Mariner 9

Sonda espacial estadounidense enviada a Marte.

Mariner 9 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 30 de maio de 1971 mediante un foguete Atlas SLV-3C Centaur D desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte.[1][2][3]

Mariner 9
Mariner 9
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita marciana.[1][2][3]
Data de lanzamento30 de maio de 1971, 22:23 GMT[1][4][5][6]
Foguete portadorAtlas SLV-3C Centaur D[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 36B[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID1971-051A
Masa558,8 kg[1]
Potencia500,0 W[1]

Características

Mariner 9 pertenceu ó programa Mariner da NASA. Era idéntica á previamente fracasada Mariner 8 e xunto ela era parte do proxecto Mariner Mars 71 para que as dúas naves estudaran Marte de maneira complementaria. A súa misión era entrar en órbita de Marte para facer medicións e observacións científicas. Dado o fallo de Mariner 8, Mariner 9 asumiu parte do traballo daquela, converténdose ademais na primeira nave en poñerse en órbita doutro planeta.[1][2][3]

A estrutura principal da nave tiña forma octogonal, de 45,7 cm de altura e 138,4 cm de diagonal. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares de 215 x 90 cm e que lle daban unha envergadura de 6,89 metros. Os paneis contabilizaban un total de 14.742 células solares e producían ata 500 W de potencia á distancia de Marte (800 W á distancia da Terra), alimentando unha batería cunha capacidade de 20 amperios-hora.[1][2][3]

A estrutura tamén albergaba dous tanques co propelente (monometil hidracina e tetróxido de nitróxeno) para o sistema de propulsión e o motor de manobra, de 1340 N de impulso e capaz de cinco reencendidos. O control de actitude corría a cargo de seis pares de pequenos propulsores que expulsaban nitróxeno e ían montados nos extremos dos paneis solares. O coñecemento da posición era proporcionado por un sensor solar, un seguidor estelar fixado en Canopus, varios xiroscopios, unha unidade de referencia inercial e un acelerómetro. O control térmico era pasivo e funcionaba con base en pequenas persianas situadas nos laterais do octógono.[1][2][3]

Imaxe do volcán Ascraeus Mons obtida por Mariner 9 desde órbita.

Para as comunicacións, Mariner 9 usaba unha antena parabólica de alta ganancia situada na parte superior da estrutura octogonal, unha antena de baixa ganancia de 1,44 metros de longo e unha antena de media ganancia que funcionaban en banda S. Os datos recollidos pola instrumentación científica podían gardarse nunha gravadora de cinta cunha capacidade de 180 Mbit. A altura total da nave, das antenas á plataforma científica inferior, era de 2,28 m.[1][2][3]

Instrumentación científica

Os instrumentos atopábanse nunha plataforma móbil na parte inferior da estrutura principal da nave, incluíndo as cámaras de televisión grande angular e teleobxectivo, un radiómetro infravermello, un espectrómetro ultravioleta e un espectrómetro interferómetro infravermello. A masa total dos instrumentos era de 63,1 kg.[1][2][3]

Desenvolvemento da misión

Mariner 9 foi lanzada nunha traxectoria directa cara a Marte o 30 de maio de 1971, executando unha manobra de corrección de traxectoria o 5 de xuño e chegando ao planeta sen incidentes o 14 de novembro, tras 167 días de voo. A nave entrou en órbita marciana tras un acendido dos motores de 15 minutos e 23 segundos, cuns parámetros iniciais de 1398 km de periapse e un período de 12 horas e 34 minutos. Dous días máis tarde a nave acendeu de novo os motores, quedando nunha órbita de algo menos de 12 horas e un peripase de 1387 km. Un último acendido elevou a altura da órbita a 1650 km para axustala e sincronizala para poder comunicarse periodicamente coa antena da Rede do Espazo Profundo situada en Goldstone.[1][2][3]

O fotografado da superficie comezou con atraso debido a que no momento da chegada de Mariner 9, unha tormenta de area global cubría Marte. As cámaras puideron comezar a obter imaxes da superficie cara a decembro. A nave medíu tamén a densidade, presión e temperatura da atmosfera, a gravidade e a topografía marciana. Mariner 9 finalizou a súa misión o 27 de outubro de 1972, tras esgotar o gas do sistema de control de actitude e transmitir un total de 54 Gbits de datos, incluíndo 7329 imaxes. Mariner 9 quedou en órbita marciana, calculándose que decaería tras 50 anos polo rozamento atmosférico.[1][2][3]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos