Militarismo muisca

Este artigo describe o militarismo dos muiscas, un pobo indíxena que habitou o Altiplano Cundiboyacense, nas terras altas dos Andes de Colombia, antes da chegada dos conquistadores españois.

Os guerreiros güechas dos muiscas tiñan permitido levar coroas de plumas e xoias douradas.

Descrición

Malia que as descricións máis antigas dos cronistas españois narran sobre o seu militarismo, revisións posteriores revelaron que os muiscas eran un pobo máis comerciante que guerreiro.[1] Aínda así, tódalas investigacións concordan que os muiscas tiñan clases especiais dentro da súa sociedade reservadas para os guerreiros. As batallas que loitaban eran principalmente para a defensa do seu territorio perante os panches do oeste e do suroeste, e as batallas entre o zipa e o zaque.[2] A verba muisca para "guerra" ou "inimigo" é saba.[3]

Guerreiros güecha

Artigo principal: Güecha.
Para lanzar as súas frechas, os guerreiros muiscas usaban tirafondas semellantes ós atlatl de Mesoamérica
As frechas envelenadas eran disparadas con zarabatanas.

Para a etimoloxía da verba güecha propuxéronse varias hipóteses. Segundo Pedro Simón, güecha quere dicir "valente",[4] mentres que Ezequiel Uricoechea sinala a súa derivación de zuecha, que quere dicir "tío"; "irmán da nai".[4] A liñaxe de herdanza na sociedade muisca era materna. Uricoechea describiu o termo como unha combinación de gue- ("vila") e cha, que quere dicir "home"; "home da vila".[4] O nome güecha tranformouse en castelán colombiano como guache, que quere dicir "non civilizado", "bruto".[5]

Os guerreiros güecha desfrutaban de privilexios especiais e eran considerados a clase máis alta da sociedade.[2] Só estaban por debaixo dos sacerdotes, pero por riba da xente do común.[6] Tanto Pedro Simón como Lucas Fernández de Piedrahita describen os guerreiros güecha como fortes e valentes, recrutados entre as diversas vilas da Confederación muisca.[7][8]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía