Oricalco

metal lendario e aliaxe usada na antigüidade


O oricalco[1] (en grego antigo ὀρείχαλκοςoreíkhalkos–, "cobre das montañas") é un metal ou unha aliaxe lendarios que se mencionan xa en varios escritos antigos, entre eles a historia dos atlantes en Critias, de Platón.[2][3]

Lingotes presumiblemente de oricalco, atopados en Gela, Sicilia.

En numismática, o oricalco é a aliaxe de cobre con outros metais utilizada no Imperio Romano para a cuñaxe dos sestercios e dos dupondios.[4][5]

Caracterización

Pénsase que nalgún momento o oricalco puido ser considerado un metal nobre, ou unha especie de aliaxe de características similares ao bronce ou ao latón, quizais con algún outro metal.

Os romanos transcribiron a palabra grega (creada a partir de ὄρος –oros–, "montaña"; χαλκός –chalkos–, "cobre") como "aurichalcum", pensado que o significado era o de "cobre áureo".[6] Polos escritos de Cicerón sábese que o metal que coñecían como orichalcum tiña un aspecto similar ao do ouro, aínda que cun valor moito máis baixo.[7] Na Eneida, de Virxilio, descríbese o peto da armadura de Turno como "dura e con ouro e oricalco branco".

Máis tardiamente, utilizouse a palabra orichalcum para se referir ao mineral sulfúreo coñecido como calcopirita e, noutras ocasións, para designar o latón. Porén, estes usos son de difícil conciliación coa afirmacións de Critias, de Platón, de que o metal era naquel tempo "só un nome", en tanto que o latón e a calcopirita eran moi coñecidos e usados, tanto naqueles momentos como na actualidade.[3]

O historiador da ciencia Joseph Needham indicou que o bispo anglicano e profesor de químico do século XVIII Richard Watson, escribiu acerca da antiga idea de que había "dúas clases de latón ou oricalco". Needham tamén suxire a posibilidade de que os gregos descoñecesen a composición do oricalco, aínda que intentasen imitalo.[8]

En 2015 atopáronse 39 lingotes aparentemente de oricalco entre os restos dun barco afundido nas costas de Gela, en Sicilia, aos que se lles atribúe unha antigüidade duns 2.600 anos. Logo dunha análise con fluorescencia de raios X determinouse que a composición da súa aliaxe era: 75-80 % cobre, 15-20 % cinc e porcentaxes máis pequenas de moeda de níquel, chumbo e ferro.[9][10][11]

Referencias na literatura antiga

A primeira vez que se ten constancia dunha mención ao oricalco é no século VII a. de C., por Hesíodo, e no himno homérico dedicado a Afrodita, datado ca. 630 a. de C.[12][13]

Na historia dos atlantes de Platón, Critias (460-403 a. de C.) afirma que o oricalco fora considerado como segundo en valor despois do ouro e que procedía de minas en diversos lugares da Atlántida na Antigüidade, pero que naquel tempo xa só se coñecía o seu nome, máis non a súa especie física.[14]

Segundo o diálogo Critias, as tres paredes exteriores do Templo de Poseidón e Cleito na Atlántida estaban revestidas unha de latón, outra de estaño e unha terceira que "brillaba coa luz vermella de oricalco"; as paredes interiores, as columnas e os pisos do templo estaban cubertas por completo de oricalco, e o teito estaba adornado con ouro, prata e oricalco. No centro do templo erguíase ademais unha columna de oricalco na que estaban inscritas as leis de Poseidón e os rexistros dos seus primeiros fillos.[15]

Plinio o Vello sinala que o oricalco perdera a súa preponderancia ao térense esgotado as súas minas. En De mirabilibus auscultationibus, dun autor pseudoaristotélico, descríbese un tipo de cobre que é "moi brillante e branco, non por unha mestura, senón porque algunha terra se combina e se funde con el". Isto podería ser unha referencia ao oricalco, obtido mediante a adición ao cobre de "cadmia", un tipo da terra que na antigüidade se cita como presente nas beiras do mar Negro e que hoxe se asocia ao óxido de cinc.[16][17]

Sestercio a nome de Caligula (37-41 d. de C.), cuñado en oricalco na ceca de Roma (26,83 g)

Na numismática

En numismática, o termo oricalco designa unha aliaxe similar ao bronce pero coa presenza de estaño, utilizada para a cuñaxe de diversas moedas da Antiga Roma, como o sestercio e o dupondio, particularmente a partir da reforma do sistema monetario de Octavio Augusto.[4][5][18][19]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía