Historia da pintura en Creta

Na illa de Creta, na antigüidade, desenvolveuse unha pintura innovadora de extraordinaria calidade. O carácter singular e innovador da pintura cretense distínguese en tres aspectos fundamentais:

Friso dos glifos, pintura mural da Sala do Trono do Palacio de Cnossos. Creta, período Minoico II, cara a 1450-1400 A.C.
  • Os temas da pintura cretense van máis lonxe cós temas relixiosos propios do Antigo Exipto ou Mesopotamia. Tamén van máis alá dos temas da vida cotiá de Exipto. Os cretenses incorporan desfiles e procesións de deuses e homes, danzas variadas, xogos de risco como o salto das bailarinas por enriba das hastas dos touros etc. A incorporación á pintura da composición, do ritmo e as proporcións é o aspecto máis innovador xa que a partir de Creta, estes elementos inmateriais estarán presentes en tódalas manifestacións pictóricas.
  • As formas pictóricas cretenses son máis lixeiras e ousadas. Deixan de lado a rixidez da pose propia do sentido relixioso das culturas exipcia e mesopotámica para representar os deuses con forma humana e á mesma escala cós homes. A pintura cretense, se ben nos seus inicios mantén a frontalidade, evoluciona e dá volume ós corpos usando as medias tintas ou as gradacións de cor. En definitiva, aínda que se recrean os mesmos temas da vida cotiá, cáptase con máis humor e espontaneidade as actitudes e os acenos. Finalmente, incorpora os ritmos, derivados da reprodución dos detalles e das formas xeométricas propias das culturas do metal: espirais, bucles, ondas etc.
  • A pintura cretense áchase nos pazos, non nas tumbas. O espazo propio da pintura cretense son as habitacións, corredores e outras dependencias dos pazos e as casas. Os cretenses pintaban ó fresco sobre os entrepanos enfoscados ou revocados. As súas mellores escenas están á altura da vista, entre o zócolo de alabastro ou mármore polícromo e o teito dos pazos e casas.
O príncipe dos lirios, Pintura mural no Pazo de Cnosos. Creta.

Como toda a Arte Cretense, a pintura cretense deriva do feito de que na illa de Creta se desenvolveu unha civilización de base agraria que evolucionou a partir do intenso comercio marítimo que puxo a Creta tanto en contacto tanto cos Imperios Agrarios de Exipto e Mesopotamia como cos pobos máis atrasados do continente europeo, as culturas da Idade de Bronce.

Creta foi o lugar do mundo antigo civilizado en que se iniciou o desenvolvemento das artes e técnicas da metalurxia do bronce, que se introduciu na illa cara ó ano 2500 a.C.

Mediante o comercio marítimo, a civilización cretense mantiña intensos contactos tanto cos Imperios Agrarios como cos pobos de Anatolia e de Europa onde se desenvolveran as primeiras culturas da Idade de Bronce. As súas naves comerciaban con Exipto e Mesopotamia intercambiando aceite, viño e gando por legumes, cereais e tecidos, tamén intercambiaban obxectos artísticos e cobre. Polas rutas comerciais do Danubio e outras vías de penetración, obtiñan o estaño dos filóns do centro de Europa.

A arquitectura cretense inspírase na arquitectura de Mesopotamia, os seus modelos son Acadios, Sumerios ou Hititas, pero a pintura cretense inspírase na pintura do antigo Exipto, a partir da cal crea un novo universo de formes de extraordinaria influencia na evolución posterior da Historia da Arte.

A obra máis destacada da pintura cretense é "o Príncipe dos lirios" un fresco do Pazo de Cnossos que pertence ó período Minoico I. Outras obras son: a "Corrida de Touros" co tema das bailarinas saltando xa comentado, e o perfil dunha rapariga que popularmente se denomina "a Parisina", ambas, coma o anterior, procedentes do Pazo de Cnossos, gárdanse actualmente no Museo de Candía.