Guillerme II de a cabalo, por Nicaise de Keyser, 1846
A continuación da súa educación militar produciuse no exército británico. En 1811, como axuda de campo de Arthur Wellesley, duque de Wellington, participou en varias campañas na Península Ibérica contra os exércitos de Napoleón Bonaparte. Durante a Batalla de Vitoria, o 21 de xuño de 1813, Guillerme mandaba unha unidade de cabalaría, a primeira de Húsaresalemáns. Cos franceses xa en aberta retirada, Guillerme recibiu a orde de Wellingon de entrar na cidade, expulsar os franceses e pechar os accesos para impedir saqueos, mesmo das tropas aliadas. Regresou aos Países Baixos ese mesmo ano, cando o seu pai tomou posesión novamente como príncipe soberano.
En 1815 Guillerme converteuse en príncipe coroado e uniuse ao exército do seu país cando Napoleón Bonaparte escapou do seu confinamento na illa de Elba. Loitou como comandante das tropas belgas e holandesas na Batalla de Quatre Bras (16 de xuño) e na Batalla de Waterloo (18 de xuño), onde resultou ferido. Amosou gran valor e enerxía persoal, pero con frecuencia demostrou un xuízo militar desastroso e as súas estratexias ocasionaron moitas baixas innecesarias. O Duque de Wellington atribuíu a súa estratexia á falta de experiencia no mando, aínda que non o consideraba un mal líder.
Guillerme rodeado pola multitude, durante a Revolución Belga de 1830
O príncipe Guillerme gozaba de gran popularidade tanto en Bélxica como nos Países Baixos, por mor da súa afabilidade e a súa moderación, e en 1830, co estoupido da Revolución de Bélxica, realizou un grande esforzo diplomático por alcanzar un acordo entre as faccións enfrontadas, ofrecendo autonomía administrativa ás provincias do sur dos Países Baixos e mantendo a soberanía da Casa de Orange-Nassau. Con todo, os seus esforzos foron entorpecidos pola actitude do seu pai, o rei Guillerme I dos Países Baixos, que rexeitou os termos do acordo, o que tamén xerou tensións entre pai e fillo.
En abril de 1831 dirixiu unha campaña militar de dez días en Bélxica, que foi rexeitada cara ao norte pola intervención de Francia. A diplomacia europea terminou recoñecendo a secesión de Bélxica do Reino dos Países Baixos, que estableceu a Leopoldo I no trono do novo país. Finalmente, Bélxica e os Países Baixos alcanzaron a paz en 1839.[3]
O 7 de outubro de 1840, tras a abdicación do seu pai, o príncipe accedeu ao trono como Guillerme II. En contraste co carácter conservador e remiso ás reformas do seu pai, o novo monarca interveu menos na política nacional. A axitación popular crecía demandando maiores reformas constitucionais e unha ampliación electoral. Aínda que persoalmente a súa ideoloxía tendía cara ao conservadorismo, ante as demandas populares actuou con moderación, realizando algunhas concesións.
En 1848 estouparon varios movementos revolucionarios por toda Europa. En París, a dinastía de Borbón-Orleáns foi derrocada. Guillerme II temeu que estalase a revolución en Ámsterdam, Unha mañá espertou e dixo: “Cambiei de conservador a liberal nunha noite”. Deu ordes para crear unha nova constitución que incluíse o Eerste Kamer (Senado), que sería elixido indirectamente polos Estados Provinciais, e o Tweede Kamer (Parlamento), que sería elixido directamente mediante sufraxio. O sistema e os distritos electorais foron reformados e mantivéronse ata 1917, momento en que se instaurou o sufraxio universal e os distritos electorais foron substituídos por listas políticas. A constitución segue en vigor na actualidade.[4]
En 1814 Guillerme comprometeuse brevemente coa princesa Carlota Augusta de Gales, a única filla do príncipe rexente (posteriormente Xurxo IV do Reino Unido) e da súa esposa Carolina de Brunswick. O acordo matrimonial fora preparado polo príncipe rexente, pero rompeu porque Carlota se negou persoalmente a casar con Guillerme.
O rei Guillerme II coa súa familia, por Jan Baptist van der Hulst, 1832. De esquerda a dereita: Guillerme, Alexandre, o monarca e a súa consorte, Sofía e Henrique.
Guillerme II e a Raíña Ana Pavlovna tiveron cinco fillos:
O príncipe Guillerme dos Países Baixos (1817-1890), máis tarde rei Guillerme III dos Países Baixos (1849-1890).
O príncipe Alexandre dos Países Baixos (1818-1848).
O príncipe Henrique dos Países baixos, “O Navegante” (1820-1879).
O príncipe Ernesto Casimiro dos Países Baixos (1822).
A princesa Sofía dos países Baixos (1824-1897).[6]
Volkmann, Jean-Charles. Généalogies des rois et des princes d'Europe. Gisserot. 1998. ISBN 2877473740(en francés)
Herbert H. Rowen. The Princes of Orange: The Stadholders in the Dutch Republic. Cambridge, Cambridge University Press, 1988. ISBN 978-0-52134-525-5(en inglés)