Necturus maculosus

Necturus maculosus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Amphibia
Orde:Urodela
Familia:Proteidae
Xénero:Necturus
Especie:Necturus maculosus
(Rafinesque, 1818)
Sinonimia

Sirena maculosa Rafinesque, 1818

O Necturus maculosus é unha especie de píntega do xénero Necturus que vive en Norteamérica.[2] Ten un estilo de vida totalmente acuático nos ríos, lagos e lagoas do leste de Norteamérica. Experimenta pedomorfose e mantén as súas branquias externas.[3] Como nesteanimal as respiracións pola pel e os pulmóns por si soas non son suficientes para o intercambio respiratorio de gases, ten que depender tamén das branquias externas como fonte primaria de intercambiode gases.[4] Xeralmente o animal é de cor marrón óxido[5] e pode medrar ata chegar a unha lonxitude media de 33 cm.[6] Son animais nocturnos e só saen durante o día se a auga na cal viven está turba.[2] A súa dieta consiste en case calquera cousa que poidan atrapar na boca, incluíndo insectos, miñocas, moluscos e anélidos.[5] Unha vez que a femia chega á súa madurez sexual, aos seis anos de idade, pode poñer como media 60 ovos.[5] Na natureza, a súa vida media é duns 11 anos.[7]

Aspecto

Poden serde cor marrón óxido con algo de gris e negro e adoitan ter pintas azuis anegradas, pero en Arkansas atopáronse algúns adultos albinos.[5] En augas claras iluminadas a súa pel faise máis escura, e inversamente, en augas escuras a pel fáiselles máis clara.[4] Na madurez sexual poden ter 20 cm de longo e continúa crecendo ata unha lonxitude media de 33 cm, aínda que se informou de individuos de ata 43,5 cm.[6] As súas branquias externas lembran plumas de avestruz e o tamaño que teñan depende dos niveis de oxíxeno presentes na auga. En augas encoradas, teñen branquias meirandes, e nas augas correntes moi oxixenadas téñenas máis pequenas.[3] As porcións distais das branquias son moi filamentosas e conteñen moitos capilares.[6] Teñen tamén extremidades pequenas e aplanadas que poden usar para camiñar lentamente sobre os fondos de ríos e lagoas, ou poden estar aplanadas contra o corpo durante os curtos aceleróns natatorios.[6] Na pel teñen glándulas mucosas, que lles proporcionan unha cuberta protectora mucosa, e glándulas granulares, que segregan veleno usado como defensa contra os depredadores.[3]

Neotenia

Son unha das moitas especies de píntegas que non chegan a sufrir metamorfose. A maioría das hipóteses sobre a orixe da falta de metamorfose en Necturus teñen que ver coa efectividade da glándula tiroide. A glándula tiroide dalgunhas píntegas, como o Ambystoma mexicanum (axolote), producen hormonas tiroides normais, pero as células do organismo que as teñen que captar expresan receptores de hormonas tiroides que están mutados, e non se unen correctamente coas hormonas, o que fai que algunhas píntegas permanezan nun estado de perpetua mocidade.[8] No N. maculosus estas hormonas exprésanse normalmente a diferenza do axolote. Porén, crese que en vez de ter tecidos insensibles a elas con receptores defectuosos que bloquean os seus efectos, algúns tecidos do animal, como as branquias externas, perderon co tempo a capacidade de ser reguladas polas hormonas tiroides.[9] Esta insensibilidade selectiva ás hormonas tiroides suxire un nivel normal de actividade no eixe hipotalámico-hipofisario-tiroide durante o desenvolvemento desta especie, a diferenza doutras especies de píntegas.

N. maculosus tampouco ten glándula paratiroide.[10] A maioría das píntegas con glándulas paratiroides dependen delas para a regulación da hipercalcemia; esta regulación en N. maculosus faina no seu lugar principalmente a glándula pituitaria (hipófise).[10] Nesta especie o propósito da ausencia de glándula paratiroide non se comprende ben. Unha razón para a ausencia podería ser a falta de variabilidade climática onde viven, xa que as glándulas paratiroides das píntegas varían grandemente dependendo dos cambios estacionais ou de se o organismo hiberna.[11]

Distribución

N. maculosus vive en ríos, lagos e lagoas da parte occidental de Norteamérica.[3] Aparece desde o sur do Canadá ao sur de Xeorxia, e desde o mediooeste dos Estados Unidos a Carolina do Norte.[7] Esta píntega permanece a cuberto baixo rochas e troncos durante o día e faise mái activa durante a noite.[6] Porén, en augas avoltas, é máis activo de día.[2] Poden incluso vivir baixo o xeo cando os lagos se conxelan.[2]

Alimentación

A) Vista xeral da boca de N. maculosus. B) Vista ventral dos dentes vomerinos e premaxilares, localizados na parte superior da boca. C)Mandíbula inferior ou dentario montrando a dentición homodonta. Espécime da colección de Historia Natural da Universidade Luterana do Pacífico.

N. maculosus ten filas de dentes que usa para comer as súas presas.[4] As píntegas teñen tres conxuntos diferentes de dentes: dentes dentarios, premaxilares e vomerinos, que se denominan así polo seu lugar de inserción na boca.[12] Todos os dentes, malia as súas diferentes localizacións, son pequenos, cónicos e moi similares (dentición homodonta).[13][14] O animal nunca abandona o seu ambiente acuático e non sofre morfoxénese, pero moitas píntegas fano e desenvolven dentes diferenciados.[15] Os dentes das píntegas acuáticas utilízanse para dificultar o escape das presas, pero non teñen a misión de esmagar.[16] Cando a píntega usa o estilo de alimentación de "absorber e abrir a boca", a presa é impulsada cara a dentro da boca e a función dos dentes é agarrar a presa dentro da boca e impedir que escape.[12] A ambos os lados da boca, os beizos encaixan permitíndolle usar a alimentación por succión.[6] Son criaturas carnívoras e comen case calquera cousa que poidan atrapar na boca. Normalmente comen insectos, moluscos, anélidos, pequenos peixes, anfibios, miñocas e arañas. A mandíbula tamén desempeña un papel significativo na súa dieta. É unha mandíbula metaautostila, como a da maioría dos anfibios, o que significa que é máis estable, e as píntegas teñen un dentario.[13] Isto afecta a súa dieta ao limitar a flexibilidade da mandíbula para comer grandes presas. N. maculosusu ten poucos depredadores, pero entre eles están peixes, cangrexos, tartariugas e serpes acuáticas. Como os pescadores frecuentemente os capturan e despois os tiran mortos, os humanos considéranse un dos seus principais depredadores.[5] Tamén teñen parasitos. As larvas (gloquidios) do molusco bivalvo Simpsonaias ambigua parasitan as branquias das píntegas Necturus durante unha fase do seu desenvolvemento.[17]

Reprodución

Tardan seis días en chegar á madurez sexual.[6] O apareamento ten lugar normalmente en outono, aínda que non poñen os ovos ata moito máis tarde.[3] Cando os machos están listos para a reprodución, as súas cloacas están inchadas. Os machos depositan os seus espermatóforos no substrato ambiental. A femia recólleos despois coa súa cloaca e almacénaos nunha pequena glándula ou bolsa especializada, a espermateca, ata que os ovos sexan fertilizados.[5] As femias almacenan o esperma ata a ovulación e a fecundación é interna e ten lugar, xeralmente xusto antes da posta, en primavera.[6] Antes de que os ovos sexan depositados, os machos abandonan o niño.[5] Cando está lista, a femia deposita os ovos nun lugar seguro, xeralmente baixo nunha rocha ou tronco.[6] Pode poñer de 20 a 200 ovos,[3] normalmente unha media de 60.[5] Os ovos non están pigmentados e teñen uns 5 ou 6 mm de diámetro. A femia permanece cos ovos durante o período de incubación (arredor de 40 días). As crías son de 2,5 cm de longo e crecen ata os 3,6 cm antes de que consuman completamente a xema pegada aos seus corpos.[6]

Subespecies

  • N. m. louisianensis Viosca, 1937
  • N. m. maculosus (Rafinesque, 1818)
  • N. m. stictus Bishop, 1941

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas