Hormona adrenocorticotropa

composto químico

A hormona adrenocorticotropa (ACTH) ou corticotropina é unha hormona polipeptídica, producida pola hipófise, que estimula a actividade endócrina das glándulas suprarrenais (produción de corticosteroides). É un compoñente importante do eixe hipotálamo-hipofisario.

Estrutura química

A ACTH é un polipéptido de 39 aminoácidos. Esta cadea é cortada orixinando dous péptidos: un péptido cos 13 aminoácidos do extremo N-terminal, que é a hormona estimulante dos melanocitos alfa (MSH), e o péptido CLIP restante, de función descoñecida.

No home a secuencia de aminoácidos é a seguinte:Ser-Tyr-Ser-Met-Glu-His-Phe-Arg-Try-Gly-Lys-Pro-Val-Gly-Lys-Lys-Arg-Arg-Pro-Val-Lys-Val-Tyr-Pro-Asp-Ala-Gly-Glu-Asp-Gln-Ser-Ala-Glu-Ala-Phe-Pro-Leu-Glu-Phe-OH.

A ACTH humana ten un peso molecular de 4.540 Da.[1]Está codificada nun xene do cromosoma 2 (locus 2p23).

Funcións

A ACTH estimula dúas das tres zonas do córtex suprarrenal, que son a zona fasciculada onde se secretan os glicocorticoides (cortisol e corticosterona) e a zona reticular que produce andróxenos como a deshidroepiandrosterona (DHEA) e a androstenediona. A ACTH é permisiva, aínda que non necesaria, sobre a síntese e secreción de mineralcorticoides.

ACTH actúa en varios pasos chave que inflúen na vía esteroidoxénica no córtex suprarrenal:

Produción

A ACTH sintetízana as células basófilas (corticotropas) da hipófise anterior ou adenohipófise cando son estimuladas polo factor hipotalámico liberador da corticotropina (CRH ou corticotropin releasing hormone), a partir dun precursor de maior tamaño que sofre roturas proteolíticas.

A síntese de ACTH iníciase a partir da pre-proopiomelanocortina (pre-POMC). A eliminación do péptido de sinalización durante a tradución produce o polipéptido de 241 aminoácidos proopiomelanocortina (POMC), que sofre unha serie de modificacións postraducionais como fosforilación e glicosilación antes de que sexa cortada proteoliticamente por endopeptidases, orixinando varios fragmentos polipeptídicos con varias actividades fisiolóxicas. Estes fragmentos son: NPP, melanotropina gamma (γ-MSH), péptido potencial, corticotropina (ACTH), melanotropina alfa (ou α-MSH), péptido intermedio similar á corticotropina (CLIP), lipotropina beta (β-LPH), lipotropina gamma (γ-LPH), melanotropina beta (β-MSH), beta-endorfina, e Met-encefalina. O POMC, a ACTH e a β-lipotropina segréganas as células corticotropas da adenohipófise.[3]

A regulación da síntese de ACTH prodúcese da seguinte maneira: En situación de estrés físico ou psicolóxico como a dor, o cansazo, medo ou cambios da temperatura, é estimulada intensamente a secreción do factor hipotalámico CRH, que estimula a liberación de ACTH (e esta a de glicocorticoides). Tamén estimulan a síntese de ACTH outras hormonas como a arxinina-vasopresina (AVP), as catecolaminas, a anxiotensina II, a serotonina, a oxitocina, o péptido natriurético auricular (ANP), a colecistoquinina, e o péptido intestinal vasoactivo (VIP), entre outros.

Inversamente, existe un control por retroalimentación negativa para os glicocorticoides, que se fixan sobre os receptores do hipotálamo e inhiben a secreción de CRH. Os glicocorticoides actúan igualmente sobre a hipófise bloqueando a liberación de ACTH á circulación sanguínea. Cando se administran cantidades farmacolóxicas de cortisol ou dun derivado sintético como a dexametasona, a síntese de ACTH diminúe.

Deste modo que a síntese neta de ACTH é o resultado da potencia relativa dos sinais estimuladores (CRH) e inhibidores (cortisol).

Modo de acción

A ACTH únese aos receptores de membrana acoplados á proteína G das células do córtex da glándula suprarrenal. Esta unión produce un aumento da concentración intracelular de AMPc, que activa a adenilciclase (unha proteína quinase), que á súa vez activa os encimas (encima P450scc) responsables da transformación do colesterol en pregnenolona, un precursor dos glicocorticoides. A ACTH tamén estimula, entre outras proteínas necesarias para a esteroidoxénese, os receptores para a lipoproteína LDL, e na glándula suprarrenal fetal, a hidroximetil glutaril coencima A redutase (HMG-CoA redutase), necesaria para a síntese de novo do colesterol.

A taxa plasmática de ACTH presenta un ciclo circadiano, cunha secreción maior durante o día e menor durante a noite. Existe un pico de máxima secreción de 7 a 9 da mañá. Isto indica que dita hormona e os glicorticoides son moi importantes para a actividade normal na vixilia. O desfase do ciclo circadiano da ACTH coa hora do lugar é a causa do malestar físico e psíquico que se dá tras as viaxes intercontinentais, sobre todo se son desde o leste ao oeste.

A vida media da ACTH no sangue humano é duns dez minutos.

Utilidade clínica

Un exceso de ACTH produce a síndrome de Cushing.A análise dos niveis de ACTH utilízase como indicador da función hipofisaria e é útil no diagnóstico diferencial de:

  • Enfermidade de Addison.
  • Hiperplasia adrenal conxénita.
  • Síndrome de Cushing.

ACTH sintética

Unha forma sintética activa da ACTH, que consta dos primeiros 23 aminoácidos da ACTH nativa, foi sintetizada por Klaus Hofmann na Universidade de Pittsburgh.[4] A ACTH está dispoñible en forma de derivados sintéticos como cosintropina e sinacthen, que se usan fundamentalmente na proba de estimulación de ACTH.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos