Instituto Galego de Información
O Instituto Galego de Información (IGI) foi fundado no ano 1977 polo intelectual compostelán Isaac Díaz Pardo. Nun principio o IGI xurdiu a partir da idea do xornalista Lorenzo Varela de publicar un xornal en lingua galega chamado Galicia, pero o proxecto rematou tan só un ano despois.
Instituto Galego de Información | |
---|---|
Tipo | proxecto cultural |
Data de fundación | 1977 |
Fundador(es) | Isaac Díaz Pardo |
Sede | San Marcos |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Coa súa sede en San Marcos (Bando, Santiago de Compostela), o IGI formou parte do proxecto do Grupo Sargadelos (1963) pola recuperación da memoria histórica, económica e cultural de Galicia dende o ano 1936, momento no que comezou a Guerra civil española.
Historia
O Instituto Galego de Información foi unha das partes das que se vai compoñer o Grupo Sargadelos, coa cabeza visible no complexo Industrial Sargadelos, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, Ediciós do Castro, o real Patronato de Sargadelos e o novo Seminario de Estudos Galegos. O Grupo Sargadelos nace grazas a vontade dos emigrantes galegos no exilio (maioritariamente na Arxentina), os cales buscaban a recuperación económica e cultural de Galicia. As dúas pezas fundamentais son Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. No ano 1963 érguese a base do proxecto: Luís Seoane crea o Laboratorio de Formas.[1]
No ano 1977, Isaac Díaz Pardo colócase a fronte do IGI, o cal instala a súa base en San Marcos (Santiago de Compostela).
Actividade cultural
O IGI naceu coa idea de publicar un xornal en galego. Non obstante, isto non chegou a realizarse nunca. Ao mesmo tempo, Díaz Pardo seguiu a traballar pola memoria da cultura galega. Pódese dicir que o IGI formou parte da corrente literaria e cultural do grupo Sargadelos. Nos anos seguintes do cesamento de actividade, no edificio do IGI Díaz Pardo continuou a recompilar todo tipo de material relacionado coa cultura galega como, por exemplo, os arquivos do Goberno Galego no exilio ou o patrimonio artístico do seu pai, Camilo Díaz Baliño.
Peche
Isaac Díaz Pardo fixou a súa residencia persoal no propio edificio do IGI.[2] Anos máis tarde[cando?], debido a unha profunda crise económica e institucional pola que pasa o Grupo Sargadelos, comezan medidas xudiciais para proceder a destitución do director compostelán, último representante galeguista. Finalmente é apartado do seu cargo en Sargadelos no ano 2006.[3] Non obstante, continuou ligado ao IGI ata a disolución definitiva deste no ano 2011. No ano 2014 e despois da morte de Díaz Pardo, o antigo edificio do IGI esperaba para ser posto á venda e probablemente ser transformado nun complexo hostaleiro.