Inmunidade de grupo

A inmunidade de grupo, inmunidade de rabaño ou efecto rabaño é un método de protección indirecta fronte a enfermidades infecciosas que ten lugar cando unha gran porcentaxe dunha poboación tórnase inmune a unha infección, fornecendo unha protección indirecta para aqueles individuos que non son inmunes.[1][2] Nunha poboación na que un gran número de individuos son inmunes, as cadeas de infección teñen máis probabilidades de racharse, freando ou detendo o avance da enfermidade.[3] Canto maior sexa a proporción de individuos inmunes nunha comunidade, menor é a probabilidade de que aqueles que non son inmunes entren en contacto con outro individuo infectado.[1]

Gráfico sobre a inmunidade de grupo a distintos niveis e o espallamento das enfermidades en cada caso

Proceso e características

A inmunidade individual conséguese tras recuperarse dunha infección natural ou por medios artificiais como as vacinas.[3] Algúns individuos poden non tornarse inmunes por motivos médicos polo que a inmunidade de grupo resulta un método importante de protección.[4][5] Cando unha poboación consegue un certo nivel de inmunidade de grupo, esta elimina de forma gradual a enfermidade dentro da poboación.[5] Esta eliminación, de conseguirse de forma global en todo o mundo, pode dar como resultado a redución do número de infeccións a cero, erradicando a enfermidade.[6] Este método empregouse para a erradicación da varíola en 1977 e para a eliminación rexional doutras enfermidades.[7] A inmunidade de grupo non aplica para tódalas enfermidades, só para aquelas que son contaxiosas, que se transmiten dun individuo a outro.[5] O tétano, por exemplo, é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa, polo que este método non aplica para a súa eliminación.[4]

O termo inmunidade de rabaño usouse por primeira vez en 1923.[1] Quedou recoñecido coma un fenómeno de ocorrencia natural na década dos anos 1930 ó observarse que tras que un número significativo de nenos se tornaron inmunes ó sarampelo, o número de novas infeccións diminuíu temporalmente, incluíndo a nenos susceptibles de contaxio.[8] A vacinación en masa para inducir a inmunidade de grupo pasou a ser dende entón unha práctica común e probou ser efectiva na prevención do avance de moitas enfermidades infecciosas.[9] A oposición ás vacinas supón un contratempo para a inmunidade de grupo, permitindo que enfermidades que teñen prevención persistan ou volvan a xurdir en comunidades con taxas de vacinación non axeitadas.[10][11][12]

Notas


 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.