Isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido

composto químico
(Redirección desde «IPTG»)

O isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido (IPTG) é un reactivo usado en bioloxía molecular. Este composto é un imitador molecular da alolactosa, un metabolito da lactosa que desencadea a transcrición do operón lac e é, por tanto, usado para inducir a expresión de proteínas nas que o xene está baixo o control do operador lac.

Isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido
Identificadores
Número CAS367-93-1
PubChem656894
ChemSpider571154
MeSHIsopropyl+Thiogalactoside
Imaxes 3D JmolImage 1
Propiedades
Fórmula molecularC9H18O5S
Masa molar238,30 g mol−1
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O IPTG, a diferenza da alolactosa, non é hidrolizable pola β-galactosidase. Por tanto, a súa concentración permanece constante durante un experimento. Para a indución, unha solución estéril filtrada 1 M de IPTG é tipicamente engadida a unha dilución 1:1000 nun cultivo bacteriano en crecemento exponencial, para dar unha concentración final de 1 mM. Porén, poden usarse tamén outras concentracións de IPTG.

Mecanismo de acción

Igual que a alolactosa, o IPTG únese ao represor lac e libera o represor tetramérico do operador lac de maneira alostérica, o que permite a transcrición dos xenes do operón lac, como o xene que codifica a beta-galactosidase, un encima hidrolase que cataliza a hidrólise de β-galactósidos dando monosacáridos. Pero, a diferenza da alolactosa, o átomo de xofre (S) crea un enlace químico que non é hidrolizable pola célula, impedindo que a célula metabolice ou degrade o indutor.

A captación de IPTG por E. coli pode ser independente da acción da lactosa permease, xa que están tamén implicadas outras vías de transporte.[1] A baixa concentración, o IPTG entra na células por medio da lactosa permease, pero a altas concentracións (tipicamentre usadas para a indución de proteínas), o IPTG pode entrar nas células independentemente da lactosa permease.[2]

Uso en laboratorio

O IPTG é un indutor efectivo da expresión de proteínas no intervalo de concentracións de 100 μM a 3,0 mM. A concentración usada depende da forza de indución requirida, así como o xenotipo de células ou plásmidos usados. Se está presente lacIq, un mutante que sobreproduce o represor lac, entón pode ser necesaria unha maior concentración de IPTG.[3]

En cribados azul/branco, utilízase o IPTG xunto con X-gal. O cribado azul/branco permite identificar as colonias que foron transformadas co plásmido recombinante das que non.[4]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas