Ácido mevalónico

composto químico
(Redirección desde «Mevalonato»)

O ácido mevalónico é un composto orgánico moi importante que intervén no metabolismo de terpenos e esteroides, como o colesterol. O anión do ácido mevalónico é o que predomina aos pHs celulares e recibe o nome de mevalonato. O nome do composto deriva dunha contracción do nome dihidroximetilvalerolactona. Tamén ten unha grande importancia farmacéutica. Fármacos como as estatinas, fan parar a produción de mevalonato ao inhibir a HMG-CoA redutase, polo que inflúen na síntese de colesterol.[1]

Ácido mevalónico
Identificadores
Número CAS150-97-0
PubChem439230
Imaxes 3D JmolImage 1
Propiedades
Fórmula molecularC6H12O4
Masa molar148,16 g mol−1

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O ácido mevalónico ten 6 carbonos un grupo carboxilo e dous grupos OH. É moi soluble en auga e en solventes polares. Existe en equilibrio coa súa lactona, chamada mevalonolactona, formada por condensación interna do seu alcohol terminal co seu grupo carboxilo. O ácido mevalónico é quiral, e só o seu enantiómero 3R é bioloxicamente activo.

Metabolismo

O ácido mevalónico é un precursor na ruta biosintética denominada vía do mevalonato, por medio da cal se sintetizan os terpenos e esteroides. O ácido mevalónico é o precursor primario do isopentenil pirofosfato (IPP), que á súa vez é o composto base para a síntese de todos os terpenoides.

Para a síntese do mevalonato nas células necesítase acetil-CoA. Fórmase primeiro acetoacetil-CoA, despois β-hidroxi-β-metilglutaril-CoA (HMG-CoA), que posteriormente se reduce coa intervención do NADPH e libera o coencima A, orixinando o mevalonato. O encima que intervén nesta reacción final é a HMG-CoA redutase que se illa dos microsomas citosólicos, que controla a síntese de esteroides como o colesterol, xa que o mevalonato formado seguirá a ruta de síntese do colesterol orixinando primeiro mevalonato 5-fosfato con gasto de ATP en reacción catalizada pola mevalonato quinase.[2]

Existe unha segunda HMG-CoA redutase, presente nas mitocondrias do fígado, que non produce mevalonato senón acetil-CoA e acetoacetil-CoA, que orixina os corpos cetónicos.

Vía do mevalonato.

Notas