os "calendarios" e os "días"; e de coleccións de consellos, instrucións e proverbios (como o Ahikar asirio).[1] A organización é, comparada coa Teogonía, menos clara, e non se vertebra cronoloxicamente (aínda que os bloques de calendarios agrícolas e de navegación internamente respectan unha cronoloxía), senón tematicamente. As coleccións de proverbios inclúen fábulas, símiles e mitos.[2]
O poema xira en torno a dúas verdades xerais: o traballo é o destino universal do home, pero só quen estea disposto a traballar poderá con el. Os estudosos interpretaron esta obra no contexto dunha crise agraria no continente grego, que inspirou unha vaga de colonizacións en busca de novas terras.[3]
Esta obra mostra as cinco Idades do Home, ademais de conter consello e sabedoría, prescribindo unha vida de honesto traballo e atacando a ociosidade e os xuíces inxustos (como os que decidiron a favor de Perses, o seu irmán), así como a práctica da usura. Describe aos inmortais que vagan pola terra vixiando a xustiza e a inxustiza.[4] O poema considera o traballo como orixe de todo o ben, pois tanto homes como deuses odian aos folgazáns, que parecen abáboros nunha colmea.[5]
En 2020 María Teresa Amado Rodríguez traduciu a obra por primeira volta ao galego para Rinoceronte Editora.