Na parroquia de Santa María atópase o mosteiro de Santa María de Montederramo. Trátase dun mosteiromedieval posiblemente fundado no século X e que chegou a se converter nun dos mosteiros de maior poderío económico e social durante moitos anos en Galicia. Na actualidade o seu templo é un dos mellores exemplos do estilo arquitectónico herreriano.
Conta a lenda que San Mamede era un ermitán que vivía no alto da serra que, co tempo, tomaría o seu nome. Alí levantou unha ermida. hoxe derruída, utilizando para traer a pedra un carro no que xunguía dous corzos que tiña amestrados. Pero o caso é que dunha volta veu un lobo e comeulle un dos corzos. Como castigo, San Mamede xunguiu o lobo co outro corzo e tivo que turrar do carro ata rematar a construción da capela [1].