Lárice

xénero de plantas

Os lárices son árbores pertencentes ao xénero Larix, coníferas da familia das pináceas tamén chamados alerces. O xénero contén unhas trece especies.

Son árbores caducifolias, coas follas aciculares, macías, verdes, brillantes, en grupos de fascículos de 15 a 40 sobre braquiblastos; as agullas tórnanse amarelas e caen a finais do outono, saíndo das árbores defoliadas co inverno. Os lárices miden entre 15 e 50 m de altura; son as plantas dominantes nos inmensos bosques boreais de Rusia e do Canadá.

En Galicia só aparecen coma ornamentais en xardíns e arboredos coma en Lourizán.

Especies e clasificación

Hai 10-14 especies; aquelas marcadas cun asterisco (*) na listaxe inferior non son aceptadas coma especies distintas por todas as autoridades. No pasado, a lonxitude da bráctea do cono a miúdo usouse para dividir os lárices en dúas seccións (secc. Larix con brácteas curtas e secc. Multiserialis con brácteas longas), mais a evidencia xenética[1] non apoia esta división, apuntando no canto disto a unha división xenética entre as especies do Vello Mundo e do Novo Mundo, sendo o cono e mais o tamaño da bráctea meras adaptacións ás condicións climáticas. Estudos xenéticos máis recentes propuxeron tres grupos dentro do xénero, cunha división primaria entre as especies de América do Norte e as Euroasiáticas, e unha división secundaria das euroasiáticas entre as especies de brácteas curtas setentrionais e especies de brácteas longas meridionais;[2] hai certa disputa sobre a posición do Larix sibirica, unha especie de bráctea curta que se atopa no grupo de bráctea curta por algúns dos estudos e no grupo de bráctea longa por outros.

Eurasia

Conos masculino (arriba) e feminino (abaixo á dereita) do lárice do Xapón emerxendo na primavera.

Setentrional, bráctea curta

  • Larix decidua (sin. L. europaea) Lárice europeo. Montañas do centro de Europa.
  • Larix sibirica Lárice de Siberia. Chairas do oeste de Siberia.
  • Larix gmelinii (sin. L. dahurica) Lárice de Gmelin. Chairas do centro de Siberia.
    • Larix gmelinii var. olgensis ás veces é tratado como unha especie distinta, Larix olgensis.[3]
  • Larix cajanderi (sin. L. dahurica). Chairas de Siberia oriental.
  • Larix kaempferi (sin. L. leptolepis) Lárice do Xapón. Montañas do centro do Xapón.
  • Larix principis-rupprechtii. Montañas do norte da China (Shanxi, Hebei).

Meridional, bráctea longa

Lárice europeo: follaxe e conos.
  • Larix potaninii. Montañas do suroeste da China (Sichuan, Yunnan setentrional).
  • Larix himalaica *. Montañas do centro do Himalaia.
  • Larix mastersiana. Montañas do oeste da China.
  • Larix speciosa *. Montañas do suroeste da China (suroeste de Yunnan), nordés de Birmania.
  • Larix griffithii (sin. L. griffithiana) Lárice do Himalaia. Montañas do leste do Himalaia.

América do Norte

  • Larix laricina Lárice tamarack. Partes de Alasca e por todo o Canadá e o norte dos Estados Unidos dende o leste das montañas Rochosas até a beiramar atlántica.
  • Larix lyallii. Montañas do noroeste dos Estados Unidos e o suroeste do Canadá, a moi grande altitude.
  • Larix occidentalis Lárice americano occidental. Montañas do noroeste dos Estados Unidos e suroeste do Canadá, en altitudes inferiores.

A meirande parte das especies, senón todas, poden hibridarse en cultivo. O híbrido máis coñecido é o Abeto híbrido de Dunkeld Larix × marschlinsii (sin. Larix × eurolepis, un nome non lexítimo), que xurdiu máis ou menos simultaneamente en Suíza e Escocia cando o lárice europeo (L. decidua) e o lárice do Xapón (L. kaempferi) hibridaron cando estaban plantados xuntos.

O lárice úsase coma planta de alimentación polas larvas dunha serie de especies de lepidópteros. O lárices inclínanse por padecer a enfermidade antracnose fúnxica Lachnellula willkommii (Antracnose do lárice); esta é particularmente un problema nos lugares que tenden a ter xeadas serodias na primavera, que causan feridas menores ás árbores, permitindo a entrada das esporas do fungo.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas