Lingua huna

lingua morta falada polos antigos hunos

A lingua huna[1] era a lingua falada polo hunos, unha confederación tribal heteroxénea que invadiu Europa Oriental e Central, e gobernou a maioría da chaira panónica durante os séculos IV e V. Dentro do Imperio Huno falábanse unha gran variedade de linguas.[2] Un informe contemporáneo de Prisco de Panio afirmaba que o huno se falaba xunto ao gótico e as linguas doutras tribos sometidas polos hunos.[3]

Huno
Falado en:Imperio Huno
Extinción:século VII
Familia:Sen clasificar
 Huno
Códigos de lingua
ISO 639-1:--
ISO 639-2:---
ISO 639-3: xhc
Mapa
Status

Como non se conservan inscricións ou frases enteiras na lingua huna, o corpus testemuñado é moi limitado, composto case na súa totalidade por nomes propios en fontes gregas e latinas.[4]

Orixe

Hipótese turca

A lingua huna non se pode clasificar no presente,[5][6] pero debido á orixe destes nomes propios comparouse principalmente coas linguas turcas,[6][7] as linguas mongólicas, as linguas iranias orientais e as linguas ieniseianas,[8] cunha maioría de estudosos apoiando a tese turca.[9] Estes considerána como unha lingua relacionada coa lingua turca falada polos antigos búlgaros e co chuvaxo moderno. Hoxe, todas estas linguas clasifícanse, xunto co khazar e o ávaro-turco, como membros da póla ogúrica das linguas turcas.

Esta teoría de que o huno pertence á póla ogúrica deriva da identificación dalgúns dos nomes hunos como turcos; algúns rexistrados na escasa literatura supervivente e outros de artefactos recuperados polos arqueólogos.[10] Mais esta teoría tamén ten algúns problemas. Así, palabras como medos, kamos, strava e, posiblemente, cucurun que non parecen ser turcas[11] foron estudadas durante máis de século e medio, e ningún intento de conectalas co resto dos nomes de ningún grupo lingüístico coñecido ten conseguido un consenso académico. Igualmente, a inscrición na placa de Khan Diggiz interpretouse como unha forma turca do nome Dengizik, coñecido como o rei huno, fillo de Atila. Esta conclusión baséase no razoamento de que o vocabulario coñecido da lingua huna indica que pertence ao tipo r- e l- das linguas turcas e que a migración dos hunos foi a responsable da aparición desta lingua en Occidente. Este caso das linguas tipo r- e l- (turco "lir") só se observa actualmente en lingua chuvaxa, o único membro da rama turca ogúrica que non desapareceu. As outras linguas turcas ("turco común" ou "shaz"-túrquico) son de tipo z- y š-.

Hipótese ieniseiana

Outros académicos, en particular Lajos Ligeti (1950/51) e Edwin G. Pulleyblank (1962), afirmaron que as linguas de Siberia, especialmente a lingua keta, membro das linguas ieniseianas, puideron ser (ou quizais foron) unha parte importante (ou talvez o núcleo lingüístico) das linguas xiongnu e huna.[12][8] Vajda (et al. 2013) propuxo que a elite gobernante huna falaba unha lingua yeniseiana e influíu noutras linguas da rexión.[8]

Porén, outros estudosos consideran que a evidencia dispoñible non é concluínte e, polo tanto, a lingua huna é inclasificable.[13]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía