Miopsinos

A dos miopsinos (Myopsina) é, para algúns autores, unha suborde de moluscos cefalópodos coleoideos decabraquios da orde dos téutidos.[1]

Ollo dunha lura que mostra a córnea e a falta da pálpebra secundaria.

A suborde comprede dúa familias, a dos australitéutidos (Australiteuthidae), monotípica, e a dos lolixínidos (Loliginidae), que comprende unhas 50 especies moi diversas e das que moitas son comercialmente moi importantes.

Porén outros taxónomos, como os do WoRMS, consideran este grupo como unha orde da orde dos decapodiformes (a dos miópsidos), debido a que se demostrou que Teuthida é un nomen dubium, que inclúe [Myopsida + Oegopsida], pero non está demostrado que formen un clado.[2]

Véxase tamén: Miópsidos.
Véxase tamén: Egópsidos.

Características

Un bo número de características morfolóxicas distingue aos membros dos miopsinos dos dos seu grupo irmán, os egopsinos. Algunhas das diferenzas máis obvias encóntranse na estrutura dos ollos: nos dos miópsidos falta unha pálpebra secundaria e, en cambio, están cubertos por unha membrana córnea transparente, a abertura da cal se reduce a un microscópico poro anterior na maioría das especies. Os seus brazos ou tentáculos presentan ventosas simples (non teñen ganchos), e con ventosas adicionais xeralmente situadas nos lóbulos bucalis. A porción anterior dos tentáculos carece dun aparato de peche e prenentan unha bolsa tentacular na cabeza. O embude non ten músculos adutores laterais. Presentan unha cuncha interna en forma de pluma ou espada, ben desenvolvida, que está situada dorsalmente no manto e se estende por case toda a súa lonxitude. En contraste cos egópsidos, as femias posúen glándulas nidamentais accesorias ademais das principais; porén, carecen do oviduto dereito.[3][4]

Os miopsinos habitan en augas costeiras de todo o mundo. Son demersais e xeralmente aliméntanse no fondo ou preto del.[3][4]

O tamaño dos adultos oscilan entre os menos de 2 cm de lonxitude do manto das luras ananas dos xéneros Australiteuthis e Pickfordiateuthis, até os máis de 90 cm que pode medir Loligo forbesii.[3][4]

Taxonomía

Descrición

A suborde foi descrita en 1845 (como orde) polo naturalista francés Alcide d'Orbigny.

Etimoloxía

O termo Myopsina está formado polos elementos do latín científico my-, tirado do grego antigo μύειν mýein, 'pechar os ollos'; -ops, derivado do grego antigo ὅψις ópsis, 'ollo', e o sufixo do latín científico -ina. Literalmente: 'os que pechan os ollos', aludindo á carencia de pálpebra secundaria.[5]

Familias

A suborde dos Myopsina comprende as dúas familias seguintes:[6]

  • Familia Australiteuthidae C. C. Lu, 2005
  • Familia Loliginidae Lesueur, 1821

Notas