Megalópteros

orde de insectos
(Redirección desde «Megaloptera»)
Megalópteros
Rango fósil: Permiano-Holoceno

Exemplar do xénero Sialis
Clasificación científica
Reino:Animalia
(sen clasif.)Euarthropoda (clado)
Clase:Insecta
(sen clasif.):Endopterygota (clado)
Orde:Megaloptera
Familias

Corydalidae
Sialidae
e ver texto

A dos megalópteros (Megaloptera) é unha orde de insectos da que se coñecen unhas 300 especies.

Corydalus cornutus - MHNT

O nome procede do grego μέγα-, mega, 'grande' e πτέρυξ, pterix, 'á', en referencia ás súas ás grandes e burdas. Os megalópteros son insectos relativaemnte descoñecidos en gran parte da súa área de distribución, debido á curta vida dos adultos, a frecuentemente alta tolerancia das larvas acuáticas á polución (polo que son difíciles de atopar por bañistas), e os seus hábitos xeralmente crepusculares ou nocturnos. Porén, en América os da subfamilia Corydalinae son ben coñecidos polas mandíbulas parecidas a defensas de elefante dos machos. Estas teñen unha aparencia formidable, pero son relativamente inofensivas para os humanos e outros animais; a súa función é impresionar as femias e suxeitalas durante o apareamento, e algúns machos pelexan entre eles en exhibicións de cortexo. As larvas destas especies adoitan usarse como isco para a pesca con anzó en Norteamérica.

Anteriormete os Megaloptera eran considerados parte dun grupo denominado Neuroptera, no que se incluían outros grupos, que son agora considerados xeralmente ordes separadas, e os Neuroptera comprenden agora só eses outros grupos (que antes se chamaban Planipennia). Todos os anteriores Neuroptera están, non obstante, moi estreitamente relacionados entre si e o novo nome para este grupo conxunto que inclúe a todos eles é Neuropterida.[1] Este é situado ou ben como un superorde, cos Endopterygota (dos cales forman parte) constituíndo un clado sen categoría taxonómica sobre el, ou ben os Endopterygota son mantidos como superorde, e os Neuropterida, sen categoría, formarían parte deles. Dentro dos endopterigotos, os parentes vivos máis próximos do clado dos neuroptéridos son os escaravellos.

O Corydalinae asiático Acanthacorydalis fruhstorferi pode ter unha envergadura alar de ata 21,6 cm, o que o fai o insecto acuático de maior envergadura alar do mundo.[2][3]

Anatomía e ciclo vital

Os megalópteros adultos lembran moito a neurópteros, excepto pola presenza dunha rexión prateada nas ás traseiras, que lle axuda a dobralas sobre o abdome. Teñen fortes mandíbulas e pezas bucais aparentemente adaptadas para mastigar, aínda que moitas especies non comen cando son adultos. Teñen grandes ollos compostos, e nalgunhas especies tamén ocelos. As ás son grandes e subiguais.[4]

As femias poñen ata 3 000 ovos nunha masa conxunta, que depositan sobre vexetación que colga sobre a superficie da auga. Sofren a forma máis rudimentaria de metamorfose completa entre os insectos. Presentan menos diferenzas entre as formas larvarias e as adultas que calquera outra orde de insectos holometábolos, e as súas larvas acuáticas viven en auga doce, arredor da cal viven tamén os adultos. As larvas son carnívoras, e comen pequenos invertebrados, como crustáceos, ameixas, vermes e outros insectos. Posúen fortes mandíbulas que usan para capturar as súas presas. Teñen grandes cabezas e corpos alongados. O abdome leva varios filamentos táctiles finos, que nalgunhas especies poden incluír branquias. O segmento final do abdome leva un par de propatas, ou un só apéndice parecido a unha cola.[4]

As larvas crecen lentamente e tardan de 1 a 5 anos en chegar ao último estado larvario. Cando chegan á madurez, as larvas arrástranse desde a auga a terra e pupan no solo húmido ou baixo troncos. Algo pouco común é que a pupa é completamente móbil e ten grandes mandíbulas que usa para defenderse dos seus predadores. Os adultos de vida curta emerxen da pupa para aparearse, e moitas especies nunca se alimentan como adultos e viven só unhas poucas horas ou días.[4]

Evolución

Ademais das dúas familias vivas, hai algúns taxons prehistóricos de Megaloptera, coñecidos polos seus fósiles. Algúns destes ocupan unha posición máis basal:[5]

  • Xénero Corydasialis (ás veces considerado como a familia monotípica Corydasialidae[6])
  • Familia Parasialidae (probablemente parafilética)
  • Familia Euchauliodidae
  • Familia Nanosialidae[7]

Os Megaloptera son monofiléticos e un clado irmán de Neuroptera.[8] Dentro de Megaloptera, Corydalinae e Chauliodinae son clados irmáns. A estimación do tempo de diverxencia suxire que a liñaxe troncal de Neuropterida e Coleoptera separouse no Permiano temperán.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Grimaldi, David & Engel, Michael S. (2005): Evolution of the Insects. Cambridge University Press. ISBN 0-521-82149-5
  • Engel, Michael S. & Grimaldi, David A. (2007): The neuropterid fauna of Dominican and Mexican amber (Neuropterida, Megaloptera, Neuroptera). American Museum Novitates 3587: 1-58. PDF fulltext Arquivado 17 de decembro de 2008 en Wayback Machine.
  • Haaramo, Mikko (2008): Mikko's Phylogeny Archive: Neuropterida. Version of 2008-MAR-11. Consultado o 5 de maio de 2008.