Ivar Leimus

numismático e historiador estoniano

Ivar Leimus, nado en Võru o 3 de xuño de 1953, é un numismático e historiador estoniano.

Infotaula de personaIvar Leimus

Ivar Leimus en 2010
Biografía
Nacemento3 de xuño de 1953
Võru, Estonia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estoniano.
Educación Universidade de Tartu.
Actividade
Campo de traballoNumismática e historia.
Ocupaciónnumismático , tradutor , historiador Editar o valor em Wikidata
Membro de
Premios
(1994): Artur Puksow.
(2010): S. Shamma (RNS).
(2019): Premio da GIG.

Traxectoria

Ivar Leimus naceu o 3 de xuño de 1953[1] na vila de Võru, no condado homónimo da daquela chamada República Socialista Soviética de Estonia.

Leimus cursou os seus estudos superiores de Historia, Arqueoloxía e Historia da Arte na Universidade de Tartu, onde se graduou en 1976, cunha memoria acerca dos achados monetarios dos séculos IX a XVII na Estonia occidental e en Saaremaa.[2] Posteriormente, acadou o seu doutoramento en 1989, cunha tese sobre as cuñaxes livonias do século XVI, dirixida por Arkadi Molvõgin, que foi publicada en 1995.[1][3]

Desde o momento da súa graduación en 1976 desenvolve o seu labor profesional como conservador de moeda no Museo Histórico de Estonia (Eesti Ajaloomuuseum),[4] en Talín, do que foi director adxunto de investigación entre 2006 e 2008. Paralelamente, impartiu docencia no Instituto de Historia da Universidade de Tartu e noutras institucións académicas.[1][2]

En 1999 foi nomeado membro correspondente da Sociedade Finlandesa de Anticuarios. Entre 2002 e 2003 presidiu a Sociedade Académica de Historia (Akadeemiline Ajalooselts) e en 2007 ingresou na Comisión Histórica do Báltico (Baltische Historische Kommission). Así mesmo, entre 2005 e 2008 foi o presidente fundador da Asociación de Numismáticos do Báltico.[1][2]

As súas investigacións, publicadas fundamentalmente en estoniano, en alemán e en inglés, céntranse sobre todo nas cuñaxes e na historia monetaria dos estados bálticos desde a Idade Media ata a época moderna e está considerado un experto en achados monetarios de moeda viquinga.[1][2]

Recoñecementos

Publicacións

Ivar Leimus é autor de decenas de artigos e colaboracións en materia numismática publicados en diversas revistas especializadas e volumes conxuntos, ademais dalgúns traballos monográficos, dos que a seguir se citan os máis significativos:[8][9][10]

Escolma de monografías

  • (1986). Der Münzfund von Kose aus dem zweiten Viertel des 12. Jahrhunderts. Eesti Raamat, Talín.
  • (1993). Eesti Vabariigi rahad, 1918-1992 / Coins and banknotes of the Republic of Estonia, 1918-1992. Olion, Talín. ISBN 9785460002146
  • (1995). Das Münzwesen Livlands im 16. Jahrhundert. (1515-1581/94). Stockholm Numismatic Institute, Stockholm University. ISBN 91-972706-0-1
  • (2001). Estonian Collections. Anglo-Saxon, Anglo-Norman and later British Coins [Sylloge of Coins of the British Isles. 51] (con Arkadi Molvõgin). Oxford University Press, Oxford. ISBN 0-19-726220-1
  • (2007). Sylloge of Islamic coins 710/1 - 1013/4 AD. Estonian public collections. Estonian History Museum, Talín. ISBN 978-9949-15-255-1

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas