Miguel Layún

futbolista mexicano

Miguel Arturo Layún Prado, nado en Córdoba, Veracruz, o 25 de xuño de 1988, é un futbolista mexicano que xoga como lateral dereito e centrocampista. Dende 2021 milita no Club América da Liga MX.

Miguel Layún
Información persoal
NomeMiguel Arturo Layún Prado
Nacemento25 de xuño de 1988
Lugar de nacementoCórdoba (Veracruz)
Altura1,78 m.
Posiciónlateral
Información de club
Club actualAmérica
Número3
Carreira xuvenil
2003–2006Veracruz
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
2006–2009Veracruz58(1)
2009–2010Atalanta2(0)
2009–2010 América10(1)
2010–2014América132(15)
2014–2015Watford20(1)
2015–2018Porto50(6)
2018 Sevilla16(2)
2018–2019Villarreal8(0)
2019–2021Monterrey73(7)
2021–América27(0)
Selección nacional
2013–México72(6)
Na rede
Facebook: MiguelLayunOficial Twitter: miguel_layun Instagram: miguel_layun FIFA: 371044 UEFA: 250040109 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 1 de xuño de 2022.
Selección: actualizado a 1 de xuño de 2022.editar datos en Wikidata ]

Debutou na Primeira División mexicana nas filas do Veracruz, pero foi a camiseta do América a que máis veces vestiu, en dúas etapas diferentes. Xogou tamén na Serie A italiana, na Premier League inglesa, na Primeira Liga portuguesa e na Primeira División española, e disputou tanto a Liga de Campións da UEFA como a Copa Libertadores e a Liga de Campións da CONCACAF, proclamándose campión desta última co Monterrey.

Foi 72 veces internacional coa selección mexicana, coa que gañou a Copa Ouro da CONCACAF en 2015, e coa que disputou dúas Copas do Mundo: Brasil 2014 e Rusia 2018.

Traxectoria

Naceu na cidade de Córdoba, pertencente ao estado de Veracruz, sendo fillo de Miguel Layún e Maribel Prado.[1] Ten ascendencia libanesa por parte paterna e galega por parte materna, sendo seus avós maternos naturais de Cabalar, lugar da parroquia de Seixido, no concello pontevedrés da Lama.[2][3] É curmán segundo do tamén futbolista José Abella, que desenvolveu a maior parte da súa carreira no Santos Laguna.[4]

Tiburones Rojos de Veracruz

Formouse na canteira do Tiburones Rojos de Veracruz, co que debutou na Primeira División de México en 2007. Foi o 28 de marzo no estadio Luis Pirata Fuente, no empate 1-1 ante o Necaxa.[1] Militou dous anos no equipo, sufrindo un descenso de categoría tralo Torneo Clausura 2008, polo que tivo que xogar a continuación na Liga de Ascenso.[1]

Atalanta

En agosto de 2009 foi traspasado ao Atalanta da Serie A italiana.[5] O 27 de setembro de 2009 fixo historia, cando o adestrador Antonio Conte lle deu entrada no campo como substituto do chileno Jaime Valdés nun empate 1-1 ante o Chievo Verona, converténdose así no primeiro futbolista mexicano en xogar na liga italiana.[6] Con todo, só contou con outros poucos minutos noutro partido contra o Cagliari, e o equipo lombardo, que pelexaba por non descender, decidiu cedelo no mercado invernal.

Club América (1ª etapa)

En decembro de 2009 saíu cedido por seis meses ao América do seu país natal, para a disputa do torneo Bicentenario que conmemorou os 200 anos da Independencia de México.[7] Comezou como suplente e fixo o seu primeiro gol nos cuartos de final da liguiña contra Toluca. Ao remate do campionato desvencellouse do Atalanta e converteuse en xogador a todos os efectos do equipo mexicano. No Torneo Apertura 2010 fíxose definitivamente coa titularidade, e logrou a clasificación para a Copa Libertadores. Debutou na máxima competición suramericana o 16 de febreiro de 2011, nunha vitoria por 2-0 sobre o Nacional uruguaio, na que deu el as dúas asistencias de gol.[8] O equipo logrou o pase aos oitavos de final, onde Layún foi expulsado ante o Santos brasileiro por dobre cartón amarelo.[9]

No Torneo Apertura 2011, o club atravesaba un dos peores momentos deportivos da súa historia e Layún converteuse no centro das críticas da afección, ata o punto de que ser insultado na rúa e non poder saír a un lugar público por medo a ser agredido.[10] Así mesmo, foi duramente criticado nas redes sociais, onde se fixo célebre a frase "Todo é culpa de Layún", aplicada a infinidade de situacións.[11] Ante estas circunstancias, o futbolista viuse obrigado a recorrer a axuda psicolóxica.[1][10][12]

Con todo, acabou por sobrepoñerse e converteuse nunha importante peza do equipo nos seguintes anos. En 2013 acadou a final do Torneo Clausura ante Cruz Azul e anotou o lanzamento decisivo na quenda de penaltis co que América se proclamou campión despois de oito anos.[1] Foi titular tamén na final do Apertura 2013, no que o seu equipo perdeu ante o Club León, e trala marcha de Aquivaldo Mosquera, converteuse no capitán do América. Tamén en 2013 debutou na Liga de Campións da CONCACAF, nunha vitoria por 0-1 sobre o Sporting San Miguelito de Panamá.

O 26 de setembro de 2014, durante o Torneo Apertura, asinou unha das súas mellores actuacións, marcando os catro goles do seu equipo na vitoria por 4-1 sobre o Santos Laguna.[13] Nese mesmo torneo acadou unha nova final, e levantou o trofeo como capitán do equipo despois de derrotar ao Tigres.[14]

Watford

A finais de decembro de 2014 fichou polo Granada, da Primeira División española, pero só uns días despois anunciouse o seu traspaso ao Watford FC,[15] club inglés propiedade tamén da familia Pozzo, co que asinou un contrato por 4 anos e medio.[16] Debutou co equipo no Championship, segunda categoría do fútbol inglés, o 10 de xaneiro de 2015, nunha derrota por 3-1 ante o Huddersfield Town. Disputou 17 encontros no que restaba de tempada, logrando o ascenso á Premier League.[17]

Debutou na Premier League na primeira xornada da tempada 2015/16, saíndo de titular e marcando un gol contra o Everton no Goodison Park de Liverpool,[18] e foi incluído no once ideal da xornada.[19] Xogou dous partidos máis e ese mesmo mes foi cedido ao FC Porto, por unha tempada con opción de compra.

FC Porto

Na súa primeira tempada en Portugal, disputou 41 partidos e marcou seis goles. O 16 de setembro de 2015, debutou na Liga de Campións da UEFA, xogando os 90 minutos ante o Dinamo de Kíiv e dando unha asistencia no primeiro gol de Vincent Aboubakar, nun partido que acabou con empate a dous goles.[20] O 5 de novembro de 2015 marcou o seu primeiro gol na máxima competición europea, na vitoria por 3-1 sobre o Maccabi Tel Aviv.[21]

Acabou a tempada como o máximo asistente da Primeira Liga, empatado a 15 co arxentino Nicolás Gaitán, e as súas boas actuacións fixeron que o Porto exercese a súa opción de compra sobre o xogador, pagando por el uns 6 millóns de euros.[22] Xogou no equipo portuense ata 2018, acadando os 80 partidos oficiais.

Sevilla

O 29 de xaneiro de 2018, e cando parecía que ía fichar polo Real Betis, oficializouse a súa cesión ao Sevilla FC.[23] Debutou co club sevillano na Primeira División na xornada 22, nunha derrota por goleada ante o Eibar en Ipurua (5-1). Foi titular en case tódolos restantes partidos da tempada e marcou dous goles, o primeiro deles nunha derrota ante o Leganés e o segundo na vitoria por 3-2 sobre o Real Madrid.[24] Disputou ademais a final da Copa do Rei no estadio Metropolitano ante o FC Barcelona, xogando os minutos finais como substituto de Pablo Sarabia, nun partido que acabou con goleada barcelonista por 0-5.[25]

Layún xogando un partido no Mundial de 2018 .

Vilarreal

O 11 de xullo de 2018, o Vilarreal anunciou a súa fichaxe para as seguintes tres tempadas.[26] Xogou 15 partidos co equipo amarelo, co que disputou a Europa League, pero deixou o club en xaneiro de 2019, só 6 meses despois da súa chegada, sendo traspasado aos Rayados de Monterrey.[27]

Monterrey

No seu regresou ao fútbol mexicano converteuse nunha importante peza do Monterrey, e en maio conquistou contra Tigres a Liga de Campións da CONCACAF, sendo incluído no once ideal do torneo.[28] En decembro xogou a Copa Mundial de Clubs en Qatar, caendo nas semifinais ante o Liverpool. Poucas semanas despois disputou os dous partidos da final do Torneo Apertura 2019 contra o seu exequipo, América, proclamándose no estadio Azteca campión mexicano por terceira vez.[29]

Xogou tamén dous partidos na Liga de Campións da CONCACAF 2021, na que o seu equipo, con Javier Aguirre como adestrador, acabou proclamándose campión, aínda que Layún abandonou o club uns meses antes da final. Disputou un total de 89 partidos co club de Monterrei, co que marcou 7 goles.

Club América (2ª etapa)

En xuño de 2021 rematou o seu contrato con Monterrey e regresou ao Club América, sete anos despois da súa marcha, como petición expresa do adestrador Santiago Solari.[30]

Selección nacional

Foi 72 veces internacional coa selección mexicana, para a que foi convocado por primeira vez polo seleccionador José Manuel de la Torre en 2013, para a disputa da Copa Ouro. Debutou o 11 de xullo nun partido da fase de grupos contra o Canadá en Seattle, no que saíu de titular. México foi finalmente eliminado da competición por Panamá nas semifinais.

Foi incluído polo seleccionador Miguel Herrera na lista final de 23 xogadores para o Mundial de 2014 no Brasil.[31] O 28 de maio de 2014 marcou os seus dous primeiros goles como internacional, ante a selección de Israel nun partido amigable de preparación para o Mundial. Xogou completos os catro partidos de México na Copa do Mundo, quedando eliminados nos oitavos de final. Ao ano seguinte participou na súa segunda Copa Ouro, proclamándose desta vez campión despois de ser titular na final ante Xamaica, na que os mexicanos venceron por 0-3 no Lincoln Financial Field de Filadelfia.[32]

En 2016 participou na Copa América Centenario, disputando todos os partidos de México, que caeu goleada nos cuartos de final contra Chile. Ao ano seguinte xogou a Copa Confederacións, onde perdeu en semifinais contra Alemaña. Disputou tamén o Mundial de 2018 en Rusia, onde xogou de novo os catro partidos de México, que volveu quedar eliminada en oitavos de final.[33] Ao ano seguinte entrou inicialmente na lista para a Copa Ouro 2019, pero abandonou a selección para ser sometido a unha intervención cirúrxica renal por mor dun tumor maligno.[34][35][36]

Palmarés

América
  • Liga MX (2): Clausura 2013, Apertura 2014.
Porto
Monterrey
Selección mexicana

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas