O que arde

filme de 2019 dirixido por Óliver Laxe

O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol.[5] Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural[6] e dos lumes forestais.[7] O elenco está composto por actores non profesionais[6] da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.

O que arde
Logo do filme.
Ficha técnica
Título orixinalO que arde
DirectorÓliver Laxe
ProdutorAndrea Vázquez
Xavi Font
Andrea Queralt
Mani Mortazavi
GuiónSantiago Fillol
Óliver Laxe
IntérpretesAmador Arias
Benedicta Sánchez
MúsicaXavier Font
FotografíaMauro Herce[1]
MontaxeCristóbal Fernández
EstudioMiramemira
Kowalski Films
4 a 4 Productions
Tarantula Luxembourg
DistribuidoraNUMAX Distribución (España)
Pyramide Films (Francia)
EstreaCannes: 21 de maio de 2019[2]
Francia 4 de setembro de 2019
Galicia 11 de outubro de 2019
Duración85 minutos
OrixeGalicia Galicia
Francia
Luxemburgo Luxemburgo
XéneroDrama documental
Recadación712 470 $ (total internacional)[3]
594 708 €[4] (en España)
105 215 $ (Francia)[3]
Na rede
IMDB: tt8212958 Allocine: 259460 Rottentomatoes: m/fire_will_come Allmovie: v716390 Editar o valor em Wikidata

Estreouse na sección "Un Certain Regard" do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019,[8] onde gañou o premio do Xurado,[9] sendo a terceira vez que un filme de Laxe participa no concurso do certame francés e a primeira que un filme en galego é proxectado na sección oficial.[10] É o filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia,[11] con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[4] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro (1989).[12]

Sinopse

Vídeos externos
"Trailer O QUE ARDE (Oliver Laxe, 2019)". YouTube. NUMAX. 

A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.

Personaxes

  • Amador Arias como Amador Coro
  • Benedicta Sánchez como Benedicta
  • Elena Mar Fernández como Elena, a veterinaria
  • Inazio Abrao como Inazio
  • Iván Yáñez
  • David de Poso
  • Álvaro de Bazal

Produción

Óliver Laxe na XII edición dos Premios Gaudí (2020).

En maio de 2017, logo de que Óliver Laxe recibise o Premio da Semana da Crítica de Cannes por Mimosas, deuse a coñecer cal sería o seu seguinte proxecto cinematográfico.[6] O filme está motivado polos moitos incendios ocorridos durante varios anos en Galicia.[13] Nas primeiras fases do proxecto, o filme recibiu o título provisional de "Aquilo que arde".[14] A idea orixinal era a de crear un falso documental sobre os incendios,[6] mais o proxecto evolucionou a un filme de ficción. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Luxemburgo,[15] onde os incendios e a piromanía teñen unha grande importancia para o argumento e os personaxes, mais segundo o propio director é en realidade un filme sobre a desaparición do rural, que moitas veces é acelerado polos lumes.[6] O equipo de produción do filme comezou a buscar actores non profesionais en Navia de Suarna e escolleron a Amador Arias, garda forestal de profesión, e a Benedicta Sánchez, unha muller de 83 anos no momento da rodaxe, como protagonistas.[6]

Rodaxe

O filme comezou a rodaxe en marzo de 2018, e entre as súas localizacións están varios lugares dos concellos lucenses de Cervantes e Navia de Suarna. O verán dese ano foi un dos que menos incendios sufriu na historia recente de Galicia,[16] en contraposición coa vaga de incendios forestais de 2017.

Para poder gravar preto do lume, o equipo de rodaxe tivo que recibir adestramento físico e teórico como bombeiros.[16] Acompañaron a bombeiros profesionais nos labores de extinción formando unha pequena unidade baixo a responsabilidade do xefe de brigada.[13] En ocasións, o equipo tivo que deixar de rodar para axudar a extinguir o lume. Todas as escenas dos incendios foron filmadas cunha cámara Super 16 e sen ningunha manipulación da imaxe, decidindo rodar moitas escenas durante a noite para salientar a "beleza" do incendio.[13]

Banda sonora

Laxe emprega o son e a música para amplificar a agonía da natureza, cunha combinación de música clásica que substitúe a banda sonora tradicional. Empréganse composicións de Antonio Vivaldi, como o "Cum dederit" de Nisi Dominus,[17] salmo 126, interpretada por Sara Mingardo, ou composicións de Georg Friedrich Händel.[18]

Estrea

O que arde tivo a súa estrea mundial na 72ª edición do Festival Internacional de Cinema de Cannes na sección oficial Un Certain Regard o 21 de maio de 2019,[19] onde gañou o premio do Xurado,[9] sendo a primeira vez que un filme en lingua galega é proxectado na sección oficial.[10] O filme estreouse nos cinemas de Francia en 54 salas de 21 cidades do país o 4 de setembro de 2019, baixo o título Viendra le Feu[20] e da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Estreouse en versión orixinal en galego con subtítulos.[21]

En Galicia, tivo dúas preestreas. A primeira realizouse o 29 de setembro de 2019 na Praza da Vila de Navia, en Navia de Suarna.[22] A elección deste concello debeuse á orixe da familia do director, xa que a nai de Laxe é de Vilela,[16][Cómpre clarificar] da parroquia de Son, así como por ser lugar de rodaxe de parte do filme. A segunda preestrea fíxose o 1 de outubro de 2019 no Festival Curtocircuíto, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.[23]

Estreouse en 19 cinemas de toda Galicia o 11 de outubro de 2019 a través de NUMAX Distribución, nas sete cidades galegas e nas vilas de Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis,[24] así como no resto do estado noutras 30 salas en versión orixinal con substítulos en castelán e catalán.[25] É un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia.[24]

O 12 de outubro de 2019, O que arde estreouse no Festival de Cinema de Nova York dentro da sección oficial.[6] Laxe non puido asistir á presentación por mor da negativa dos Estados Unidos a concederlle a ESTA, a autorización electrónica para viaxar a este país,[26] por ter visitado Irán en 2016.

Acollida

Na primeira fin de semana logo da súa estrea en España, O que arde conseguiu máis de 11 000 espectadores en todo o estado,[27] e o 14 de outubro entrou no décimo posto dos dez filmes máis vistos ese día no estado.[28] Segundo a distribuidora do filme, NUMAX, foi a segunda mellor estrea dun filme independente da tempada. Na súa sexta semana nos cinemas, converteuse no filme en galego con maior recadación e o máis visto da historia, con máis de 104.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea, e máis de 565.214,33 € recadados,[11] superando a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro que mantiña o récord dende 1989.

Resposta da crítica

O que arde recibiu a aclamación da crítica e na páxina web Rotten Tomatoes conta cun 92% de aprobación en base a 25 críticas.[29]

O crítico Thomas Baurez da revista francesa de cinema Première calificou o filme como "un filme incandescente e poderoso".[30] Nunha recensión para a revista de entretemento estadounidense The Hollywood Reporter, David Rooney chamouno "unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante".[31][32]

Galardóns e nomeamentos

Benedicta Sánchez co Premio Goya á mellor actriz revelación.

O que arde estreouse en numerosos festivais e premios cinematográficos, salientando a súa participación no Festival de Cannes de 2019 na sección Un Certain Regard,[33] onde gañou o Premio do Xurado.[9] O filme competiu na 34ª edición do Festival Internacional de Cinema de Mar del Plata, o máis prestixioso festival de cinema de América Latina, onde gañou o Astor de Ouro ó mellor filme.[34] Nos Premios Gaudí de 2020, o filme foi recoñecido como mellor filme europeo, ademais de conseguir o premio de mellor dirección de fotografía para Mauro Herce.[35]

Na 34ª edición dos Premios Goya, O que arde estivo nomeado a catro categorías, incluído mellor filme, mellor director, mellor fotografía e mellor actriz revelación. Finalmente, gañou os premios de mellor fotografía para Mauro Herce e mellor actriz revelación para Benedicta Sánchez.[36] Sánchez tamén foi recoñecida pola Xunta de Galicia no ano 2019 coa medalla Castelao pola súa aparición no filme.[37]

Na 18ª edición dos Premios Mestre Mateo, foi nomeado en doce categorías, incluíndo mellor filme, mellor director, mellor actor, mellor actriz, mellor fotografía e mellor guión.[38] Finalmente, gañou 6 Premios Mestre Mateo, os de mellor filme, mellor director, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor son e mellor fotografía.[39].

En outubro de 2020, foi preseleccionado pola Academia de Cine Español como un dos candidatos, xunto con El hoyo e La trinchera infinita, a representar a España na 93ª edición dos Óscar.[40] O 3 de novembro, anunciouse que o candidato para os Óscar será La trinchera infinita.

AnoCerimoniaCategoríaGalardoadoResultado
2019Festival de Cannes de 2019Premio do Xurado, sección "Un Certain Regard"Óliver LaxeGañador[9]
Premio "Un Certain Regard"Óliver LaxeNomeado[9]
Festival de San Sebastián de 2019Film CommissionÓliver LaxeGañador
Ourense Film FestivalPremio GaliciaÓliver LaxeGañador
Premio Especial do XuradoÓliver LaxeGañador
Chicago Film FestivalMellor deseño de sonDavid MachadoGañador[41]
Festival Internacional de Cinema de TesalónicaMellor filme. Premio Alexandre de OuroÓliver LaxeGañador[42]
Mellor actorAmador AriasGañador[42]
Festival Internacional de Cinema de Mar del PlataAstor de Ouro ó mellor filmeÓliver LaxeGañador[43]
Mellor guiónÓliver Laxe e Santiago FillolGañador[43]
Auteur Film Festival de BelgradoMellor directorÓliver LaxeGañador[44]
Premio Vlada PetricSecuencia máis cinematográficaGañador[44]
Festival Internacional de Cinema de HainanPremio do Xurado, "Coco de Ouro"Óliver LaxeGañador[45]
2020XXXIV edición dos Premios GoyaMellor filmeÓliver LaxeNomeado[46]
Mellor directorÓliver LaxeNomeado[46]
Mellor actriz relevaciónBenedicta SánchezGañadora[36][46]
Mellor dirección de fotografíaMauro HerceGañador[36][46]
Premios Gaudí de 2020Mellor filme europeoÓliver LaxeGañador[35]
Mellor dirección de fotografíaMauro HerceGañador[35]
Premios RNE Sant Jordi de CinematografíaMellor filme españolÓliver LaxeGañador[47]
Premios Feroz de 2020Mellor dramaÓliver LaxeNomeado[48][49]
Mellor directorÓliver LaxeNomeado[48][49]
Mellor guiónÓliver Laxe e Santiago FillolNomeado[48][49]
Mellor cartelAitor Errazquin e Carlos HidalgoNomeado[48][49]
Mellor tráilerMarcos FlórezNomeado[48][49]
Premios ForquéMellor filmeÓliver LaxeNomeado[50]
18ª edición dos Premios Mestre MateoMellor filmeÓliver LaxeGañador[39]
Mellor directorÓliver LaxeGañador[39]
Mellor actorAmador AriasNomeado[39]
Mellor actrizBenedicta SánchezNomeada[39]
Mellor guiónÓliver Laxe e Santiago FillolNomeados[39]
Mellor dirección de produciónKoldo Zuazúa, Guadalupe Balaguer e Analía G. AlonsoNomeados[39]
Mellor dirección artísticaSamuel Lema e Curru GarabalGañadores[39]
Mellor montaxeCristóbal FernándezGañador[39]
Mellor sonDavid Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi SoutoGañadores[39]
Mellor fotografíaMauro HerceGañador[39]
Mellor maquixalle e peiteadoNadia AcimiNomeada[39]
Mellor vestiarioNadia AcimiNomeada[39]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Anónimo, « L'éthique du feu selon Olivier Laxe », Courrier international 1504, Courrier international S.A., París, 29 de agosto de 2019, páxina 43, 1154-516X

Ligazóns externas