Latimeríidos

Artigo principal: Actinistios.
Latimeríidos
Latimeriidae
Celacantos propiamente ditos

Latimeria chalumnae
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Subfilo:Vertebrata
Infrafilo:Gnathostomata
Superclase:Osteichthyes
Clase:Sarcopterygii
Subclase:Coelacanthimorpha
Orde:Coelacanthiformes
Familia:Latimeriidae
Berg, 1940 [2]
Sinonimia
  • Coelacanthidae Agassiz, 1843 [3]

A dos latimeríidos (Latimeriidae) é unha familia de peixes osteíctios da superclase dos sarcopterixios e orde dos celacantiformes, única da subclase dos actinistios que comprende numerosas especies fósiles e tan só dúas viventes do xénero Latimeria, coñecidos na bibliografía internacional como celacantos.[4][5][6][7]

Latimeria chalumnae.

Estes peixes á penas evolucionaron desde hai 350 milóns de anos e se asemellan a antepasados acuáticos dos vertebrados terrestres.

Teñen unha vexiga natatoria non funcional, chea de graxa, que pode ser un vestixio dun pulmón ancestral, e frecuentemente se lles deu o nome de fósiles viventes ou de elo perdido.

Características

Teñen un corpo robusto, cuberto de escamas grandes, óseas imbricadas; a parte externa de cada escama está armnada con tubérculos duros con aspecto de dentes. A segunda aleta dorsal, a anal e as aletas pares son lobuladas, proxectado o corpo en pedúnculos musculares que conteñen unha serie de elementos esqueléticos cartilaxinosos; a aleta caudal é arredondada, cunha pequena proxección no centro cos raios articulados directamente ao extremo da notocorda. A primeira aleta dorsal aparece despregada en abano, sustentada por 8 raios óseos espiñentos.[8]

Case todo o esqueleto é cartilaxinoso; as vértebras son rudimentarias, e a medula espiñal está apoiada nunha grande notocorda, oca e de paredes grosas (precursor embrionario dos discos vertebrais de moitos peixes e outros vertebrados) que está chea de líquido. As espiñas neurais e hemais están osificadas e unidas directamente á notocorda. Non teñen costelas.
A vexiga natatoria está ben desenvolvida, estendéndose por toda a lonxitude da cavidade abdominal, e está chea de graxa.[8]

Bioloxía

Os latimeriidos son ovovivíparos; as femias poñen de 19 a 59 ovos e unhas 5 crías vivas. Os ovos poden alcanzar un diámetro de 9 cm. No oviduto os xuvenís poden chegar a uns 33 cm de lonxitude total. Os adultos teñen unha lonxitude máxima de 1,8 m.
Viven en costas rochosas escarpadas, agochados en covas durante o día (a miúdo en grupos) e alimentándose, por separado, de peixes e cefalópodos, sobre substratos abertos, pola noite, a profundidades de entre os 180 e os 220 m, en augas a temperaturas de entre 16 e 23 °C.
Son lonxevos e de crecemento lento. Os seus principais inimigos aadoitan seren tiburóns grandes.[8]

Distribución

Latimeria chalumnae distribuése nas augas costeiras de Suráfrica, Mozambique, Madagascar e as Comores. Recentemente descubriuse unha segunda especie, Latimeria menadoensis, en Indonesia.[8]

Taxonomía

Descrición

A familia foi descrita en 1940 polo xeógrafo e biólogo soviético Lev Semiónovich Berg.[2]

Etimoloxía

O nome Latimeriidae fórmase, como é habitual, sobre a raíz do nome do xénero tipo, neste caso Latimeria, engadíndolle a desinencia do latín científico -idae, propia dos nomes de familias de animais.

En canto Latimeria, deriva de miss Marjorie Courtenay-Latimer (1907–2004), traballadora no East London Museum, de East London, provicia do Cabo Oriental, Suráfrica, que, en 1938, chamou a atención de todo o mundo polo descubrimento do celacanto, peixe que se cría extinguido desde hai 65 millóns de anos.[9]

Clasificación

Latimeria menadoensis.

Familia Latimeriidae Berg, 1940

  • Xénero Latimeria Smith, 1939
    • Latimeria chalumnae Smith, 1939 - celacanto propiamente dito, ou celacanto das Comores
    • Latimeria menadoensis Pouyaud, Wirjoatmodjo, Rachmatika, Tjakrawidjaja, Hadiaty & Hadie, 1999 - celacanto indonesio
  • Xénero Coccoderma
  • Xénero Macropoma
  • Xénero Holophagus
  • Xénero Libys
  • Xénero Macropomoides
  • Xénero Megacoelacanthus
  • Xénero Undina

Galería de latimeríidos extintos

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Eschmeyer, William N., ed. (1998): Catalog of Fishes. Special Publication of the Center for Biodiversity Research and Information, núm.. 1, vol. 1-3. San Francisco (California, Estados Unidos): California Academy of Sciences. ISBN 978-0-940228-47-5.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York, NY, USA: John Wiley & Sons. ISBN 978-0-471-25031-7.

Outros artigos

Ligazóns externas