Aldara de Celanova

aristócrata galega dos século IX e X
(Redirección desde «Ilduara Eriz»)

Ilduara Eriz tamén coñecida como santa Ilduara e frecuentemente Aldara de Celanova[1][2][3] foi unha das aristócratas galegas máis importantes de finais do século IX e X.

Infotaula de personaAldara de Celanova
Biografía
Nacementoséculo IX Editar o valor em Wikidata
Morteséculo X Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Galicia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónaristócrata Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeGutier Menendiz
FillosAdosinda Guterrez de Celanova, Rosendo de Celanova Editar o valor em Wikidata
PaiEro Fernández Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

San Miguel de Celanova, século X.

Filla dos condes de Lugo, Ero Fernandes e a súa muller Adosinda. Casada con Gutier Menéndez, foi nai de Rosendo de Celanova. Os seus outros fillos foron Hermesinda, Froilán III (conde de Trastámara), Munio, Aloito e Adosinda.

Pertencía a unha estirpe emparentada cos reis galaico-leoneses. Era nora de Afonso III o Magno, cuñada do rei de Galicia Ordoño II, tía do rei de Galicia Sancho Ordóñez así como dos reis Afonso IV e Ramiro II.[4].

Tiña posesións ao longo do reino de Galicia, incluíndo as terras do Bierzo e o norte do actual Portugal. Exerceu poderes públicos nos condados de Ortigueira, Saviñao, Lor, Castillón, Quiroga e Caldelas e nas decanías de Ladra, O Páramo, Salnés, Tredóns, Sorga e Limia[5]. Salientou pola acertada administración dos seus dominios e o senso da xustiza no exercicio da súa autoridade.

Arredor do ano 890 casou cun dos máis importantes condes galegos, Gutier Menendiz. A unión de ambas as familias supuxo a creación dun dos maiores patrimonios territoriais do Reino de Galicia altomedieval[6]. Residiu sempre en terras galegas, ben no condado portucalense ben na Galicia nuclear onde son de destacar Portomarín e especialmente Vilanova dos Infantes onde situou a casa-residencia principal da súa familia, alí fundou co seu fillo Rosendo o mosteiro de San Salvador de Celanova (centro monástico de primeira orde na Galicia do século X), ao que Ilduara doou parte do seu patrimonio[7]. No documento de doazón figuran como testemuñas o propio rei, bispos, abades e as mulleres e homes nobres máis importantes do momento.

O autor da Vita Rudesindi, xa do século XII, di que o conde de Galicia Gutier Menéndez gozábase na beleza da súa santa esposa e narra os rogos de ámbolos dous, nos distintos santuarios do reino, para teren descendencia, algo que lle foi prometido a Ilduara nun doce soño na igrexa de San Salvador. No ano 912, o conde Gutier doou á súa esposa a metade dos seus bens, incluídos os futuros. Pola súa banda, o matrimonio obtivera doazóns dos reis de Galicia Ordoño II e Elvira Menéndez e do fillo daquel o rei de Galicia Sancho Ordóñez e a súa esposa a raíña Goto (ano 927).

Dunha fonda relixiosidade, fundou comunidades monacais ás que fixo grandes regalías e que foron o alicerce do monacato galego impulsado polo seu fillo. Gozou dunha cultura ampla, e administrou os seus bens de maneira igual que se fose un home para o que implicaba o seu xénero e a súa época. Malia a isto cando enviuvou retirouse ao mosteiro feminino de Santa María de Vilanova, que ela mesma fundara.

Xa finada, foi soterrada no mosteiro de San Salvador de Celanova, por petición do seu fillo, san Rosendo. A súa festividade segundo o santoral católico ten lugar o 21 de decembro.

Descendencia

Anunciación a santa Aldara da concepción de san Rosendo no coro lígneo da catedral de Santiago de Compostela, hoxe no mosteiro de San Martiño Pinario.

Froito da súa unión con Gutier Menéndez naceron dúas fillas, Adosinda e Hermesinda, e tres fillos, Munio, Rosendo e Froila. De entre todos eles destacou Rosendo, bispo da igrexa de Dumio e posteriormente santo.

Unha sobriña de Aldara, Aragonta González, será a segunda esposa do rei de Galicia Ordoño II. A primeira muller deste, Elvira, era irmá do seu home. Unha neta, Goto, será raíña de Galicia por ser esposa de Sancho Ordóñez.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas