Meganisópteros

(Redirección desde «Meganisoptera»)
Meganisópteros
Rango fósil: 318-251 Ma (Pensilvaniense - Lopingiano)

Meganeura sp.
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Arthropoda
Clase:Insecta
Superorde:Odonatoptera
Orde:Meganisoptera
Martynov, 1932
Familias
  • Meganeuridae
  • Paralogidae
Sinonimia
  • Protodonata C. Brongniart, 1893

Os maganisópteros (Meganisoptera) son unha orde de insectos extinguida con especies de tamaño moi grande ou xigante. Anteriormente esta orde chamábase Protodonata (protodonatos), pola súa aparencia similar e suposto parentesco cos modernos Odonata (libélulas). Viviron no Paleozoico desde o Carbonífero tardío ao Permiano tardío. Aínda que a maioría eran só lixeiramente máis grandes que as libélulas modernas, algunhas especies da orde son os insectos máis grandes coñecidos, como os fósiles do Carbonífero tardío Meganeura monyi e Megatypus, e a aínda máis grande do Permiano temperán Meganeuropsis permiana, que tiña envergaduras alares de ata 71 cm.[1]

O suposto antepasado xigante das libélulas que viviu no Carbonífero superior, Meganeura monyi, tiña unha envergadura de ás de 68 cm.[2] Museo de Tolosa.

As ás anteriores e posteriores son similares en venación (unha característica primitiva) agás na área anal máis grande (cara a atrás) nas ás posteriores. As ás anteriores son normalmente máis delgadas e lixeiramente máis longas que as posteriores. A diferenza das verdadeiras libélulas (Odonata), non tiñan pterostigma, e o patrón de veas das ás era algo máis simple.

A maioría dos espécimes coñécense só por fragmentos de ás; e só unhas poucas son ás completas, e moi poucas (na familia Meganeuridae) teñen impresións dos corpos. Estes mostran unha cabeza globosa con grandes mandíbulas dentadas, fortes patas espiñosas, un tórax grande, e un abdome longo e delgado como o das libélulas. Igual que as verdadeiras libélulas, eran presumiblemente predadores.

Tamén se coñecen unhas poucas ninfas fósiles, que mostran pezas bucais similares ás das ninfas de libélulas modernas, o que indica que eran predadores acuáticos activos.[3]

Aínda que ás veces se inclúen dentro das libélulas, os protodonatos (meganisópteros) carecen de certas características distintivas das ás que caracterizan aos odonatos. David Grimaldi e Michael S. Engel, indicaron que o termo coloquial "libélula xigante" é equívoco e sería mellor chamarlles "moscas grifón" ("griffinfly").

Tamaño

Modelo suposto dun meganisóptero, aínda que incorrectamente se lle debuxou un pterostigma nas ás anteriores.

Discutiuse moito por que os insectos do Carbonífero puideron crecer tanto. A maneira na que se difunde o oxíxeno a través do corpo dun insecto polo seu sistema respiratorio traqueal supón que haxa un límite superior para o seu tamaño, que os insectos prehistóricos parece que superaron. Propúxose inicialmente (Harlé & Harlé, 1911) que Meganeura podía facer o esforzo de voar porque a atmosfera naquel tempo contiña máis oxíxeno que o 20% da actual atmosfera. Esta teoría foi rexeitada polos científicos daquela época, pero encontrou a aprobación de científicos recentes que estudaron máis en detalle as relacións do xigantismo e a dispoñibilidade de oxíxeno.[4] Se esta teoría é correcta, estes insectos serían susceptibles a unha caída dos niveis de oxíxeno e non poderían vivir nunha atmosfera coma a actual. Outros investigadores indican que os insectos realmente respiran con "rápidos ciclos de compresión e expansión traqueal".[5] Análises recentes da enerxética do voo de insectos e aves modernos suxire que tanto o nivel de oxíxeno coma a densidade do aire dan a posibilidade dun salto no tamaño.[6]

Un problema xeral con todas as explicacións relacionadas co oxíxeno das libélulas xigantes é a circunstancia de que os grandes Meganeuridae cunha envergadura alar de 45 cm tamén viviron no Permiano superior de Lodève en Francia, cando o contido de oxíxeno da atmosfera era xa moito máis baixo que no Carbonífero e no Permiano inferior.[7]

Bechly (2004) suxeriu que a falta de predadores vertebrados aéreos permitiulles aos insectos pterigotos evolucionar a tamaños máximos durante os períodos Carbonífero e Permiano, proceso que talvez foi acelerado por unha "carreira de armamentos evolutiva" para incrementar o tamaño corporal entre os paleodictiópteros herbívoros e os meganéuridos, que eran os seus predadores.[8]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carpenter, F. M. 1992. Superclass Hexapoda. Volume 3 of Part R, Arthropoda 4; Treatise on Invertebrate Paleontology, Boulder, Colorado, Geological Society of America.
  • Grimaldi, David and Engel, Michael S. (2005-05-16). Evolution of the Insects. Cambridge University Press. ISBN 0-521-82149-5. 
  • Tasch, Paul, 1973, 1980 Paleobiology of the Invertebrates, John Wiley and Sons, p. 617
  • André Nel, Günther Fleck, Romain Garrouste, Georges Gand, Jean Lapeyrie, Seth M Bybee, e Jakub Prokop (2009): Revision of Permo-Carboniferous griffenflies (Insecta: Odonatoptera: Meganisoptera) based upon new species and redescription of selected poorly known taxa from Eurasia. Palaeontographica Abteilung A, 289(4-6): 89–121.

Ligazóns externas